Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

21Xan 2022

Presentada en Malpica a iniciativa “As voces das mulleres”

O Concello colabora co proxecto de Aantena

O Centro Cívico de Malpica acolleu este luns, 17 de xaneiro, á tarde a presentación de “As voces das mulleres”, unha iniciativa da compañía teatral Aantena na que o Concello colabora. Este proxecto de teatro comunitario tamén conta co apoio da Deputación da Coruña.

É un programa que pulsará pola memoria das mulleres do rural e que como resultado terá a creación dunha ruta cultural e teatral. Pode apuntarse calquera persoa con inquietudes artísticas de cara a participar nas representacións ou, simplemente, se coñece ben a cultura popular do lugar. Debe poñerse en contacto co departamento de cultura  ou coa propia entidade.

En termos globais, “As voces das mulleres” consiste nunha recollida e rexistro da cultura inmaterial local dende unha perspectiva de xénero e en base a criterios antropolóxicos. Por unha banda, levarase a cabo un obradoiro de investigación e recollida. Darase corpo á vida de mulleres invisibles. Outro apartado consistirá nun taller de teatro comunitario. Finalmente, co material recollido e seleccionado farase unha intervención teatral na que as participantes serán as protagonistas, co obxectivo último de articular un vieiro cultural a través de varios recunchos e espazos da vila. Os contidos creados serán rexistrados en diferentes formatos dixitais e quedarán recollidos nunha páxina web creada para a ocasión.

A próxima cita no municipio malpicán será o luns 24 da vindeira semana ás 19.00 horas no Fondo Lugrís do Centro Cívico (a cúpula).

21Xan 2022

O Concello de Malpica participa no programa de mobilidade do Centro Dramático Galego

Pon un autobús para acudir á representación teatral “A peste”, en Santiago

Subes ao autobús do teatro? O Concello de Malpica participa no programa de mobilidade do Centro Dramático Galego.

Os interesados en asistir á representación “A peste” o día 18 de febreiro no Salón Teatro de Santiago de Compostela poderán subirse ó bus que partirá dende Malpica por un prezo único a abonar de 6 euros.

A expedición partirá do Bar Panchito, no centro da vila, ás 18.00 horas; parará na recta do Empalme, en Leiloio, e estará de volta ás 23.00. Forma parte do elenco o malpicán Santi Romay.

Os interesados poden apuntarse ata o 10 de febreiro, enviando o seu nome e os apelidos, un teléfono de contacto e o lugar onde subirán ó autobús ó correo auditoriodemalpica@gmail.com. Ten que haber un número mínimo de 35 persoas inscritas para poder facer a viaxe e é obrigatorio presentar o certificado covid.

A obra está inspirada na novela de Albert Camus. O director, Cándido Pazó, reflexiona con esta mostra sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise. Anímate!

13Xan 2022

Os 500 euros da campaña “Un Nadal de premio no comercio de Malpica” xa teñen donas

O sorteo levouse a cabo este mércores, día 12 de xaneiro, na casa consistorial

Malpica, a 13 de xaneiro do 2022 

A campaña “Un Nadal de premio no comercio de Malpica” xa ten gañadoras. Cinco vales de 100  euros cada un estaban en xogo no sorteo celebrado este mércores, día 12 de xaneiro, na casa consistorial. Así,  pois, resultaron premiadas as seguintes persoas: 

• Carmen 

• Dolores Pose 

• Nenucha 

• Beatriz Verdes 

• Ita 

O Concello contactará con elas nos próximos días para que recollan os vales. O diñeiro deberá  ser gastado nos negocios da vila que participaron na campaña.  

Esa foi a idea coa que partiu esta iniciativa da Concellaría de Promoción Económica xa o día 5 do pasado mes de decembro para fomentar o consumo a nivel local nestas datas. Participaron  vinte e sete establecementos de diverso tipo, nos cales, por cada compra de 20 euros, o cliente  entraba no sorteo. A actividade durou ata o pasado Día de Reis, con moi bo resultado. 

Unha man inocente foi a encargada de sacar ás gañadoras. Este momento foi  retransmitido en directo a través da páxina de Facebook do Concello. 

13Xan 2022

Representantes de Sanidade e do Sergas e do Concello de Malpica reuníronse para abordar o proxecto dun novo centro de saúde no municipio

O Concello malpicán foi dos primeiros de Galicia en propoñerlle á Xunta unha parcela para construír as instalacións sanitarias

Malpica, a 13 de xaneiro do 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de reunirse este mércores co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga,  para avanzar no proxecto de construción dun novo centro de saúde para este municipio.Na xuntanza, á que asistiron a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, María Jesús Piñeiro; o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, e a concelleira de Sanidade do Concello de Malpica, Marisol Blanco, a Xunta e o consistorio avaliaron a posibilidade da construción dun novo centro nunha proposta de parcela achegada polo rexedor, e que pode cumprir coas necesidades requiridas polo Sergas.

Este centro de saúde aparece recollido na Fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia o pasado mes de outubro. O Goberno galego, logo dun estudo do estado das infraestruturas de Atención Primaria en toda Galicia, decidiu priorizar a construción dun novo centro de saúde en Malpica tendo en conta que o actual, de 26 anos de antigüidade e de titularidade municipal, ten carencia de espazos para a actividade asistencial necesaria e conta con importantes deficiencias tanto estruturais como no estado de mantemento.

Para substituílo, o documento estratéxico propón un novo centro cun plan funcional  que contempla incrementar en tres as consultas para adultos e nunha as de pediatría, así como incorporar espazos para os profesionais como un despacho de coordinación, unha sala de estar ou vestiarios que non son posibles no actual inmoble polas súas carencias de superficie. En consecuencia, o plan prevé que o novo centro se achegue aos 1.000 metros cadrados de superficie.

Logo da aprobación do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, o conselleiro de Sanidade remitiulle, o 4 de novembro, cartas a todos os alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde dentro das fases 1 e 2 do Plan. Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, a Xunta solicitaba a pronta achega, por parte dos concellos, de parcelas viables para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento dos novos centros.

Unha vez respondida este mércores esa solicitude por parte do Concello de Malpica coa oferta dunha parcela, na que é unha das primeiras propostas concretas recibidas pola Xunta por parte dos 28 concellos contactados, a Consellería de Sanidade dará inmediata resposta organizando unha visita de técnicos do Sergas aos terreos para poder avaliar así a súa idoneidade e, no caso de confirmala, comezar os trámites para asinar un convenio de cesión da parcela por parte do Concello e iniciar a licitación por parte da Xunta do proxecto construtivo.

Infraestruturas de Atención Primaria na provincia da Coruña

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 93 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as dúas obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de Atención Primaria.

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Coristanco, Oleiros, A Coruña (Novo Mesoiro), Cambre, Buño (Malpica), Arteixo, Culleredo e Santiago (Galeras). Nesta lexislatura vense de poñer en marcha o novo centro de saúde de Ames (Milladoiro), Melide ou Narón e as reformas de Ortigueira, Mugardos, As Pontes, Ribeira ou Bertamiráns. Asinouse xa o convenio para a construción do novo centro de saúde de Abegondo e xa está licitada a redacción do seu proxecto e asinouse tamén un convenio de colaboración co Concello de A Coruña para a construción do novo centro de saúde de Santa Lucía.

No que respecta aos centros de titularidade municipal, foron xa reformados nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde Oza-Cesuras, Arteixo, Cabanas, Boimorto, Valdoviño, Malpica, Padrón, Coristanco, Cee e Monfero, mentres se atopan en fase de remate as obras conveniadas en 2021 nos centros de saúde de Bergondo e Valdoviño.

Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia da Coruña, contempla a construción de dez novos centros de saúde, nos concellos de Abegondo (cuxo proxecto de obra xa está a piques de adxudicarse), Santa Lucía na cidade da Coruña (cuxo convenio xa está asinado co Concello), Noia, Ribeira, Porto do Son, Fisterra, Malpica de Bergantiños, San Xoán na cidade de Ferrol, Fene e Teo.

Ademais, o Plan contempla obras para reformar e modernizar integramente, e nalgúns casos ampliar, outros cinco centros como o de Carballo, que se converterá en Centro Integral de Saúde; o de Conxo na cidade de Santiago ou os de Culleredo, Cedeira e Vimianzo.

11Xan 2022

Malpica rexistra 84 casos activos de coronavirus a día 11 de xaneiro

O Concello fai fincapé en cumprir as normas para frear a pandemia

Segundo o último informe da Consellería de Sanidade, o noso municipio rexistra 84 casos activos de coronavirus a día 11 de xaneiro.

As persoas contaxiadas que precisen axuda poden poñerse en contacto coa área de Servizos Sociais do Concello no teléfono 981 720 280, ou con Protección Civil de Malpica a través dos números 661 626 166 e 693 400 673.

Cumpramos todas medidas sanitarias para saír pronto desta pandemia.

11Xan 2022

Suspendidos os talleres de manualidades debido á incidencia covid

Son iniciativa da Concellaría de Servizos Sociais e están dirixidos á terceira idade e ás personas con diversidade funcional

Dende o departamento de Servizos Sociais do Concello suspendemos ata novo aviso e debido á incidencia covid no municipio os talleres de manualidades para a terceira idade e persoas con diversidade funcional que desenvolvemos no Centro Cívico de Malpica e na Casa do Oleiro de Buño.

Cando a situación mellore, volveremos a retomar a actividade, pero debemos prever polo ben de tod@s.

11Xan 2022

Representantes da Confraría e do Concello reuníronse coa Consellería de Pesca e con Portos

Na xuntanza abordáronse temas de interese para o sector no municipio

O martes 4 de xaneiro, na Consellería de Pesca, reuníronse en representación da Xunta de Galicia a Conselleira de Pesca, Rosa Quintana; a Presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas Gil, e a Directora Xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez. En representación da Confraría de Pescadores de Malpica, o Patrón Maior, Pedro Pérez Martelo, e o Secretario, Francisco Javier Varela Castro. En representación do Concello de Malpica, o Alcalde, Eduardo José Parga Veiga, e o Concelleiro de Mar, Alfredo Cañizo Garrido.

Na xuntanza, que durou boa parte da mañá, tratáronse varios temas de interese para o sector da pesca do noso concello.

  • Reparación da estrutura da ponte

A estrutura da ponte que da acceso á zona norte do porto estaba moi danada, polo tanto o paso de vehículos pesados estaba prohibido. As obras de reparación xa están na última fase, polo tanto, nun breve período de tempo xa poderán circular de novo os vehículos pesados sen perigo.

  • Medidas para garantir a seguridade na entrada da Dársena

A Presidenta de Portos de Galicia e a Conselleira de Pesca informan de que deben de continuar coas medicións un pouco máis de tempo. O inverno pasado e este non foron especialmente adversos, por iso necesitan un pouco máis de tempo.

  • Grúa de Barizo

Segundo informan Rosa Quintana e Susana Lenguas, mantiveron varias conversas co Club Náutico, nas cales, hai tres ou catro días lles solicitaron por escrito o permiso para a valoración e o arranxo da mesma.

  • Pesca deportiva

Os representantes do Concello e da Confraría solicitaron ás representantes da Xunta de Galicia que retomaran o tema de levantar a prohibición da pesca deportiva no porto, tan sequera na zona norte. A Presidenta e a Conselleira comprometéronse a volver a analizar o asunto e que volveriamos a falar proximamente.

  • Investimentos e reformas nas instalacións

O Patrón Maior tamén trasladou en aras de mellorar os servizos existentes para mariñeiros, redeiras e compradores, a necesidade de realizar melloras nas cubertas da nave de redes e na lonxa, ao estar moi deterioradas, así como instalar tomas de auga e puntos de luz para as embarcacións. A maiores, solicitouse unha nova sinalización para o tráfico pesado, considerando que isto repercutiría no benestar da Confraría e dos aparcamentos para o Concello en tempadas estivais.

11Xan 2022

O Concello de Malpica renova o convenio de xestión do Ecomuseo Forno do Forte

O alcalde e o deputado de Patrimonio firmaron antes de rematar o 2021

O xoves 30 de decembro celebrouse na sala de documentación de plenos da Secretaría Xeral a sinatura da renovación do convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Malpica para a xestión integral do Ecomuseo Forno do Forte en Buño.

Asinaron o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, ante o fedatario e secretario accidental, Miguel Iglesias.

7Xan 2022

Máxica tarde-noite a vivida en Malpica coa visita dos Reis Magos

A organización foi todo un éxito coa colaboración de numerosas entidades

Os veciños e as veciñas de Malpica viviron unha tarde-noite máxica este 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos de Oriente.

As rúas enchéronse de cor e alegría cun percorrido no que non faltou detalle.

Houbo música en directo, Carteiro Real, figuras xigantes e unha gran carroza!

Colaboraron no desenvolvemento co Concello numerosas entidades.

Mira máis imaxes aquí!

Página 34 de 152« Primera...1020...3233343536...405060...Última »