Emotiva entrega dos premios na Cea das Letras
Diana Kurich gañou o XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
![](https://www.concellomalpica.com/wp-content/uploads/2022/11/cea-das-letras-4-1024x597.jpg)
Como cada ano Malpica convértese na capital galega da poesía erótica. Un evento cultural promovido pola asociación Caldeirón en colaboración co Concello de Malpica.
Máis dunha trintena de persoas asistiron a entrega dos premios do XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas que se celebrou onte na Casa do Pescador de Malpica. Andrea Fernández Maneiro, foi a encargada de ler o fallo do xurado.
A obra gañadora foi “Feitas ao sisel”, de Diana Kurich, elixida polo xurado por unanimidade “pola súa estrutura orixinal desde a inspiración na cantiga popular que se ve substituída coa irrupción dun rexistro culto que provoca unha rica ruptura do poema” entre outros. O xurado tamén concedeu un accésit á obra “Corpo nomade” de Teresa Ríos Noya, polo seu discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade.
No acto, no que estivo presente o Alcalde de Malpica, Eduardo Parga, tamén se presentou o libro “Persistencia da musica en novembro”, do pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, con prólogo de Juan Durán, compositor e Premio Reina Sofia de Composición 2018, e membro da Real Academia Galega de Belas Artes.
![](https://www.concellomalpica.com/wp-content/uploads/2022/11/cea-das-letras-1024x623.jpg)
![](https://www.concellomalpica.com/wp-content/uploads/2022/11/cea-das-letras-2-1024x620.jpg)