Rematadas as obras de adecentamento da 2ª Travesía da Camuza, subvencionadas pola Deputación
As actuacións realizadas no último ano nese ámbito melloraron de forma substancial a seguridade viaria nos accesos á vila malpicá
Co pintado da vía déronse por finalizadas as obras de adecentamento da 2ª Travesía da Camuza, en Malpica. O investimento superou os 16.000 euros, pero este pequeno proxecto, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, vai contribuír de maneira importante a mellorar a circulación pola zona. O goberno municipal está a facer un importante esforzo para manter a rede viaria en condicións óptimas e para mellorar a mobilidade peonil. Con esa intención, ao longo do ano pasado acometéronse numerosas obras.
Precisamente na Camuza levouse a cabo un proxecto de mellora da seguridade viaria no tramo que abrangue dende o cruce de Seaia ata o tanatorio. Os traballos afectaron a máis de 600 metros a ámbolos marxes da vía que une Malpica con Ponteceso, moi transitada pola existencia de vivendas e negocios.