Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

5Abr 2022

Numerosos voluntarios sacaron do fondo mariño de Malpica unha gran cantidade de produtos non desexados

Levouse a cabo unha limpeza no porto

Fantástico labor o que levaron a cabo onte, sábado, 2 de abril, numerosos voluntarios no porto de Malpica. Realizaron unha limpeza mariña que tivo como resultado unha gran cantidade de lixo sacada do mar, o que contribúe a reducir a contaminación. Organizaron a Asociación Chelonia e Coca-Cola, e colaboraron Buceo Malpica, Concello de Malpica e a Confraría de Pescadores de Malpica. Esta actividade estivo integrada dentro do proxecto Mares Circulares, que busca contribuír á redución de impactos dos millóns de toneladas de residuos que cada ano chegan ás contornas acuáticas.

Durante a mañá, varios buzos somerxéronse na auga para ir na procura dos refugallos contaminantes. Contaban co apoio en terra doutro gran número de persoas e, entre todos, lograron extraer todo tipo de restos non desexados: redes, pneumáticos e mesmo pilas. Calquera deles danan a vida da flora e da fauna e, como consecuencia, das augas e produtos que o propio humano usa ou consume. As súas consecuencias poden ser terribles para moitas especies, colaborando na súa extinción.

Dende o consistorio agradecemos á organización desta actividade medioambiental pensar na nosa vila para levala a cabo, e mesmo sentir lle trasladamos a todas as persoas que investiron unha parte do seu tempo en colaborar na que é unha iniciativa solidaria para o ben de todos. A Concellaría de Medio Ambiente está comprometida con este tipo de actuacións para lograr un ecosistema máis sostible e pide a toda a poboación que cesen as malas prácticas neste sentido. Anima á veciñanza a reciclar, como fixeron os voluntarios logo de recoller a varredura. Moitos deses materiais, como sucede coas redes, poden ter unha segunda vida se se dá o paso de depositalas no colector que lles corresponde. O concelleiro Miguel Fernández participou na limpeza.

5Abr 2022

O Concello de Malpica inicia os cursos de inglés para o persoal relativo á hostalaría

Durante abril, maio e xuño as persoas interesadas recibirán clases de formación os luns e mércores

O Concello de Malpica informa que desde este luns, 4 de abril, xa se están a impartir os cursos de formación de inglés para as persoas que traballan en hostalaría.

Unha nova aposta pola formación xestionada a través da Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes co que se responde a unha solicitude da Asociación de Hostaleiros de Malpica de Bergantiños.

Os cursos

Os luns e mércores, de 8.30 horas a 20.00 horas, as persoas interesadas reciben as clases de inglés co obxectivo de mellorar as competencias nesta lingua e ao mesmo tempo dotar de máis recursos e calidade os servizos. A formación é tanto para persoas traballadoras como propietarias de establecementos de hostalaría.

O Concello continúa a traballar en iniciativas a través das que dar unha mellor resposta a veciñanza e visitantes, como aqueles que pasan por Malpica con motivo da Ruta dos Faros, entre outras actividades e atraccións da zona.

1Abr 2022

O Departamento de Deportes de Malpica organiza unha charla para que os maiores realicen actividades física

Será o xoves, 7 de abril, no Centro Cívico do Concello

O Departamento de Deportes do Concello organiza unha charla informativa para que os maiores realicen a actividade física axeitada e necesaria.

O vindeiro xoves, 7 de abril as 10.30 horas, no Centro Cívico de Malpica realizárase esta actividade a cargo de María Varela Bardanca. A profesional, licenciada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, será a encargada de impartir un Obradoiro práctico de actividade física adaptada.

Ao longo do encontro falarase das:

–          Enfermidades ou patoloxías comúns na xente adulta e como afectan a súa calidade de vida.

–          Como podemos estar activos a pesar das nosas limitacións.

–          Que tipo de actividades son as máis axeitadas en función da idade.

Unha nova aposta do Concello de Malpica pola saúde e o coidado da poboación.

1Abr 2022

Patricia Pose gañadora da segunda peza artística sorteada pola Concellaría de Olaría de Malpica

O Concello continúa coas accións en favor da promoción da tradición de Buño

O Concello de Malpica continua promovendo a tradición de Buño a través dunha peza artística única. A gañadora do segundo sorteo lanzado a través do seu perfil de Facebook foi para Patricia Pose Rodríguez.

A peza artesal, trátase dun polbiño asinado no taller de Cerámica Creare Lidia Trigo, unha das artistas representantes das novas xeracións da olería de Buño.

A Concellería de Olaría de Malpica impulsa a iniciativa “Goza da arte de Buño, participa e que a sorte te acompañe” para dar maior visibilidade a esta arte propia da terra.

1Abr 2022

O Concello de Malpica une arte e natureza coa representación de “Muiñada”

A actividade terá lugar o vindeiro sábado, 9 de abril, no río de Vaa

O Concello de Malpica organiza para o sábado 9 de abril no río de Vaa, unha actividade que une arte e natureza coa representación de “Muiñada”, da compañía Galeatro.

Unha obra de teatro para toda a familia na que o xogo, lendas, tradición e música son o fío condutor para mostrar as raíces.

Ás 17.30 horas comezará a representación de “Muiñada”, a cargo da compañía Galeatro. Unha hora máis tarde haberá unha visita guiada polo contorno da Área Recreativa do Río de Vaa.

Os interesados deberán inscribirse antes do inicio da actividade, que é de carácter gratuíto. O Concello lembra que é preciso cumprir coa normativa sanitaria vixente.

A convocatoria o Concello ten como obxectivo poñer en valor o noso patrimonio. Esta organizada pola Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de A Coruña.

1Abr 2022

O Concello de Malpica organiza unha exhibición de patinaxe para o 16 de abril

O acto, con nenos e nenas do Club Patín Velúa de entre 3 e 8 anos, será no paseo da praia

O Concello de Malpica organiza unha exhibición de patinaxe para o vindeiro 16 abril. Unha actividade que se desenvolverá no paseo da Praia desde as 18.00 horas.

A concellería de Deportes e o Club Patín Velúa organizan este acto no que participarán os máis pequenos do clube, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos. Os nenos e nenas farán unha pequena mostra do seu dominio sobre os patíns na rúa.

30Mar 2022

O Concello de Malpica ten aberto ata o 7 de abril o prazo de inscrición para o Campamento Deportivo de Semana Santa

As actividades, gratuítas, serán os días 11, 12 e 13 do vindeiro mes e están destinadas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos

As nenas e nenos de Malpica de entre 6 e 12 anos poden participar no Campamento Deportivo de Semana Santa organizado polo Concello, para os días 11, 12 e 13 de abril.

O Concello lembra que as prazas para esta actividade están limitadas, e que o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro xoves, 7 de abril.

O Campamento Deportivo será no Pavillón Municipal, entre as 10.00 horas e as 14.00 horas. Ao longo dos tres días os participantes desenvolverán unha ruta de sendeirismo, busca deportiva e deporte con balón, entre outras actividades.

Trátase dunha nova aposta do Concello de Malpica pola veciñanza. Con este campamento facilítase a conciliación en días laborables sen colexio, e ademais os pequenos e pequenas terán a posibilidade de desenvolver actividades que non son tan habituais no seu calendario diario

30Mar 2022

Actualización de datos covid: 37 casos no Concello de Malpica, a 29 de marzo

O consistorio lembra a importancia de respectar a normativa vixente

O Concello de Malpica informa que, segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde, o municipio rexistra 37 casos de covid-19 a 1 de marzo.

O consistorio lembra a todos os veciños e veciñas a importancia de respectar a normativa vixente e manter a prudencia. As persoas que precisen axuda poden contactar coa área de Servizos Sociais do Concello no teléfono 981 720 280, ou con Protección Civil de Malpica a través dos números 661 626 166 e 693 400 673.

28Mar 2022

A Concellaría de Olaría de Malpica sortea unha nova peza artística en favor da promoción da tradición de Buño

As persoas interesadas en participar teñen dous días de prazo dende hoxe, luns 28 de marzo

A Concellaría de Olaría de Malpica vén de lanzar un novo sorteo da alfarería de Buño a través do seu perfil de Facebook. As persoas interesadas en participar teñen dous días de prazo dende hoxe para facelo.

O proceso é moi simple. Só deben deixar un comentario na publicación sobre quen é o seu autor ou autora, ou adiviñando a que tenda ou obradoiro corresponde. Logo decidirase o/a acertante, o/a cal recibirá un vale con todos os datos da creación para pasar a recollelo. Dende o departamento lémbrase que non se realizarán envíos.

“Goza da arte de Buño, participa e que a sorte te acompañe!”, din dende Olaría. Nesta ocasión, trátase dun polbiño ben fermoso. Cabe recordar que é unha iniciativa para fomentar a tradición artística e tradicional da vila.

28Mar 2022

O Concello de Malpica abre a inscrición para os próximos cursos formativos que se impartirán no Centro Cívico

Para os cursos de Ansiedade e Estrés, do 18 de abril; e o de Primeiros Auxilios, para o 3 de maio, terán prioridade as persoas en risco de exclusión social

O Concello de Malpica xa ten aberto o prazo de inscrición para os próximos cursos de formación, que se impartirán no Centro Cívico, situado na rúa Ventorrillo.

O vindeiro 18 de abril será o curso de Ansiedade e estrés. Xa para o primero martes de maio, día 3, está previsto o curso de Primeiros Auxilios. Ambas formacións serán de 10.00 horas a 14.00 horas.

Inscricións

Todas as persoas interesadas poden formalizar a súa solicitude nos servizos sociais, ou a través do número de teléfono 981 720 280.

O Concello lembra que son prazas limitadas e que terán prioridade na adxudicación de prazas as persoas en risco de exclusión social.

Con estas formacións o Concello continúa apostando polo desenvolvemento de actividades formativas. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen a máis poboación.

Página 30 de 152« Primera...1020...2829303132...405060...Última »