Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

8Abr 2019

O Concello de Malpica ofrece aos clubs de fútbol formación no manexo de desfibriladores

O Concello de Malpica quere mellorar a seguridade de deportistas e persoas usuarias das instalacións deportivas municipais, e con esa finalidade ofrece aos clubs de fútbol que militan nos grupos 2º (Segunda Galicia) e 4º (Terceira Galicia) da Costa a posibilidade de formarse no manexo de desfibriladores automáticos externos.

O vindeiro sábado 13, a partir das 10.00 horas, celebrarase no pavillón polideportivo municipal un curso intensivo dirixido ás persoas que determinen os propios clubs.

17Mar 2019

Emilio Rúa e Rosa Cedrón estarán o sábado 23 en Malpica para ofrecer o concerto suspendido no Nadal

Rosa-Cedron-Emilio-Rua-cartel-Malpica

O vindeiro sábado, 23 de marzo, celebrarase en Malpica o concerto de Emilio Rúa e Rosa Cedrón que estaba previsto para o 21 de decembro pasado e que foi suspendido debido aos dous días de loito decretados tras o falecemento de José Angel Sanjurjo no afundimento do pesqueiro “A Silvosa”.

Rosa Cedrón e Emilio Rúa ofrecerannos o espectáculo Diversións, incluído na Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, no que interpretarán pezas compostas por ambos os intérpretes e versións propias de pezas tradicionais.

O concerto comezará ás 20.00 horas no Auditorio do Centro Cívico, e a entrada será libre e de balde.

12Mar 2019

O Concello e Protección Civil de Malpica poñen en marcha unha nova campaña de trampeo de avespa velutina

trampeo_velutina 12032019

O Concello de Malpica anticipa a campaña de trampeo da avespa velutina debido a que tamén se adiantou a aparición das primeiras raíñas da temporada. En colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil vimos de poñer en marcha unha campaña aberta á participación e colaboración tanto de apicultores/as como de veciños e veciñas que queiran axudar a combater a praga, ao tempo que iniciamos a colocación de trampas en zonas axardinadas, nas que abundan as árbores que exercen maior atracción sobre as avespas asiáticas, como camelias ou rododendros, pero tamén nas proximidades de edificios e espazos públicos como centros escolares ou parques infantís.

As persoas interesadas poden pasar pola Casa do Concello e solicitar trampas e líquido atraínte que deberán colocar o antes posible en zonas con plantas ou árbores con flores (camelios e rododendros están entre os preferidos pola avespa asiática). Tanto na trampa como no envase do líquido explícanse os pasos que se deben seguir, ademais de recordar ao voluntariado que tamén se poden preparar trampas con botellas de plástico e líquidos de uso habitual en calquera fogar como viño, cervexa, zume ou simplemente auga con azucre.

A campaña foi presentada polo alcalde, Eduardo Parga, e membros de Protección Civil. No acto lembraron a importancia de que as persoas que queiran colaborar na campaña faciliten os seus datos no momento de solicitar as trampas e un número de teléfono de contacto para poder realizar un seguimento da campaña. Nas oficinas xerais da primeira planta do Concello de Malpica ofreceráselles toda a información.

7Mar 2019

O Concello de Malpica celebra o Día da Muller co lema “Modelando a sociedade, desenredando o noso futuro”

CARTEL-OLEIRAS-E-REDEIRAS

O Concello de Malpica de Bergantiños súmase á celebración do Día Internacional da Muller co lema “Modelando a sociedade, desenredando o noso futuro”, unha homenaxe a dous sectores laborais representativos do noso concello: a olería, exemplo das dificultades que atopan as mulleres para acceder a traballos copados polos homes, e a pesca, no que o labor fundamental que desenvolven as redeiras careceu de recoñecemento ata non hai tanto tempo.

Oleiras e redeiras serán, precisamente, as protagonistas do acto conmemorativo do Día Internacional da Muller organizado pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, que se celebrará o día 15. O primeiro colectivo estará representado pola presidenta da Asociación Oleira de Buño, Carmen Isabel Labrador Fariña, e o segundo, pola presidenta da Asociación de Redeiras O Fieital, Ángeles Millé Rodríguez. Xunto a ela estará Ana López Lorenzo, presidenta de Mulleres en Igualdade da provincia da Coruña, que explicará os obxectivos da asociación.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, fai un chamamento aos veciños e veciñas para que poñan o seu gran de area participando no acto que celebraremos o venres 15, ás 19.30 horas, no Centro Cívico de Malpica. As persoas interesadas poden confirmar asistencia chamando ao número de teléfono 638 791 939.

4Mar 2019

Asinado o contrato para a substitución da carpintería exterior da Casa do Oleiro por un importe de 39.000 euros

casa oleiro

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar coa empresa Groma Obras o contrato para a substitución da carpintería exterior da Casa do Oleiro. No acto tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández. A obra, incluída no Plan Único POS+ 2018 Adicional, ten un orzamento de 39.090,56 euros.

Dentro do mesmo plan adicional figuran tamén as obras de mellora do afirmado en camiños públicos de Buño, Boa Vista, A Costa e As Rabuceiras, así coma nas rúas Ventorrillo e Travesía da Camuza, cun orzamento total superior aos 80.000 euros.

2Mar 2019

Xunta de Galicia e Concello de Malpica financiarán a posta en marcha dun centro de día para persoas maiores

INTERNA 12,45 h.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, reunirase co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga. foto xoán crespo 28/02/2019

O alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, veñen de asinar un acordo de colaboración para a posta en marcha dun centro de día, un novo servizo promovido polo Concello e que será de titularidade e xestión municipal. A Xunta de Galicia contribuirá á creación do centro de día con 150.000 euros, que supoñen o 50% do orzamento. A outra metade será financiada polo Concello de Malpica con recursos propios.

O alcalde repasou xunto á conselleira de Política Social os recursos en materia social que teñen á súa disposición os veciños do noso concello, que darán un salto cualitativo e cuantitativo coa posta en marcha deste novo servizo para a atención ás persoas maiores.

O centro de día instalarase na Casa do Oleiro, que será acondicionada para a prestación do servizo nas mellores condicións. A licitación, tanto do proxecto como das propias obras, corren a cargo do Concello. Eduardo Parga expresou a satisfacción do goberno municipal pola frutificación das xestións realizadas coa Consellería de Política Social para a posta en marcha dun servizo moi demandado e moi necesario para as familias do noso concello.

INTERNA 12,45 h.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, reunirase co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga. foto xoán crespo 28/02/2019

A conselleira de Política Social reiteroulle ao alcalde de Malpica o compromiso do Goberno galego coas persoas maiores, en especial con aquelas que teñen limitada a súa autonomía persoal. De feito, no último ano incrementáronse un 30% as horas dispoñibles de Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o que equivale a 9.600 horas máis que Malpica está a empregar na súa práctica totalidade.

1Mar 2019

O Concello de Malpica pon en marcha un curso homologado de atención sociosanitaria a persoas dependentes

CURSO ATENCION SOCIOSANITARIA

O Concello de Malpica, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, porá en marcha o día 11 un Curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, unha iniciativa que ten como finalidade formar a persoas que se atopen nun proceso de busca ou mellora de emprego, xerando novas oportunidades sociolaborais. “Levamos xa varios anos impulsando iniciativas que contribúen a mellorar a capacitación profesional e, polo tanto, as posibilidades de inserción laboral das persoas participantes, e moi especialmente das mulleres. Este curso está enfocado a un sector no que hai unha demanda permanente de traballadores e traballadoras con titulación, e por iso estará homologado pola Xunta de Galicia”, explicou a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín.

Esta nova acción formativa abrangue 450 horas: 270 presenciais, 100 non presenciais e 80 de prácticas. As sesións impartiranse do 11 de marzo ao 10 de xullo, de luns a xoves e de 17.00 a 21.00 horas, nas instalacións da Casa do Oleiro de Buño.

O prazo de inscrición estará aberto do 6 ao 8 deste mes. As persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais ou chamar ao 981 72 02 80. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de solicitude.

A formación consta de tres módulos: atención sociosanitaria, manipulación de alimentos e primeiros auxilios. Ao remate da acción formativa, o alumnado recibirá tres diplomas acreditativos en cada unha desas áreas, todos eles homologados pola Xunta de Galicia previo exame.

1Mar 2019

Asinado o contrato para a execución das obras de mellora dos servizos e de pavimentación do Rueiro das Vistas, na Pedreiriña

01032019 sinatura_pedreirinha

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar coa empresa Obras Ramón Cotelo o contrato para a execución do proxecto de “Mellora das infraestruturas en Pedreiriña”, incluído no Plan Único POS+ 2018. No acto tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

A actuación realizarase no Rueiro das Vistas coa intención de mellorar os servizos de saneamento e abastecemento de auga, así coma a pavimentación. O investimento acada os 65.354 euros, e o prazo de execución da obra é de 45 días.

O Rueiro das Vistas carece na actualidade de rede de augas pluviais, e a de abastecemento de auga está obsoleta. O proxecto que se vai acometer solucionará estas dúas carencias, e ademais permitirá ensanchar a vía. Con esta finalidade serán eliminadas as medias cañas existentes nas marxes do rueiro e levarase a recollida das augas pluviais ao eixo da nova plataforma, onde se colocaran os sumidoiros. Tamén se levantarán muros de contención dos terreos e, por último, procederase á pavimentación con formigón.

27Feb 2019

Ethel Vázquez anunciou para este verán o inicio da reordenación e humanización da rúa principal de Malpica, cun investimento de 570.000 euros

IMG_1526

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, veciños e comerciantes, na que avanzou o inicio este verán da reordenación e humanización da vía autonómica AC-418 ao seu paso polo centro urbano, cun investimento de 570.000 euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou o proxecto de mellora na contorna que coincide coas rúas Emilio González, Villar Amigo e Eduardo Vila Fano, e que forman parte da estrada autonómica. Unha intervención que, segundo dixo, busca facer cidade e humanizar unha parte da estrada autonómica que na actualidade conta con dous carrís de circulación e beiravías cun ancho reducido, e que debido ao seu carácter urbano e central debese adaptar á realidade actual dunha rúa principal do concello moi transitada e meramente urbana.

Explicou que a intervención, que mudará completamente a imaxe desta estrada e a súa contorna. se realizará ao longo de 300 metros, e persegue incrementar a seguridade viaria, a mellora dos servizos municipais, os que “non se ven” e, por último, unha maior integración urbana da estrada.

A conselleira salientou que no relativo á seguridade viaria, estas rúas veranse beneficiadas coa implantación de medidas que terán como resultado un calmado do tráfico que circula pola estrada así como unha maior seguridade para os peóns.

Tamén suporá unha mellora no relativo a servizos municipais, xa que se renovan as redes de saneamento e pluviais. E ademais, subliñou, suporá unha mellor integración urbana do vial, xa que se instalarán árbores e mobiliario urbano ao tempo que se dará á estrada unha estética máis humanizada.

O proxecto

Indicou que todo isto será posible grazas a unha nova calzada, repavimentada con formigón impreso, que se estreitará en medio metro reducindo o espazo destinado aos vehículos para incrementalo no espazo dos peóns.

IMG_1536

Ademais, engadiu, demoleranse e construiranse unhas novas beirarrúas máis anchas que se complementarán con balizas luminosas e con pasos de peóns diferenciados mediante granito. A intervención prevé ao mesmo tempo cambiar o peralte do viario, de xeito que as augas de chuvia sexan dirixidas cara os renovados sumidoiros evitando charcos ao longo da rúa.

Concretou que a actuación xa está licitada e hoxe mesmo reuniuse a mesa de contratación co obxectivo de poder adxudicar as obras no mes de abril para poder inicialas no verán, e telas rematados antes de que finalice este ano 2019. E indicou que a programación dos traballos estará completamente coordinada co concello para reducir, na medida do posible, as molestias que poidan ocasionar aos veciños e condutores nos meses de verán.

Vázquez Mourelle abundou na importancia desta nova intervención do departamento que dirixe na mellora da seguridade viaria e na comodidade dos veciños de Malpica que se vén sumar a outra obra realizada neste concello. Trátase da senda Xornes-Buño-Cantalarrana, que se puxo en servizo o pasado ano para mellorar a mobilidade peonil en 2 km destas localidades, grazas a un investimento superior ao medio millón de euros.

Polo tanto, concluíu, unha gran aposta da Xunta de Galicia pola mellora da seguridade viaria de Malpica que é posible, sen ningunha dúbida, grazas ao entendemento entre o Goberno municipal e a Administración autonómica.

22Feb 2019

O mellor Entroido da Costa da Morte chega cargado de citas ineludibles

CARCAXIA PIÑATAS

O obradoiro de piñatas que organiza a asociación Carcaxía abre, este sábado 23 de febreiro, a programación de Entroido elaborada polo Departamento de Cultura do Concello de Malpica en colaboración coas asociacións Malante, ANPA Ventorrillo, ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño, Asociación de Redeiras Mar da Illa, Asociación Cultural Carcaxía, A.V. S. O Brizo, Asociación Cultural Raigañas, Asociación de Amijos da Mikaela, A. VV. De Leiloio, AVC Viradeira de Buño, Asociación de Amas de Casa, tabernas, bares, cafetarías, restaurantes e pubs.

O groso da programación concentrarase entre o 1 e o 10 de marzo. Estas son as citas:

Venres de Entroido, 1 de marzo

  • Pasarrúas do CEIP MILLADOIRO, a partir das 10.30 h.
  • Pasarrúas do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, a partir das 10.30 h.
  • Concurso de disfraces de Entroido, a partir das 24.00 horas polos pubs da vila. Cestas de lacóns e chourizos para os mellores disfraces. As persoas participantes deberán percorrer todos os locais organizadores onde se puntuará cada disfrace. Gañarán os/as que acaden maior puntuación. Organizan os pubs de Malpica: Jofra, Submarino, Leño, Brebaxe, Patio, Prisma, e Don Paco.

Sábado de Entroido, 2 de marzo

 

  • A partir das 13.00 actuación de Os Piñeiros, na Praza Anselmo Villar Amigo de Malpica.
  • Ás 20.00 h. ruta de viños.
  • A partir das 22.00 h. cocido de Entroido no Restaurante Dourado (cocido, filloas, café e bebida.), Prezo 25,00 €, con sorteos de experiencias doadas polas tabernas, bares, cafetarías e restaurantes de Malpica. Prazas: 120. Venta de entradas: Pub Jofra, Restaurante San Francisco e Taberna do Lesto.
  • A partir das 00.30 h. actuación da fanfarra Brassica Rapa, polas rúas e pubs da vila de Malpica.
  • Concurso de disfraces de Entroido, a partir das 01.00 horas polos pubs da vila. Premios en metálico para os mellores disfraces: 150, 100 e 50 euros para os tres primeiros premios individuais, e 250, 150 e 100 para comparsas e grupos. As persoas participantes deberán percorrer todos os locais organizadores onde se puntuará cada disfrace. O xurado estará composto polos propietarios dos establecementos. Gañarán os/as que acaden maior puntuación. 

Organiza: Asociación Cultural Malante. Colaboran: Pubs, tabernas, bares, cafetarías e restaurantes de Malpica, e Concello de Malpica.

En Seaia

  • Festa de disfraces infantil con inchable e merenda saudable con doces de entroido sen glute e concurso de disfraces, a partir das 16.30 h. na Casa da Cultura de Seaia. Colabora: A. C. Carcaxía.

 En Leiloio

  • Festa infantil con inchables a partir das 17.00 h. na Casa dos Veciños de Leiloio. Colabora: Asociación de Veciños de Leiloio.
  • Desfile de disfraces infantil e de adultos a partir das 20.30 h. seguido do concurso de doces para rematar coa actuación dun Dj.  Organiza: Asociación  de Veciños de Leiloio.

En Buño

  • Ás 17.00 h., no Teleclube, obradoiro de repostería de Entroido. Para rapaces/as a partir de 3 anos. 20 prazas. Inscricións nos teléfonos: 677 303 430 e 659 127 080, ata o 26 de febreiro. Colabora: AVC Viradeira de Buño.

Domingo de Entroido, 3 de marzo

En Malpica

  • Desfile de disfraces infantil, Percorrerá a vila saíndo do Centro Cívico ás 17.30 h. e rematando na Praza Villar Amigo. Organiza: Asociación Cultural Malante.
  • Actuación da Charanga RUADA polas rúas da vila, a partir das 17.30 horas.
  • Nos pubs, tabernas, bares, cafetarías e restaurantes da Vila, daranse doces de Entroido.
  • Concurso de comparsas do Entroido polas principais rúas da vila de Malpica a partir das 17.30 horas. Premios para as mellores comparsas. Entrega de premios a partir das 19.00 horas na Praza Anselmo Villar Amigo. Categorías: xeral (a partir de 13 anos), con premios en vales por valor de 300, 200 e 100 euros; infantil (6 a 12 anos) e benxamín (0 a 6 anos), con agasallos para todos.
  • Concurso de piñatas do Entroido, na Praza Anselmo Villar Amigo, a partir das 18.00 horas. Entrega de premios ás 19.30 horas. Colaboran: A. C. Malante e C. Carcaxía. Premios en vales para mercar nos establecementos do Concello de Malpica por valor de 150, 100 e 50 euros para os tres primeiros.
  • Baile social de disfraces de maiores e concurso de disfraces para maiores das 20.00 h. ás 23.00 h no Auditorio do Centro Cívico amenizado polo Dúo D´Café.

 

Luns de Entroido, 4 de marzo

En Buño

  • Festa de disfraces infantil con inchables, chocolatada e concurso de doces de Entroido das 16.30 h. ás 19.30 h. no Pavillón Polideportivo do CEIP Joaquín Rodríguez Otero. Colabora: ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero.
  • Concurso de disfraces infantil ás 19.30 h. no Pavillón Polideportivo do CEIP Joaquín Rodríguez Otero. Premios aos mellores disfraces. Organiza: ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero.

Martes de Entroido, 5 de marzo

cartel concurso doces

En Malpica

  • Festa de disfraces infantil con inchables (rapaces/as ata 14 anos), no Pavillón Polideportivo de Malpica das 17.00 ás 20.00 horas. Colabora: ANPA Ventorrillo.
  • Concurso gastronómico de doces do Entroido, a partir das 15.30 h., no Pavillón Polideportivo de Malpica. Fallo do xurado e degustación ás 19.00 horas. Colaboran: Asoc. de Redeiras Mar da Illa e Asoc. de Amas de Casa. Inscrición: No Departamento de Educación e Cultura ou en calquera das entidades colaboradoras.

Venres, 8 de marzo

  • De 18.00 h. a 20.00 h., obradoiro musical de Entroido (elaboración dun disfrace musical para desfilar o domingo de piñata), na Aula da Arte do Centro Cívico. Para rapaces/as de 6 a 12 anos, admitiranse menores de seis anos mentres permanezan acompañados dos proxenitores. Nº de prazas: 20. Inscricións no Departamento de Educación e Cultura de 10.00 h. a 14.00 h., ata o xoves 7 de marzo.

Sábado de piñata, 9 de marzo

En Malpica

  • De 11.00 h. a 13.00 h., obradoiro musical de Entroido (elaboración dun disfrace musical para desfilar o domingo de piñata), na Aula da Arte do Centro Cívico. Para rapaces/as de 6 a 12 anos, admitiranse menores de seis anos mentres permanezan acompañados dos proxenitores.. Nº de prazas: 20. Inscricións no Departamento de Educación e Cultura de 10.00 h. a 14.00 h., ata o xoves 7 de marzo.

En Buño

  • A partir das 13.00 h. sesión vermú da Mikaela a cargo da Orquestra ARAMIO. No aparcadoiro de Casa Elías.
  • A partir das 14.00 h. degustación de cocido en todos os Restaurantes de Buño. Tamén haberá postos de polbo, carne ao caldeiro e churrasco ao carón do aparcadoiro de Casa Elías.
  • A partir das 17.00 h. Mikaeliña infantil con inchables e chocolatada (a cargo da ANPA Xaviña) para os máis novos, no CEIP Joaquín Rodríguez Otero.
  • A partir das 17.00 h. actuación do grupo rock Strobos, no cruce de Xornes.
  • Das 17.00 h. en adiante, DJ Impacto na carpa. No aparcadoiro de Casa Elías.
  • A Mikaela sairá ás 16.30 horas do Restaurante Canta la Rana percorrendo todos os bares e tabernas de Buño.
  • Ás 19.30 h. misa da Mikaela no Parque Luciano García Alén.
  • A partir das 23.00 h. actuación da Orquestra ARAMIO. No aparcadoiro de Casa Elías.
  • Ás 24.00 h. queima da Mikaela. No aparcadoiro de Casa Elías.
  • Remate de festa coa disco móbil Impacto, no aparcadoiro do Restaurante Casa Elías.

Organiza: Asociación de Amijos da Mikaela.

Domingo de piñata, 10 de marzo

En Cerqueda

  • Percorrido dos Madamitos e Ghuardineros pola parroquia acompañados por unha comitiva de Entroido. Saída ás 16.30 h. itinerario: Os Resíos, O Ceán, Filgueira, As Cortes, Cerqueda, Leduzo e as Pozacas. Organiza: A.C. Raigañas.

En Vilanova

  • Festa de disfraces infantil e degustación de doces do Entroido a partir das 16.30 h. na Escola Unitaria de Beo. Colabora: A.V.C. S. O Brizo.

En Malpica

  • Actuación da Charanga FESTICULTORES Troupe polas rúas da vila, a partir das 17.00 horas.
  • Enterro do Faustino, que sairá do Centro Cívico ás 17.30 horas para percorrer as rúas da vila. Organiza: Asociación de Redeiras Mar da Illa.
Página 60 de 152« Primera...102030...5859606162...708090...Última »