Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

24Mar 2022

O Concello de Malpica organiza a proxección do filme “Valentina” con motivo celebración do Día Mundial do Síndrome de Down

O pasado luns 21 de marzo, conmemorouse a xornada a prol da inclusión e a igualdade, e mañá os escolares do Concello verán a película de animación sobre a historia dunha nena e a súa aboa que mostran que as barreiras están para derribarse

O luns, 21 de marzo, conmemorouse o Día Mundial do Síndrome de Down. Con este motivo as concellerías de Educación e Servizos Sociais de Malpica organizan a proxección da película de animación “Valentina”, nos centros de ensino do Concello.

Así mañá, venres 25 de marzo, as 10.00 horas o alumnado o CEIP Milladoiro; e as 12.00 horas os estudantes do: Joaquín Rodríguez Otero, Escola de Mens, Escola de Barizo do CRA A Nosa Señora do Faro, poderán ver o filme que aposta por achegar os valores da integración, inclusión e igualdade.

Gañadora do Goya 2022 á mellor película de animación conta a historia de Valentina que soña con ser trapecista e cree que por ser Down non poderá conseguilo. Pero a súa avoa, compañeira de xogos, aprendizaxes e cancións asegura que se as eirugas conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. E que nunca debemos perder a ilusión nin as ganas de aprender, as mesmas que ela pon, aínda a súa idade, no seu afán de converterse en directora de orquestra.

Una produción con claro acento galego dirixida por Chelo Loureiro, que tamén compartiu guión e produción con Lúa Testa. Todo isto con música de Nani García e os cantantes María Manuela, Andrés Suárez, Coke Couto e Uxía.

21Mar 2022

O Concello de Malpica representado no acto do Real Club Náutico de A Coruña de entrega de premios os mellores regatistas de 2020 e 2021

O porto malpicán acollerá este verán varias etapas das regatas Illas Sisargas e Rías Altas das que o Concello é un activo colaborador

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Malpica, María del Pilar Doldán, asistiu este fin de semana ao acto desenvolvido no Real Club Náutico de A Coruña (RCNC) no que se fixo entrega dos premios aos mellores regatistas.

Durante o acto recoñeceuse publicamente a Marta Tábara e Fernando González del Castillo como mellores regatistas do Náutico coruñés, segundo o acordo da comisión deportiva do Club para deportistas da Escola de Vela.

Nesta edición entregáronse dous premios, relativos a 2021 e 2020 xa que o ano pasado non se puido realizar o acto por mor das restricións sanitarias establecidas.

No acto estiveron o presidente do RCNC Fernando Cobián, e contou coa asistencia da Concelleira de Deportes de A Coruña, Mónica Martínez; os presidentes de los náuticos de Sada e o Club del Mar de San Amaro, o Comodoro do Náutico Ría de Ares; o Alcalde de Laxe, Jose Luis Pérez.

Malpica coa vela

O Concello de Malpica é un destacado colaborador das regatas organizadas dende o RCNC, e que teñen etapa no porto malpicán como son a Illas Sisargas e Rías Altas.

Ambas competicións xa teñen data para este verán. Así o XXXIV edición da regata Illas Sisargas recalará en Malpica entre os días 11 e 12 de xuño. Xa os días 28 e 29 de xullo o porto acollerá aos deportistas participantes na regata Rías Altas, puntuable no Campionato de España de Altura.

Ambos eventos serán unha oportunidade de ver algúns destacados regatistas nunhas xornadas que encheran de actividade o Concello.

21Mar 2022

O Concello de Malpica ten novas datas e rutas para a recollida de residuos urbanos especiais

Ata o vindeiro 4 de abril estará activo o servizo, dividido por zonas, para fomentar a separación de refugallos e incentivar as boas prácticas medioambientais

O Concello de Malpica anuncia novas datas de recollida de residuos especias a prol do medio ambiente, e como parte da campaña de fomento de boas prácticas de reciclaxe.

Ata o vindeiro de 4 de abril a empresa Collecting Oil será a encargada de realizar este traballo. O día da recollida, os residuos deberanse deixar nun lugar accesible antes das 9:00 horas. Os refugallos divídense en ata oito tipoloxías:

  • Aceite de cociña usado: de fritura, de conservas…
  • Graxas e manteigas: animal, de roxóns…
  • Pilas e baterías: de botón, AAA, alcalinas, electrónicas e de vehículos a motor…
  • Lámpadas: de baixo consumo, LED e fluorescentes…
  • Electrodomésticos e electrónicos pequenos do fogar: microondas, torradora, secadores, radios, teléfonos, ordenadores, ferramentas eléctricas…
  • Consumibles de impresoras: tóner, cartuchos e tambores…
  • Residuos téxtiles e roupa: non importa o seu estado (roto, destinguido…), só se solicita que estea limpo.
  • Restos metálicos pequenos do fogar: tixolas, moldes, potas, enxoval do fogar, bandexas…

Percorridos

A continuación, relátanse as rutas que do mes de marzo:

  • Martes 22: zona polígono industrial, Buño, Aldeola, O Ceán, A Lagoa, Loroxo, Algadán, Pozacas- Leduzo, Taraio, Cerqueda.
  • Mércores 23: Pasacondia, Cortés, Filgueira, A Fonte dos Bois, Seixas, Vilarnovo, Piñeiros, rúa Ventorrillo, Pedra Queimada, As Neves, A Camuza, Travesía I A Camuza A, rúa Ventorrillo, Escorial.
  • Xoves 24: rúa Emilio González Lopez, Areal, Praza de Santa Lucía, Igrexa, Agros, Praza Fonte Vella, Barreiro, travesía Orxeira, rúa Orxeira, travesía 1 As Neves, travesía 5 Río.
  • Venres 25: rúa As Neves, travesía 2 Río, travesía 3 Neves, travesía 5 Neves, rúa Neves B, travesía 7 Río, travesía 4 Río, travesía 6 Río, rúa Agra do Río, travesía 2 Río, travesía 1 Río, rúa Camiño do Río, Eduardo Vila Fano.
  • Luns 28: praza do Cruceiro, rúa Tío Paz, rúa San Ramón, travesía 1 San Ramón, travesía 2 San Ramón, Atalaia, Altamira, rúa Ramona Criado, rúa Mestra, rúa Caldeirón, rúa Eduardo Pondal, rúa Patria Galega, rúa Campo, rúa Areal, rúa Carreixo do Muiño, rúa Antonio Montero, rúa Praia.
  • Martes 29: rúa Guardia Pardines, rúa Areal, rúa Doctor Fleming, Canido, rúa A Camuza C, estrada DP4307 dende Malpica ata o desvío cara a Santiso, travesía 2 A Camuza, travesía 3 A Camuza, A Camuza C, Cancela de Areas, Vista Pedrediña, Camiño da Vist, rúa Agra de Lucas, rúa Amado.
  • Mércores 30: estrada DP 4307 dende o desvío cara a Santiso ata Beo, estrada DP4305 hacia Santiso, Santiso, Pontevella, Cova, Castiñeiro, Sorrio, A Fonte Dorta, O Petón, rúa A Horta Nova, O Seixo, A Orxeira, estrada Santo Hadrian.
  • Xoves 31: Beo, Vigo, estrada DP 4307 dende o Beo ata Seiruga, Seiruga.

E para o mes de abril están previstas as seguintes rutas de recollida:

  • Venres 1: Campelo, Barizo, porto de Barizo, avenida Agra de Lamas, porto do Fondo, As Casas Novas, Mens.
  • Luns 4: Mens, O Miñón, Asalo, Bocelo, Badarra.

Se precisas contactar coa empresa Collecting Oil, responsable da recollida, podes facelo a través do número de teléfono 639 920 936 (tanto por chamada como mediante WhatsApp) ou no correo electrónico info@collectingoil.com. O Concello de Malpica anima ós veciños e ás veciñas a participar nesta iniciativa.

19Mar 2022

Estudantes dun centro coruñés percorren os puntos máis relevantes do patrimonio xeolóxico do Concello de Malpica

O alumnado do CPR Fogar de Santa Margarita visitou algunhas zonas significativas, ao paso polo Faro de Punta Nariga estiveron co tenente alcalde e a concelleira de Educación

O Concello de Malpica recibiu este fin de semana a un grupo de estudantes de 1º e 2º de Bacharelato de Xeoloxía, do CPR Fogar de Santa Margarida (A Coruña), que visitaron as zonas máis significativas do noso patrimonio xeolóxico.

Preto dunha vintena de alumnas e alumnos xunto con varios titores que foron recibidos polo tenente alcalde, Miguel Fernández e a concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Feijeiro.

Con esta actividade o centro achega as mozas e mozos o noso patrimonio natural e observar as formación xeolóxicas que se atopan ao longo da ruta dos Faros de Malpica, pasando polo Faro de Punta Nariga e con parada no miradoiro do Faro de San Adrián. Todo isto gozando das vistas ás Illas Sisargas.

Unha iniciativa educativa que achega aos estudantes de outros concellos á materia que tratan nas aulas e que descobren a nosa terra a todos eles.

18Mar 2022

O Concello de Malpica celebra a primeira verbena da Costa da Morte con música e atraccións para todas as idades

Hoxe e mañá Malpica enchérase de luz e son para celebrar a chegada do equinoccio de primavera onde a luz diúrna gaña horas á noite

Malpica está hoxe e mañá de celebración coa primeira verbena da Costa da Morte, Festa da Luz. O Concello ven de organizar o evento coincidindo co equinoccio de primavera onde a luz diúrna gaña horas ás horas de noite. Con tal motivo xa está todo listo na zona portuaria e nas rúas de Malpica, onde haberá actividades para todos os públicos.

Na xornada de hoxe xa se poden gozar das actividades situadas na zona portuaria. Unha programación pensada en todas as idades entre as que están incluídas unha noria de 15 metros, inchables destinadas para os máis cativos e cativas así como outras atraccións.

Xa pola noite, ás 22.00 horas, na carpa climatizada de 600 metros cadrados comezará a verbena coa música da discoteca móbil La Mega CDC. Media hora máis tarde Malpica recibirá ao Combo Dominicano poñendo todo o son e ritmo á noite. A verbena durará ata a madrugada alternado a actuación da orquestra e de La Mega CDC.

Sábado de feira e música

Para mañá esta prevista a continuación das atraccións na zona do  porto e ao longo do días (desde a maña ata as 20.00 horas) estará aberta a feira que se instalará ao longo da rúa principal de Malpica.

Pola noite o son estará a cargo da Minidisc, que dará paso á musica Orquestra Cinema. A agrupación musical presentará en Malpica o espectáculo co que inician a xira do verán 2022 polo que, os que se acheguen ata o Concello, terán a oportunidade de gozar en primicia do novo show.

Dous días de ritmo e diversión impulsados e organizados pola Concellería de Turismo Festexos e Mar. Desde o Concello de Malpica animamos a todo o mundo a participar nesta verbena, respectando sempre as medidas sanitarias vixentes, en beneficio da saúde de todos.

Seguridade

Para o desenvolvemento destes dous días o Concello lembra a obrigatoriedade de cumprir coas medidas de seguridade sanitarias vixentes respecto do covid19. Ademais a Policía Local, Protección Civil e outras asistenciais médicas velarán polo bo desenvolvemento desta Festa da Luz. O Concello ten habilitado, a entrada de Malpica, un aparcamento gratuíto e iluminado para facilitar a mobilidade de todos os que veñan a gozar desta festa.

17Mar 2022

Nova recollida de residuos urbanos especiais no Concello de Malpica

Hoxe e mañá haberá un recorrido por diferentes puntos para facilitar a recuperación de elementos contaminantes

O Concello de Malpica fai unha nova recollida de residuos urbanos especias con rutas ao longo do día de hoxe e maña, continuando así o compromiso co medio ambiente e facilitando o proceso a todos os veciños e veciñas.
A empresa Collecting Oil leva a cabo a recolecta de residuos urbanos especiais cun percorrido que mañá, venres 18 de marzo, chegará a Feira Nova, Vilar, O Empalme, A Camposa, O Piñeiro, Rúa Santa Catalina vivendas con números pares ata A Plaza.

Hoxe o traxecto realizouse por Aviño, Cambre, Pedrosa- A Tremoa, Rabuceiras, A Raxeira, Brión, O Castro.

Promove esta iniciativa a Concellaría de Turismo, Festexos, Policía e Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, Medio Rural, Mar e servizos, co tenente alcalde Alfredo Cañizo á fronte.

Esta recollida inclúe ata oito tipoloxías de residuos:
o Aceite de cociña usado: de fritura, de conservas…

o Graxas e manteigas: animal, de roxóns…

o Pilas e baterías: de botón, AAA, alcalinas, electrónicas e de vehículos a motor…

o Bombillas: de baixo consumo, LED e fluorescentes…

o Electrodomésticos e electrónicos pequenos do fogar: microondas, tostadores, secadores, radios, teléfonos, ordenadores, ferramentas eléctricas…

o Consumibles de impresoras: tóner, cartuchos e tambores…

o Residuos téxtiles e roupa: non importa o seu estado (roto, destinguido…), só se solicita que estea limpo.

o Restos metálicos pequenos do fogar: tixolas, moldes, potas, enxoval do fogar, bandexas…

Maña, segundo día de ruta, os residuos deberán deixarse nun lugar accesible antes das 9.00 horas. Pódese contactar coa empresa responsable a través do número de teléfono 639 920 936 (tanto por chamada como mediante WhatsApp) ou no correo electrónico info@collectingoil.com

15Mar 2022

O Concello de Malpica rexistra 12 casos de covid a 15 de marzo

Continúa a tendencia descendente, con 8 casos menos que a semana pasada

O Concello de Malpica informa que, segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde, a 15 de marzo o municipio rexistra 12 casos de covid-19. Mantense así a tendencia descendente, e supón oito casos menos que no informe da semana pasada, 8 de marzo.

O consistorio lembra a todos os veciños e veciñas, que maila melloría dos datos, é importante respectar a normativa vixente e manter a prudencia para que continúe esta tendencia descendente dos contaxios.

11Mar 2022

O campo municipal de Xaviña conta con novos vestiarios

O alcalde do Concello de Malpica e a concelleira de Deportes entregaron hoxe as chaves das instalación

O alcalde de Malpica e a concelleira de Deportes, Eduardo Parga e Noelia Freijeiro respectivamente, entregaron hoxe as chaves dos novos vestiarios do campo municipal de Xaviña, en Buño.


Os representantes do Concello deron as chaves das instalacións a Héctor Castro, presidente do UD Cerqueda, e a Martín Pena, directivo do Buño SCD, desexando que o novo local sexa testigo de moitas celebracións.

Os novos vestiarios están situados nun edificio anexo ao campo de fútbol cunha cuberta tipo sándwich de imitación a tella curva, e a fronte de muro é de bloque cerámico. Os vestiarios dos xogadores contan con bancos de madeira e os correspondentes aseos e duchas. Asemade o espazo para o conjunto arbitral ten, ademáis, mesa e cadeiras.

10Mar 2022

O Concello de Malpica organiza a primeira verbena da Costa da Morte os días 18 e 19 de marzo

O Combo Dominicano e a Orquestra Cinema, así como a discoteca móvil La Mega CDC poñerán o ritmo na zona portuaria a vindeira fin de semana

O Concello organiza a primeira verbena da Costa da Morte, que se celebrará os días 18 e 9 de marzo. Será na zona portuaria de Malpica, onde se instalará unha carpa climatizada de 600 metros cadrados.

Así, o vindeiro venres, ás 22:00 horas, comezará a verbena coa música da discoteca móvil La Mega CDC. Media hora máis tarde Malpica recibirá ao Combo Dominicano poñendo todo o son e ritmo á noite. A verbena durará ata a madrugada alternado a actuación da orquestra e de La Mega CDC.

O sábado, 19 de marzo, a primeira actividade será unha feira que se situará ao longo da rúa principal de Malpica, e que estará aberta ata o fin do día, aproximadamente ás 20:00 horas.

Xa pola noite, a zona portuaria volverá a ter música con CDC Minidisc, que dará paso á Orquestra Cinema, que presentará, por primeira vez, o espectáculo co que inician a xira do verán 2022.

Dous días de ritmo e diversión impulsados e organizados pola Concellería de Turismo Festexos e Mar. Desde o Concello de Malpica animamos a todo o mundo a participar nesta verbena, respectando sempre as medidas sanitarias vixentes, en beneficio da saúde de todos.

9Mar 2022

Manifesto institucional polo Día Internacional da Muller

O Concello de Malpica reivindica esta figura na xornada do 8 de marzo

O Día Internacional da Muller, que se celebra este 8 de marzo, vai polos 47 anos de conmemoración dende que a Organización das Nacións Unidas (ONU) o promulgou no 1975, se ben é certo que a loita comezou moito antes.

Ata o de agora xa se camiñou moito. Lográronse dereitos básicos como poder votar nas eleccións, ocupar posicións de responsabilidade en política e na sociedade en xeral, así como acceder ó traballo e ó estudo. Porén, hoxe en día segue sendo necesario acadar outros nos países máis desenvoltos, e estes primarios naqueles que están menos avanzados.


Neste 2022, a xornada está dedicada a todas as mulleres do mundo que están aportando para combater o cambio climático a prol de construír un futuro máis sostible para todas as persoas. Neste sentido, dende estas liñas queremos aportar cinco accións para fomentar a igualdade de xénero e a sustentabilidade, dous dos problemas máis graves da sociedade, na procura de atopar solucións, pois para avanzar cara un futuro mellor é necesario tomar medidas hoxe.


Hai que empoderar ás pequenas agricultoras. A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura proxecta que se as agricultoras tivesen un acceso equitativo aos recursos produtivos, os seus rendementos agrícolas aumentarían entre un 20 e 30 %. Isto permitiría reducir o nivel de fame negra no mundo dun 12 a un 17 %. Aumentar a capacidade produtiva das pequenas agriculturas tamén axuda a promover as prácticas agrícolas sostibles.


Débese investir no traballo de coidados. A economía mundial depende do traballo de coidados non remunerado ou mal remunerado que realizan, sobre todo, as mulleres. Con todo, a pesar do seu carácter esencial ––do cal fomos testemuñas como nunca antes durante a pandemia do covid-19––, este traballo non é valorado como cómpre, senón que sucede todo o contrario. Do mesmo xeito que ocorre co medio ambiente, considérase un produto ilimitado que pode utilizarse sen que isto carrexe ningún custo ou consecuencia.


Tense que apoiar o liderado das mulleres. En xeral, as mulleres adoitan ter máis en conta ás súas familias e comunidades nos procesos de toma de decisións, o que é crucial para crear as solucións integrais que contribúen á adopción de medidas climáticas efectivas.


É importante inanciar ás organizacións de mulleres. A colaboración do Goberno coas organizacións de mulleres pode axudar a garantir que as políticas climáticas satisfagan as necesidades específicas das mulleres e as nenas, e que a súa aplicación sexa eficaz.

Por último, débese protexer a saúde das destas. De acordo coas investigacións, as mulleres sufrirán os efectos negativos na saúde do cambio climático. En xeral, son máis propensas a morrer como consecuencia dos desastres, debido en parte ao seu acceso limitado aos recursos e servizos. As investigacións tamén revelan que o cambio climático terá efectos negativos na saúde sexual e reprodutiva.


Únete e esixe reformas sociais que prioricen a igualdade de xénero e a sustentabilidade nos obxectivos de progreso.

Página 31 de 152« Primera...1020...2930313233...405060...Última »