Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

8Out 2015

Comezou o curso de alfabetización informática para mulleres, incluído no programa Conectad@s da Área de Igualdade

Nove alumnas participan na actividade, que se prolongará ata o 9 de decembro

540-f-foto

Nove alumnas participan no curso de alfabetización informática para mulleres organizado dende a Área de Igualdade do Concello de Malpica dentro do programa Conectad@s, que promove o coñecemento e a utilización das novas tecnoloxías para contribuír a diminuír a brecha dixital de xénero. As participantes estiveron acompañadas na sesión inaugural polo alcalde, Eduardo Parga.

As sesións formativas desenvolveranse todos os mércores ata o 9 de decembro. O obxectivo é dotar ás participantes das ferramentas básicas en informática e novas tecnoloxías, pero tamén se traballarán de maneira transversal cuestións coma a igualdade de xénero e de oportunidades. Así mesmo, a técnica de Igualdade do Concello de Malpica, Patricia Vaquero, porá en marcha con este grupo de mulleres un proxecto documental de recompilación de fotografías, recortes ou calquera outro documento que sirva para visibilizar a aportación das mulleres de Malpica á sociedade.

Dentro do programa Conectad@s tamén está incluído un curso de novas tecnoloxías para maiores de 55 anos no que, debido á alta demanda, foi preciso crear dous grupos.

7Out 2015

Presentadas doce obras ao Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que celebra o seu décimo aniversario

A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica entregarán o premio aos gañadores da pasada edición na Cea das Letras, o 7 de novembro

540-f-foto

Un total de doce obras aspiran ao premio do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, que acada a súa décima edición e que está dotado con 1.000 euros en metálico e a publicación da obra na colección Caldeirón. O xurado reunirase nas vindeiras semanas, e o fallo farase público o vindeiro 7 de novembro, coincidindo coa celebración da Cea das Letras. Neste mesmo acto terá lugar a entrega do premio aos gañadores do ano pasado. Será unha entrega dobre, xa que o poemario “O episodio”, gañador da novena edición, está escrito a catro mans por Alberte Momán e Verónica Martínez Delgado (na imaxe). A obra, definida polo xurado coma unha proposta literaria “arriscada”, verá a luz o mesmo día 7.

Verónica Martínez xa obtivera un accésit no ano 2013 por “Ode à Madison Ivy e outras cousas de meter”, e Alberte Momán xa gañou a segunda edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, polo que ámbolos dous son vellos coñecidos de Malpica.

O premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón, coa colaboración do Concello de Malpica, está aberto a autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega. O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo alcalde, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo presidente desta entidade e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica.

5Out 2015

O Centro Cívico acolle a exposición de fotoxornalismo “Galicia en foco”

A gañadora da edición 2015 é unha fotografía de Xoán A. Soler que retrata a dor no aniversario da traxedia de Angrois

540-f-foto

A exposición itinerante das obras do premio de fotoxornalismo Galicia en foco recala en Malpica.  O proxecto, creado no ano 1989 polo Club de Prensa de Ferrol, foi o primeiro movemento fotográfico tendente a reivindicar o traballo dos fotógrafos de prensa de Galicia, avalado pola numerosa participación de reporteiros que cada ano acoden a esta convocatoria.

A mostra fotográfica serve así mesmo de recompilación e crónica anual do acontecer e sentir do pobo galego, recollido nas súas diversas facetas nos medios de comunicación. Tamén esperta o interese do público pola obra dos realizadores gráficos: que se coñezan os seus nomes, a súa profesionalización e a súa identificación coa Galicia contemporánea que eles mesmos documentan.

A exposición, que pode verse no Centro Cívico en horario de mañá e tarde, está composta polos traballos dos 27 fotoxornalistas que participaron no certame. A imaxe gañadora deste ano, de Xoán A. Soler, retrata a dor no aniversario da traxedia de Angrois.

O Club de Prensa de Ferrol acumula a través de xa 24 edicións un importante fondo documental fotográfico que supera as 1.500 fotografías que veñen ser a historia do recente xornalismo gráfico de Galicia.

3Out 2015

O Concello de Malpica de Bergantiños reitera a súa solidariedade coa Asociación Galega de Ataxias

Os concelleiros Miguel Fernández e Pilar Doldán participaron hoxe na cuestación realizada pola entidade no mercado municipal

540-f-foto

O tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Servizos e Seguridade, Miguel Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, participaron hoxe na cuestación realizada no mercado municipal pola Asociación Galega de Ataxias (AGA). Con este xesto, o goberno municipal volveu a manifestar o seu apoio á entidade, que conta con gran implantación no municipio.

Os representantes do goberno malpicán destacaron o importante labor que desenvolve a Asociación Galega de Ataxias tanto na atención directa aos doentes coma na información e asesoramento ás persoas afectadas e aos seus familiares.

Durante a xornada informativa, a presidenta da AGA, Lola Castro, e a vogal Juliana Moscoso Lema repartiron trípticos nos que explican que é unha ataxia, cales son os seus síntomas, o estado das investigacións para atopar unha cura e o labor que desenvolve a propia entidade. As persoas que desexen recompilar máis datos ou colaborar con AGA poden poñerse en contacto vía mail ataxias.galicia@gmail.com ou por teléfono nos números 981 234 651, 636 779 682 ou 629 178 566.

1Out 2015

A Concellería de Cultura pon en marcha os obradoiros de manualidades e animación teatral para nen@s e adult@s

As actividades funcionarán durante todo o curso en Malpica e Buño

540-f-foto

A Concellería de Educación, Cultura e Turismo de Malpica puxo en marcha hoxe os obradoiros de manualidades e animación teatral para nen@s e adult@s, nos que participan máis de 200 persoas. As nenas máis pequenas, de idades comprendidas entre tres e sete anos, foron as primeiras en incorporarse á aula, na que recibiron a visita do tenente de alcalde, Miguel Fernández, que lles deu a benvida. A maioría das participantes repiten nos talleres que imparte Lucía Villanueva, e que todos os anos teñen moita demanda. Hoxe comezarán os dous grupos de rapaces/as de oito a quince anos, e o luns día 5 ás 17 horas realizarase a presentación da actividade para os alumnos/as do colexio de Buño.

Co mes de outubro tamén comezan os cursos de manualidades para adultos. En Buño as sesións serán os luns na Casa do Oleiro; en Mens, os martes no Centro Sociocultural, e en Malpica, os xoves no Centro Cívico, nos tres casos en horario de 18.30 a 19.30.

A primeira hora da tarde de hoxe tamén tivo lugar a primeira toma de contacto entre os nenos e nenas do obradoiro de animación teatral coa súa monitora, Silvia Losada, de cara ao inicio do curso na xornada de hoxe. Os rapaces/as de catro e cinco anos ensaiarán os xoves de 16.00 a 17.00 horas; os de seis a oito anos, de 17.00 a 18.00; os de nove a doce anos, de 18.00 a 19.00 horas, e os maiores de doce anos, de 19.00 a 20.00 horas. Hoxe ás 17.00 horas terá lugar a presentación do taller en Buño, onde os nenos e nenas de seis a doce anos terán teatro todos os xoves de 17.00 a 18.00 horas ao longo do curso escolar no propio colexio.

26Set 2015

Os veciños celebraron a reapertura da fonte do Ventorrillo

As análises revelan que non hai restos do vertido de gasóleo que obrigou a pechala hai case tres anos, pero a auga non é apta para o consumo

540-f-foto

Os veciños celebraron cunha improvisada festa a reapertura da fonte do Ventorrillo a última hora da tarde de onte, despois de case tres anos fóra de servizo. O manancial que a abastece resultara afectado polo vertido de 10.000 litros de gasóleo que se produciu por unha rotura no tanque de combustible do colexio Milladoiro, e o goberno municipal non quixo reabrila ata comprobar que estaba totalmente limpa. Segundo indicou o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, as últimas análises confirman que xa non hai restos de gasóleo, o que permitiu atender as solicitudes veciñais de reapertura. O propio Miguel Fernández e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, sumáronse onte aos veciños e veciñas que se reuniron xunto á fonte para celebrar que volva a ter auga. Dende o goberno municipal de Malpica agradeceron á panadería Forno Novo a súa colaboración cunha empanada e un doce, o que converteu a xuntanza nunha pequena festa.

 

O concelleiro de Obras e Servizos agarda que coa posta en funcionamento da fonte queden despexadas todas as dúbidas e os rumores sobre as causas que a mantiveron pechada durante estes case tres anos, e insistiu en que o goberno municipal non quixo poñer en risco a saúde pública abríndoa mentres existisen restos do combustible. Agora, aínda que xa non queda gasóleo, a auga da fonte non é apta para o consumo, como indica o cartel que se colocou onte mesmo no surtidor.

26Set 2015

A Escola Municipal de Educación Física amplía a súa oferta para os nenos e nenas en idade escolar

O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de outubro no Departamento de Deportes ou nos respectivos centros escolares

540-f-foto



Escola de porteiros, ximnasia rítmica, fútbol, baloncesto, psicomotricidade, patinaxe e aerobic integran a oferta da Escola Municipal de Educación Fïsica (EMEF) do Concello de Malpica para as nenas e os nenos en idade escolar, que vén de facer pública o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín.







O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de outubro no Departamento de Deportes (de 09.00 a 14.00 horas), nos respectivos colexios, a través do número de teléfono 981 720 001 ou do correo electrónico pablo.lista@malpica.dicoruna.es. No cadro adxunto pódese consultar a oferta completa por horarios, idades e centros.

Así mesmo, segue aberto o prazo de inscrición para a Escola Municipal de Tenis, dirixida tanto a nen@s coma a adult@s, aínda que se requirirá un mínimo de participantes para que se poña en marcha. As sesións de adestramento, dirixidas polo Club de Tenis Punta Salera, da Pobra do Caramiñal, desenvolveranse os domingos no polideportivo. Hoxe ás 12 horas celebrarase unha xuntanza con tod@s @s interesados no salón de plenos do Concello.

Os e as maiores de 16 años tamén poden participar nos cursos de ximnasia terapéutica (grupos en Malpica e Buño) e zumba (Malpica). Máis información no Departamento de Deportes.

25Set 2015

O banco de alimentos do Concello de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia achega material escolar ás familias con nenas e nenos

O servizo ten nestes momentos un total de 21 familias usuarias

540-f-foto

O banco de alimentos do Concello de Malpica de Bergantiños, xestionado pola Fundación Amigos de Galicia e a Concellería de Servizos Sociais, presta unha atención especial aos máis pequenos/as coincidindo co inicio do curso escolar. No reparto correspondente ao mes de setembro o banco de alimentos achegou ás familias con nenos e nenas en idade escolar mochilas equipadas con todo tipo de material de escritura e debuxo, complementando así outro tipo de axudas ás que poidan acceder.

Nos dous anos que leva en funcionamento, o banco de alimentos do Concello de Malpica non só se encarga de subministrar produtos non perecedoiros e alimentos frescos de temporada ás 21 familias usuarias que ten nestes momentos, senón que tamén atende outras necesidades, coma o acondicionamento e/ou amoblamento das vivendas ou, coma neste caso, a achega do material preciso para os nenos e nenas en idade escolar. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, estivo acompañada no reparto polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Iago Espasandín, ademais de persoal do departamento.

24Set 2015

O Departamento de Servizos Sociais convoca novos obradoiros de memoria e de iniciación á informática

O Concello de Malpica reforza a súa oferta de actividades formativas para maiores, persoas con diversidade funcional e mulleres
540-f-foto

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica, que dirixe Marisol Blanco Gorín, reforza a súa oferta de actividades formativas para as persoas maiores e/ou con diversidade funcional coa convocatoria de obradoiros de memoria e de iniciación á informática que se desenvolverán a partir do 5 de outubro e durante todo o curso.

 

Os talleres de memoria terán lugar na Casa do Oleiro de Buño e no Centro Cívico de Malpica, nos dous casos en horario de 10.30 a 12.00. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. O obradoiro de iniciación á informática, dirixido tamén tanto a maiores coma a persoas con diversidade funcional, impartirase todos os luns de 12.00 a 13.30 horas na Casa do Oleiro de Buño. Coma no caso anterior, as prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os/as interesados/as poden solicitar información ou anotarse no número de teléfono 981 720 280.

 

Así mesmo, ata o 2 de outubro segue aberto o prazo de solicitude de praza para as primeiras actividades incluídas no programa Conectad@s, unha iniciativa da Área de Igualdade que promove o coñecemento e a utilización das novas tecnoloxías para contribuír a diminuír a brecha dixital de xénero.

 

A oferta inclúe un curso de alfabetización dixital para mulleres e outro de novas tecnoloxías para maiores de 55 anos. As persoas interesadas en participar deben anotarse antes do 2 de outubro no departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica ou a través dos números de teléfono 981 720 280 ou 981 707 104. Hai dez prazas por grupo. O curso de alfabetización dixital para mulleres desenvolverase do 7 de outubro ao 9 de decembro en horario de 10.30 a 12.00, mentres que o de novas tecnoloxías para maiores de 55 anos terá lugar nas mesmas datas pero de 12.00 a 13.30 horas, os dous na Casa do Oleiro de Buño. 

 

23Set 2015

A Agrupación de Protección Civil de Malpica conta cunha das bases mellor equipadas da comarca tras anos de abandono

O alcalde e o tenente de alcalde reuníronse hoxe con voluntarios da agrupación e presentaron o novo remolque de emerxencias
540-f-foto

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica de Bergantiños conta cunha das bases mellor equipadas da comarca. E esa dotación, que inclúe tamén dous vehículos e un edificio propio totalmente reformado despois de varios anos de abandono, vén de mellorar coa entrega, por parte da Xunta de Galicia, dun remolque de emerxencias dotado dun xerador de electricidade, equipo de iluminación, bombas de achique para augas residuais e pluviais, luces de sinalización de accidentes, conos, motoserra, desbrozadora, garrafas e todo o material de autoprotección correspondente. Hoxe realizouse a presentación oficial do novo remolque, nun acto no que participaron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Obras, Servizos e Seguridade, Miguel Fernández; o xefe da agrupación, Iván Muíño, e un grupo de voluntarios de Protección Civil.

 

O alcalde e o concelleiro, que mantiveron unha reunión cos voluntarios, expresaron hoxe de novo o compromiso do goberno municipal coa agrupación e manifestaron a súa disposición a seguir mellorando o equipamento e as instalacións.

 

O Concello de Malpica continuará deste xeito coa política iniciada no ano 2011 para dotar convenientemente o grupo local de Protección Civil. A base, que levaba 11 anos construída, atopábase nun estado de abandono absoluto, polo que ao longo destes catro anos foi preciso cambiar os teitos, ventás, portas, solos, solucionar os problemas de humidade, pintar e amoblar as dependencias. Nestes momentos, o edificio conta cunha ampla zona de recepción e operacións, baños, almacén-garaxe, despacho, vestiario-zona de lecer e cociña perfectamente equipados. Tamén se acometeu a maior parte da urbanización exterior, na que participaron os propios voluntarios e voluntarias e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, coa execución directa das obras.

 

Os próximos obxectivos son a ampliación da base e a adquisición dunha nova embarcación de salvamento.

 

Página 102 de 152« Primera...102030...100101102103104...110120130...Última »