O Concello de Malpica iniciou os traballos de humanización da rúa Igrexa, cos que se lle outorgará o protagonismo ao peón fronte ao tráfico rodado neste espazo que dá acceso á igrexa parroquial de San Xulián. O proxecto conta cun orzamento de 85.459,72 euros.
A intervención inclúe a retirada do mobiliario existente para liberar a zona de actuación; a substitución do pavimento actual por unha calzada de pedra de granito e formigón de cor natural; e a instalación dunha nova rede separativa de saneamento e tamén de abastecemento de auga.
Deste xeito, o Concello de Malpica dálle continuidade ao labor de humanización do centro urbano da vila, dentro dun plan integral que pretende eliminar o exceso de tránsito de vehículos na contorna desta rúa onde agora se intervén, buscando con isto “unha Malpica máis amable co medio ambiente e máis segura”, salientan desde o goberno local.
O grupo de goberno destacou que “os traballos teñen o obxectivo de outorgarlle prioridade ao peón á hora de transitar polo centro da vila”. “Incrementarase a seguridade viaria da veciñanza e tamén se mellorarán as condicións de accesibilidade no municipio”, engadiu.
O Concello de Malpica pediulle á consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia unha serie de melloras para incrementar a seguridade na contorna dos centros públicos da localidade.
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, mantivo este mediodía unha xuntanza telemática con Ethel Vázquez, onde lle transmitiu tamén a necesidade de renovación en materia de infraestruturas e saneamento en varios puntos do municipio.
Así, o rexedor malpicán fixo especial fincapé nos proxectos que se centran nos arredores do CEIP Milladoiro e no colexio de Buño, para solicitar así melloras en materia de seguridade viaria.
“No 2018 estaba proxectada xa unha rotonda na recta do colexio Milladoiro, e cremos que é unha infraestrutura necesaria porque aínda que a zona está limitada a 50 quilómetros por hora, consideramos prioritario contar con outro elemento que axude a frenar aínda máis a velocidade en favor da seguridade da rapazada”, comentou o edil, quen engadiu tamén que “sería bo contar cun paso de peóns iluminado na estrada AC-420 que vai ao centro público de Buño”, insistiu o alcalde.
Ademais, comentouse a posibilidade de actuar na senda peonil na marxe esquerda da AC-418 desde o punto quilométrico 9 ata o punto quilométrico 10, así como no tramo que conecta a rotonda de Buño co Polígono Industrial. Estas propostas foron remitidas á Consellería o remate da xuntanza, e o alcalde aproveitou para “agradecer a disposición de ter atendido as demandas de Malpica nun contexto tan complicado como este”, aseverou Pardo.
Melloras de saneamento
Unha das prioridades na nosa liña de traballo é o saneamento para todas as parroquias, desactualizado os tempos que corremos en moito dos seus puntos, “Prioritario sería intervir en Vilanova, no núcleo urbano de Beo”, comenta o alcalde, quen anuncia que contan coas opcións dunha EDAR propia ou un sala de bombeo para subsanar as deficiencias.
Así, comentou tamén a necesidade de mellorar a EDAR de Buño, e conectar a rede entre Vilarnovo e Seixas, que “caería por gravedade e tan só habería que conectar ambas”, sinalou o rexedor.
O alcalde anunciou, nesta videoconferencia, que “a finais de mes entregarannos o Plan Director para coñecer as necesidades que ten a nosa localidade en materia de saneamento, e darémolo a coñecer para así coordinar diferentes axudas e dar o servizo que Malpica se merece”, finalizou.
A partir de mañá, xoves 4 de febreiro, e ata o sábado 6 de febreiro, o SERGAS realizará un cribado no Concello de Malpica para a poboación de 18 a 60 anos, citando así a 2500 persoas.
Acudirase coa cita a través de SMS e será no Centro de Saúde da localidade, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Realizaranse test PCR para detectar posibles casos activos da COVID-19.
Desde o Concello de Malpica garántese a total colaboración coas autoridades sanitarias para que a organización destas probas durante as tres xornadas se desenvolvan “coas maiores facilidades” tanto para o persoal sanitario como para a veciñanza que acuda á realización dos test.
Floristería Lolita fíxose co primeiro premio do Concurso de Escaparates Nadal 2020 organizado polo Concello de Malpica. Desde o xurado, composto polos concelleiros Sergio García e Alfredo Cañizo, ademais de pola técnico de Turismo, destacaron “o alto nivel deste ano, coas conseguintes dificultades á hora de valorar a quen lle ían ser outorgados os galardóns”. Aquí podedes ver a fotografía do escaparate gañador.
O segundo premio foi para o salón de peiteado Ana Ures (segunda foto), namentres que o terceiro foi para Calzados LC (última foto). A valoración dos escaparates fíxose sobre unha cualificación total de 50 puntos e tendo en conta os seguintes criterios de avaliación: calidade artística, composición, creatividade, orixinalidade e iluminación e utilización de elementos tradicionais do Nadal.
O primeiro consta de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro, de 100 euros. Participaron, ademais, o salón de peiteado Espellos, Tía Carmen, Cartafol, Floristería Mayca, Adozarte, Xoiaría Pallas e Lolas, a quen desde o Concello lles agradecen “a súa participación neste concurso, por elevar o nivel e por darlle un toque de alegría a uns tempos moi complexos”, inciden.
A Consellería de Sanidade vén de comunicarlle ao Concello de Malpica que os establecementos hostaleiros do municipio poderán abrir ata as 17:00 horas a partir de venres, 4 de decembro.
O alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, participou esta mañá nunha reunión co xerente da área sanitaria e co doutor Luis Verde, e varios alcaldes das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. Aquí comunicóuselle aos municipios esta medida, que aínda está pendente da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero que entrará en vigor a partir das 00.00 horas do venres, 4 de decembro.
Tamén estarán permitidas as reunións de máximo 4 persoas, sexan ou non conviventes. En cuanto ás restricións de mobilidade, o peche perimetral afectará aos concellos de Coristanco, Cabana, Malpica e Ponteceso.
A Deputación Provincial da Coruña financiou con 22.706,76 euros a contratación dunha brigada de limpeza de praias durante a tempada estival do ano 2020.
A brigada de limpeza de praias estivo composta por 9 peóns e estivo operativa do 25 de xullo ata o 10 de outubro de 2020.
Esta actuou en tódalas praias do Concello de Malpica: Area Maior, Canido, Seaia, Beo, Seiruga, Barizo, Riás, San Miro e As Torradas.
Malpica é un dos principais destinos turísticos da Costa da Morte sendo beneficiarios desta brigada de limpeza de praias todos os veciños e veciñas do Concello, os visitantes e turistas que nos honraron coa súa presenza durante a tempada estival e que puideron contemplar a excelencia das nosas praias e a súa protección medioambiental.
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, mantivo unha reunión hoxe co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para abordar diferentes asuntos de importancia para a veciñanza malpicá. No encontro, que tivo lugar no palacio provincial da Coruña, o rexedor presentoulle ao presidente o proxecto para a rehabilitación do centro sociocultural de Buño, un dos principais temas tratados.
Pardo e Formoso concretaron a colaboración entre as administracións para emprender a actuación. Basicamente consistirá na reforma integral da dependencia, que xa conta con 50 anos de vida e necesita unha mellora nas súas prestacións.
A idea é renovar a instalación para ofrecer unha mellor distribución do espazo, novos servizos e maior accesibilidade. Con iso acadarase maior funcionalidade e posibilidades de acoller actividade.
O alcalde destaca que o centro constitúe o principal punto de encontro e de desenvolvemento de actividades para a cidadanía da parroquia. “É o centro de referencia de Buño e por iso queremos impulsar a súa modernización”, apunta Pardo, que agradece a “total disposición” que atopa sempre no presidente da Deputación da Coruña para proxectos de interese xeral en Malpica.
O arranxo do inmoble é esencial para que Buño dispoña dun espazo para unha programación continuada de actos. “Revitalizarase o tecido asociativo da parroquia”, apunta o primeiro edil, que lembra que o edificio foi pasando por diferentes usos na súa historia, como un teleclub, un centro médico, un lugar de actividades deportivas ou de reunión.
O Concello de Malpica xa abriu o prazo para solicitar as axudas para microempresas e persoas autónomas cuxa actividade se vise afectada pola COVID19. Estas subvencións, que terán un importe total de 116.383,81 €, están enmarcadas dentro do Programa PEL Reactiva e cofinanciadas pola Deputación Provincial de Coruña e polo Concello de Malpica.
As axudas a conceder oscilarán entre os 1.500 e os 3000 euros e a solicitude das mesmas terá que facerse a través da sede electrónica do Concello antes das 14.00 horas do día 25 de novembro de 2020. Para realizar este trámite, preme nesta ligazón.
Estas subvencións van dirixidas a persoas traballadoras autónomas con ou sen traballadores/as ao seu cargo e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, o obxectivo de financiar os gastos correntes que veñan directamente provocados pola situación sanitaria ocasionada pola COVID19.
O xurado da XV edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas escolleu a obra titulada O cuarto de Jane. Aberta a plica, a autora da obra resultou ser Charo Pita, escritora, actriz e narradora oral nada na Coruña en 1966. O seu traballo levouna a contar historias polo mundo (Alemaña, Polonia, Italia ou Nicaragua). Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidad de Salamanca, obtivo en 2001 o Premio de Poesía Espiral Maior co libro Desde Arcadia para Govinda e é autora dunha extensa obra de literatura infantil e teatro.
Na acta do certame consta que que “O cuarto de Jane, foi escollida unánimemente por ser un libro transgresor, pola súa beleza e pola frescura coa que se aborda o erotismo, sempre de forma directa, sen complexos, libre”. E engade que se trata dun “poemario moi ben construído, radicalmente heterodoxo, protagonizado por mulleres e onde a poesía brilla na transparencia de cada verso”.
O xurado acordou, asemade, conceder un accésit á obra rascamaceiras, enviada por Laura Ramos Cuba. Nada en Burela en 1993, graduada en xornalismo e comunicación audiovisual, Ramos Cuba ten colaborado en diversos medios do país como La Voz de Galicia, El Progreso, Sermos Galiza, Adiante, Coralia ou Novas da Galiza. Foi coordinadora do Portal Galego da Lingua e voluntaria no Observatorio da Mariña pola Igualdade. En 2018 obtivo o certame de poesía Victoriano Taibo co libro a situación actual. É bolseira de comunicación no Parlamento de Galicia.
rascamaceiras, segundo di a acta do xurado, é un relato “profundamente lírico e á vez cotián cargado de fino erotismo e sostido nunha linguaxe poética na que destacan o coidado do vocabulario, o ritmo dos versos e a tensión das pausas”.
O xurado desta edición estivo formado por Paco de Tano, poeta e Presidente de Caldeirón, Leticia Naya Varela, concelleira de Cultura de Malpica e Medos Romero, poeta gañadora da XIV edición deste mesmo certame. A reunión do xurado tivo lugar hai uns días de forma telemática. O fallo ía ser anunciado, como é tradición, na Cea das Letras que Caldeirón organiza cada ano pero o evento debeu adiarse pola situación sociosanitaria.
Neste acto ía ter lugar tamén a presentación do libro gañador do ano pasado, Peixes que esvaraban ao unísono, de Medos Romero. O libro, editado por Caldeirón xa está dispoñible nas librarías. Será presentado en Malpica, xunto coa entrega do premio e a prometida actuación do dúo Aldaolado en canto as circunstancias o permitan.
En canto ao libro premiado este ano e o accésit, ambos serán publicados por Caldeirón en 2019 na colección Illas Sisargas.
Malpica comezará mañá a prospección xeofísica da Croa do Castro de Cerqueda, o paso cara novos descubrimentos neste espazo. A intervención estará dirixida por Carlos otero, coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (CSIC).
Así, mañá xoves, 5 de novembro e desde as 9:00 horas, procederase ao marcado de cuadrículas. Un día despois, o venres, tamén desde as 9:00 horas, pasarase o gradiómetro, o aparello do que se obterán as medicións para observar o que hai baixo a terra.
Pasarase tamén durante as xornadas do martes, 10 de novembro, e o mércores, 11 de novembro, sempre a partir das 9:00 horas. Agárdase, con esta serie de intervencións, “dar luz a novos achádegos, que axudarán a poñer en valor o noso patrimonio arqueolóxico”, aportan desde o goberno local.
Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario - Ocultar detalles
• Social media Facebook, Twitter e outras Redes Sociais precisan utilizar cookies para recoñecerte.
• Analytics Os datos recollidos polas cookies de Google Analytics son anónimos e só se usan para valorar a experiencia do usuario no nosa web.
• Anuncios Este sitio pode albergar publicidade propia, de afiliados, ou de redes publicitarias.
• Cookies propias Este sitio utiliza cookies propias para facilitar o acceso e mellorar a navegación e experiencia ao usuario Aviso Legal ACEPTOLeer más