Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

12Set 2015

O Concello de Malpica recomenda que non se consuma auga da traída ata completar a limpeza da rede municipal

Unha empresa especializada analizará as mostras recollidas para intentar determinar as causas da turbidez e o mal olor detectados o venres
540-f-foto

O Concello de Malpica agarda aos resultados das análises da auga para coñecer as causas dos problemas detectados o venres na traída municipal. As anomalías detectáronse a media mañá, cando a auga empezou a saír turbia polas billas e a desprender mal olor.

 

Os técnicos do Servizo Municipal de Augas realizaron unha primeira inspección no río por se o problema estivese na captación, pero non se detectou rastro algún de contaminación. Despois comprobouse que o fallo se producira nos filtros do depósito da Pedra Queimada, que é o principal e dende o cal se abastece a outros, polo cal os técnicos optaron por proceder ao seu baleirado para limpalo e renovar a auga por completo. Esa parte do proceso quedou rematada na tarde-noite do venres, e comezouse co purgado das tuberías. De todos os xeitos, a auga aínda pode tardar un ou dous días en saír limpa, xa que na hipotética situación de que se cortase o subministro por calquera motivo, a auga almacenada nas tuberias daría para abastecer a vila durante un dia.

 

Aínda que a auga está tratada, o Concello de Malpica recomenda que non se utilice para o consumo humano ata que a rede estea completamente limpa, o cal agárdase que ocorra nas vindeiras horas. O luns deberían ter desaparecido os problemas de turbidez e mal olor da auga. Ese mesmo día, así mesmo, realizaranse novas analíticas que o goberno municipal agarda que permitan determinar as causas da contaminación e, no seu caso, esixir responsabilidades.

 

11Set 2015

A piques de comezar as obras para completar a rede separativa de augas pluviais e residuais no núcleo de Piñeiros

O alcalde, Eduardo Parga, asinou o contrato coa empresa adxudicataria do proxecto, Construcciones López Cao SL
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar coa empresa Construcciones López Cao SL o contrato correspondente á obra de instalación da rede separativa de augas pluviais e residuais no núcleo de Piñeiros, que empezará a executarse en breve cun orzamento de 98.339,37 euros. Esta actuación, que permitirá completar o saneamento do lugar de Piñeiros, está incluída no Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015, aprobado pola corporación municipal no pasado mes de febreiro.

 

O PAI é un préstamo da Deputación da Coruña aos concellos sen xuros, con dous anos de carencia e un prazo de devolución de 10 anos a partir do 2017, unhas condicións moi vantaxosas e que, na opinión do alcalde, Eduardo Parga, “sería unha mágoa non ter aproveitado”. Nas bases reguladoras do PAI establecíase que os concellos podían destinar a citada cantidade á redución do seu endebedamento e/ou á realización de investimentos financeiramente sostibles. A proposta do goberno municipal de Malpica consistiu en destinar 33.065,59 euros á redución da débeda e o resto a dúas obras: o saneamento de Piñeiros e a renovación das instalacións de iluminación para a mellora da eficiencia enerxética nos lugares de Mens, Asalo e O Miñón, na parroquia de Mens, que ten un orzamento de 61.641,45 euros.

 

Eduardo Parga destacou que o Concello de Malpica pode destinar a maior parte do PAI a investimentos grazas á boa xestión económica dos últimos anos. 

 

10Set 2015

Nomeados os representantes das asociacións no Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo

A concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, presidiu a reunión, que destacou pola cordialidade e a unanimidade da elección
540-f-foto

O movemento asociativo do municipio de Malpica de Bergantiños elixiu aos seus representantes no Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo (Toledo). Son Walter Pardo, da Asociación Cultural Malante; Begoña Gómez, da Asociación Cultural Raigañas, e Eloi Mancebo, da Asociación Oleira de Buño. A elección realizouse por unanimidade, e do mesmo xeito foron nomeados como suplentes Manuel Chouciño e Jesús Villar, das asociacións de veciños Monte d’Arxa de Cerqueda e Santiago Apóstol de Mens, respectivamente.

 

Na reunión, celebrada o mércores pola noite, participaron dez das oitenta entidades que están inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións: Asociación Cultural Malante de Malpica, Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, Asociación de Amas de Casa de Malpica, Asociación de Veciños Monte dArxa de Cerqueda, Asociación Cultural e Deportiva San Xulián de Seaia, ANPA de Buño, Asociación Oleira de Buño, Sociedad Cultural Deportiva Buño, Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Mens e Asociación Profesional de Redeiras Mar da Illa.

 

A concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, presidiu o encontro, que se caracterizou pola cordialidade, e o técnico do departamento, Antón Noceda, explicou aos asistentes distintos aspectos do proceso do irmandamento. As entidades presentes no acto amosaron gran interese polos intercambios que poidan realizarse no futuro entre as dúas Malpica e empezaron a barallar xa as primeiras iniciativas que poderían promover ou nas que poderían colaborar.

 

Segundo o acordo plenario adoptado o pasado 26 de marzo, o Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo estará integrado, ademais, por catro membros da corporación municipal (un por cada grupo político) e un traballador da área de Cultura, Educación e Turismo.

 

9Set 2015

O Concello de Malpica mellora a dotación de Protección Civil cun remolque equipado para emerxencias

O alcalde e o coordinador da agrupación acudiron a recollelo á Academia Galega de Seguridade Pública nun acto presidido polo vicepresidente da Xunta
540-f-foto

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe na sede da Academia Galega de Seguridade Pública dun total de 41 remolques de emerxencias para as agrupacións de Protección Civil de concellos das catro provincias galegas, entre eles o de Malpica. Ao acto acudiron o alcalde, Eduardo Parga, e o coordinador da agrupación de voluntarios malpicá, Iván Muíño.

 

O vicepresidente da Xunta resaltou a importancia de que os concellos galegos poidan dispoñer de máis medios que acheguen seguridade á cidadanía, polo que a Xunta facilita así aos concellos galegos novos equipamentos para as emerxencias. O remolque está dotado dun xerador de electricidade, equipo de iluminación, bombas de achique para augas residuais e pluviais, luces de sinalización de accidentes, conos, motoserra, desbrozadora, garrafas e todo o material de autoprotección correspondente.

 

Os novos equipamentos van destinados a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, no marco de Programa Operativo Feder-Galicia 2007-2013. Hoxe outorgáronse 41 remolques para atención ás emerxencias, e proximamente a Xunta fará entrega de vehículos todo terreo tipo pick-up, furgóns para transporte e loxística, embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate; esparexedores de sal adaptados a remolques ou vehículos todoterreo e remolques con carpa presurizadas para Posto de Mando Avanzado, cun orzamento total que supera os 4 millóns de euros.

 

8Set 2015

As asociacións reúnense para elixir aos seus representantes no Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo

No comité tamén participarán catro membros da corporación e un traballador da área de Cultura, Educación e Turismo
540-f-foto

As entidades inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello de Malpica de Bergantiños están convocadas para mañá mércores coa finalidade de elixir aos seus representantes no Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo (Toledo).

 

Segundo o acordo plenario adoptado o pasado 26 de marzo, o comité estará integrado por catro membros da corporación municipal, un por cada grupo político; un traballador da área de Cultura, Educación e Turismo, e tres representantes do movemento asociativo.

 

O obxectivo do irmandamento é, tal como se recolle no acordo plenario, “establecer lazos de relación e amizade permanente con Malpica de Tajo en orde a un mellor coñecemento, entendemento, intercambio de experiencias e cooperación mutuas dende a liberdade e o respecto aos dereitos dos homes e das vilas”.

 

A reunión das asociacións está convocada para mañá ás 20.30 horas no auditorio do Centro Cívico. As entidades proporán a tres representantes para proceder á constitución do comité e levar a cabo o irmandamento entre ámbolos concellos.

 

7Set 2015

A Concellería de Servizos Sociais iniciará o día 18 os cursos de manualidades para maiores e persoas con diversidade funcional

As actividades funcionarán durante todo o curso en Malpica e Buño
540-f-foto

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica porá en marcha o día 18 os cursos de manualidades para persoas maiores e/ou con diversidade funcional. Segundo informou a concelleira delegada da área, Marisol Blanco Gorín, a presentación das actividades levarase a cabo ese mesmo día nos horarios correspondentes a cada grupo.

 

O obradoiro para persoas con diversidade funcional desenvolverase os luns e os venres, de 10.30 a 12.30 horas, no Centro Cívico de Malpica. Nese mesmo espazo asistirán a clases os maiores todos os martes e os venres de 16.00 a 18.00 horas. Os maiores de Buño reuniranse na Casa do Oleiro todos os mércores e venres de 15.45 a 17.45 horas. As persoas interesadas en participar poden informarse no departamento de Servizos Sociais.

 

6Set 2015

As entidades xa poden solicitar o uso de espazos nos locais municipais para desenvolver as súas actividades

O prazo está aberto ata o día 15 no Rexistro do Concello de Malpica
540-f-foto

Co curso escolar tamén comezan as actividades das Escolas Culturais do Concello de Malpica e as actividades organizadas polas asociacións nas diferentes parroquias. Co obxecto de organizar axeitadamente os espazos dispoñibles, a Concellería de Educación, Cultura e Turismo abre un prazo para que as entidades presenten as súas solicitudes para o curso 2015-16.

 

Os edificios municipais nos que poden solicitar salas son o Centro Cívico de Malpica, a Casa da Cultura de Seaia, o Centro Sociocultural de Beo,  a Escola Unitaria de Pontella,  o Centro Sociocultural de Mens, o Centro Sociocultural de Barizo, o Centro Sociocultural das Pozacas, o Centro Sociocultural de Cambre e  a Escola Unitaria de Leiloio.

O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro mércores 15 de setembro e as entidades poden formalizar as súas demandas no Rexistro Xeral do Concello de Malpica. Estas pódense realizar a través dun escrito onde consten os datos da entidade solicitante e o local municipal, sala e horario para a que se solicita, así como a finalidade.

Sempre que sexa posible tratarase de respectar as demandas de local, sala e horario que cada entidade realice. Nos casos en que non sexa posible, por coincidir con horarios de actividades doutras entidades ou do propio Concello, e sempre despois de falar coas entidades interesadas, procederase a ofrecerlles outra sala ou horario que reúna as características que a actividade precise  dentro dos espazos dispoñibles.

5Set 2015

A Concellería de Obras e Servizos acondiciona o tramo do Camiño dos Faros que atravesa o municipio

Na vila malpicá está situado o Km 0 da ruta que remata en Fisterra
540-f-foto

A Concellería de Obras, Servizos e Seguridade de Malpica está a traballar no acondicionamento do tramo do Camiño dos Faros que atravesa o municipio. Segundo informou o concelleiro delegado da área, Miguel Fernández, nos tramos nos que non é posible empregar maquinaria, e que supoñen un total duns 3 quilómetros de lonxitude, a limpeza estase a realizar a man por parte da brigada municipal. O concelleiro Miguel Fernández avanzou que os traballos quedarán rematados a vindeira semana, co cal o tramo malpicán estará listo para a próxima edición da ruta organizada.

 

En Malpica, de feito, sitúase o Km 0 do Camiño dos Faros, que se estende ata Fisterra pola beira do mar ao longo de 200 quilómetros, e que pasa por todos os faros dese treito da Costa da Morte e outros lugares de interese. A primeira etapa abrangue dende o porto de Malpica ata a praia de Niñóns, cun total de 22 quilómetros ao longo dos cales se divisan ata media ducia de praias, as Illas Sisargas e Punta Nariga.

4Set 2015

Case 7.000 persoas visitaron este verán o Forno do Forte

O de Buño é un dos principais reclamos museísticos da Costa da Morte durante todo o ano
540-f-foto

Un total de 6.936 persoas visitaron o Ecomuseo do Forno do Forte de Buño dende o 1 de xuño ata o 31 de agosto. Este último, como é habitual dende a apertura ao público da instalación no ano 2006, foi o mes de maior afluencia cun total de 3.908 persoas, e con picos que superaron as 350 en determinados días. O xerente do ecomuseo, Paco Doval, salientou o interese que esperta o Forno do Forte, e o mundo da olería en xeral, non só durante o verán, senón ao longo de todo o ano. De feito, o de Buño foi o recurso turístico da Deputación Provincial da Coruña máis concorrido durante a Semana Santa na Costa da Morte, e durante o curso escolar pasaron por el un total de 1.758 nenas e nenos de 31 colexios da provincia.

 

Os visitantes locais son maioría. Malpica e o municipio de procedencia da porcentaxe máis ampla, seguido de A Coruña, Madrid e Santiago. Por comarcas, Bergantiños e a Costa da Morte achegan o maior número de usuarios. Dentro de Galicia, a provincia que leva a palma é A Coruña, e por comunidades autónomas o ránking está liderado por Madrid, seguida de Cataluña, Valencia e Castela-León, estas dúas moi igualadas. Este verán, segundo indicou Paco Doval, notouse un aumento de visitantes de Francia, que foi o país europeo con máis presenza no ecomuseo seguido por Italia, Inglaterra, Escocia, Alemaña e Suíza. Tamén se rexistrou un incremento de persoas procedentes de Sudamérica.

 

O Forno do Forte seguirá aberto durante o mes de martes a sábado de 11 a 14 e de 16 a 18 horas, e os domingos de 10 a 14 horas.

 

Página 104 de 152« Primera...102030...102103104105106...110120130...Última »