Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

21Feb 2019

A Deputación da Coruña impulsa o III Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial

pel 3

A Deputación da Coruña ten aberto ata o 28 de febreiro o prazo de presentación de candidaturas ao III Premio provincial á mellor iniciativa empresarial, enmarcado dentro da liña PEL-EMPRENDE do Plan de Emprego Local (PEL), que constitúe unha das citas anuais clave do sector empresarial da provincia.

O seu obxectivo é recoñecer as iniciativas e o traballo realizado polas empresas, asociacións empresariais e concellos, realzando o seu papel fundamental como xeradores de riqueza e emprego, contribuíndo á súa sustentabilidade e fomentando a cultura emprendedora na provincia.

Así mesmo, o presente premio tamén pretende aportar un valor engadido ás empresas mediante a súa concesión, facilitándolles soporte e respaldo para transformar ideas actuais en emprego de calidade e contribuíndo a dinamizar novos proxectos.

Este ano, por vez primeira, inclúese unha categoría destinada ás asociacións, agrupacións, federacións e confederacións de empresarios/as da provincia da CoruñaCon este galardón de 15.000 euros preténdese recoñecer e promocionar o traballo realizado polas asociacións empresariais que impulsan a iniciativa empresarial e o emprendemento, promoven a xeración de emprego de calidade e, en definitiva, contribúen á fixación da poboación.

A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da memoria de candidatura (Anexo V) e a escrituras de constitución a través da plataforma Subtel.

A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación, a través da plataforma Subtel.

Pode consultar as bases e a convocatoria publicadas no BOP, así como descargar os anexos a presentar, na plataforma Subtel e na páxina web do Premio provincial á mellor iniciativa empresarial: https://emprego.dacoruna.gal/lineas/lina-2-pel-emprende/premio-provincial-mellor-iniciativa-empresarial/

17Feb 2019

O 25 de febreiro comezará un novo programa de envellecemento activo promovido polo Concello de Malpica

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica un ano máis por mesturar formación, ocio, estimulación e educación nun programa de actividades que contribúa a potenciar a autonomía das persoas maiores na súa vida diaria, ademais de favorecer a súa inserción social e evitar o illamento a través do fortalecemento das relacións sociais e a participación.

Con esa finalidade, dende o 25 de febreiro ata o 4 de abril desenvolverase un novo programa de envellecemento activo que incluirá actividades de psicomotricidade, música e movemento, pilates, cociña, termalismo concursos, técnicas de decoración con estaño, xogos e baile. En definitiva, unha serie de propostas que favorecen a participación activa dos/as maiores dun xeito dinámico e lúdico.

O prazo de inscrición estará aberto do 20 ao 22 deste mes, ou ata que se cubran as prazas dispoñibles. As persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais ou chamar ao teléfono 981 720 280.
As actividades desenvolveranse todos os luns e xoves. Na Casa do Oleiro de Buño serán os luns de 18.15 a 20.15 horas e os xoves de 16.00 a 18.00 horas, e no Centro Cívico de Malpica, os luns de 16.00 a 18.00 horas e os xoves de 18.15 a 20.15 horas.

Desde a área que dirixe Marisol Blanco preténdese previr o deterioro cognitivo a través de exercicios prácticos, favorecendo así a autonomía persoal; ofrecer estratexias para un envellecemento feliz, para a mellora das relacións persoais e sociais de xeito que se optimicen as relacións das persoas participantes no obradoiro co seu entorno; aprender novas formas de comunicación e participación a través das TIC’s, previr o deterioro físico e ensinar unha serie de exercicios sinxelos para o mantemento físico que as persoas participantes poidan reproducir con facilidade no seu fogar, realizar pequenos traballos manuais cos que estimular e mellorar a coordinación motora fina, fomentar o consumo saudable ou dar a coñecer os beneficios da lectura para manter a mente activa, entre outros.

1

1Feb 2019

A Concellería de Servizos Sociais organiza un novo curso de arranxos florais en Buño e Malpica

Despois do éxito que tivo a primeira edición, a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade pon en marcha un novo curso de arranxos florais, unha iniciativa que favorece a autonomía persoal e as habilidades básicas, mellora as capacidades cognitivas, contribúe a eliminar o estrés, facilita novos coñecementos en diversas áreas e crea un ambiente positivo entre flores, tal como explica a concelleira Marisol Blanco Gorín. A xestión recae de novo na empresa de economía social + Porvir, e da parte práctica encárgase Vina’s Arte Floral.

Haberá dous grupos, un na Casa do Oleiro de Buño todos os luns dende o 11 de febreiro ata o 8 de abril e outro no Centro Cívico de Malpica todos os mércores dende o 13 de febreiro ata o 10 de abril, cun máximo de 15 participantes en cada un. En ámbolos dous casos o horario será de 16.00 a 18.00.

O prazo de inscrición estará aberto do 6 ao 8 deste mes ou ata esgotar prazas. As persoas interesadas poden dirixirse ao departamento de Servizos Sociais no Centro Cívico ou a través do teléfono 981 720 280.

TALLER ARRANXOS FLORAIS

29Xan 2019

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño superou no 2018, por terceiro ano consecutivo, os 20.000 visitantes

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Por terceiro ano consecutivo, o Ecomuseo do Forno do Forte superou os 20.000 visitantes no 2018. En concreto foron 20.275, 42 máis ca no ano 2017 e 204 máis ca no 2016. O bo tempo prolongado durante case todo o ano, que contribuíu ao incremento dos turistas individuais e das visitas de entidades e turoperadores, xunto cun pequeno aumento des colexios (dous máis ca no ano anterior), foron dous factores clave para seguir mellorando as cifras.

Os escolares supoñen o 11,3% do público, xa que polo ecomuseo de Buño pasaron o ano pasado 2.293 nenos e nenas de máis de 40 centros educativos. Como xa sucedera o ano anterior, en momentos puntuais foi preciso contratar persoal de apoio para poder atender a demanda dos colexios, xa que, ademais de mergullarse na historia da olería e na forma de vida dos antigos artesáns a través da visita guiada ao complexo, os rapaces convértense en oleiros por un día nos obradoiros infantís que se desenvolven no cabanote.

Pero as principais visitas colectivas son as organizadas por entidades e turoperadores. De feito, o Forno do Forte foi o destino o ano pasado de 81 excursións, que achegaron ata Buño a un total de 4.108 visitantes.

En canto aos visitantes individuais, a maioría son da contorna. A Coruña é a cidade galega que máis visitantes achega, seguida de Vigo e Santiago, e o ano pasado notouse un aumento de persoas procedentes das Rías Baixas e da Mariña Luguesa. De fóra de Galicia, Madrid é a comunidade que “envía” máis turistas ao ecomuseo. A continuación sitúanse Cataluña e Comunidade Valenciana, e increméntanse as visitas dende Andalucía e Castela León. Francia e Gran Bretaña son, así mesmo, os países de orixe da maior parte dos visitantes estranxeiros, e dende o outro lado do Atlántico dominan os de Sudamérica, aínda que tamén tivemos algún de Estados Unidos.

Se aínda non coñeces o Forno do Forte, aproveita para visitalo en calquera época do ano. Estes son os nosos horarios:

HORARIO DE INVERNO (NOVEMBRO A FEBREIRO)
Martes a sábado
Mañá: 11:00 a 14:00
Tarde: 16:00 a 18:00
Luns pechado

HORARIO DE VERÁN (MARZO A OUTUBRO)
Martes a sábado
Mañá: 11:00 a 14:00
Tarde: 16:00 a 19:00
Domingo
Mañá: 10:00 a 14:00
Luns pechado

ESTE HORARIO AMPLÍASE DURANTE A SEMANA SANTA E A MOSTRA DE OLERÍA

23Xan 2019

O paseo marítimo de Malpica estrea varandas de aceiro inoxidable

VARANDA PASEO 2

O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos, no paseo

A Concellería de Obras e Servizos de Malpica vén de acometer, con fondos municipais, a renovación das varandas do paseo marítimo. Hoxe mesmo rematou a colocación dos novos elementos de protección, que están fabricados en aceiro inoxidable pulido, semellante ao que se utiliza nos barcos, para garantir a súa durabilidade.

VARANDA PASEO 3

Detalle das varandas

O concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, explicou que as varandas anteriores atopábanse en moi mal estado, froito do deterioro de case trinta anos, e que representaban un perigo potencial para as persoas usuarias do paseo. Mellorar a seguridade da veciñanza e visitantes é o principal obxectivo do investimento que vimos de realizar, que, ao mesmo tempo, introduce un elemento de primeira calidade nun dos nosos principais recursos turísticos e un dos espazos públicos máis frecuentados do noso concello.

11Xan 2019

O Club Travesía Sisargas entregou ao banco de alimentos un quilo por cada participante na edición do 2018

O Club Travesía Sisargas vén de entregar no banco de alimentos de Malpica un quilo de alimentos por cada un dos participantes na edición do 2018. En total, 160 quilos de produtos non perecedoiros para as familias do noso concello con menos recursos, nun novo exemplo de compromiso social do deporte malpicán.

A travesía Sisargas cumprirá dez anos neste 2019, e, tal como comentou o seu impulsor, Daniel Gambón, dende a organización xa se está traballando en colaboración co Concello de Malpica para incluír “novidades importantes”. De momento xa podemos adiantarvos a data da proba, que será o domingo 11 de agosto.

7Xan 2019

A UD Cerqueda contribuíu a que o Nadal chegase aos fogares máis modestos cunha achega de alimentos e xoguetes

banco alimentos recortada

Despois da visita dos Reis Magos xa podemos contarvos que este ano volveron a ter unha axuda extra dende a UD Cerqueda. O club de fútbol, sempre implicado en causas solidarias, contribuíu a que o Nadal chegase aos fogares máis modestos do noso concello, xa que coa recadación do Trofeo Solidario Os Petóns mercou alimentos non perecedoiros e xoguetes para as familias usuarias do banco de alimentos.

Arroz, pasta, salsa de tomate, leite, cacao en polvo, azucre, aceite e conservas formaron parte do paquete de alimentos do Nadal xunto con outros produtos de primeira necesidade, e os/as peques recibiron tamén os seus agasallos: mochilas con rodas, escavadora, un maletín de pinturas, libros… E todo grazas á xenerosidade da UD Cerqueda e do público que asistiu ao campo.

O alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, agradeceron unha vez máis a solidariedade da UD Cerqueda, que estivo representada polo seu capitán, Daniel García Reixía.

29Dec 2018

O convenio para o mantemento do Ecomuseo do Forno do Forte increméntase ata 69.200 euros para o ano 2019

28122018 convenio

Valentín González Formoso e Eduardo Parga Veiga

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinaron o convenio para o financiamento das actividades do ecomuseo do Forno do Forte durante o ano 2019.

A institución provincial achegará 69.200 euros, o que supón un incremento de 9.200 euros con respecto a este ano, para cubrir o 100% dos gastos de mantemento, xestión e promoción do ecomuseo do Forno do Forte de Buño, co obxecto de garantir a valorización e mantemento do conxunto etográfico.

González Formoso subliñou que, dende hai máis dunha década, a Deputación da Coruña colabora co Concello de Malpica de Bergantiños na posta en valor e difusión da olería tradicional de Buño, mostrando desde a vida cotiá dos artesáns ata todo o proceso de elaboración das pezas, nunhas instalacións que recuperan e conservan os elementos arquitectónicos propios dunha casa dedicada á olería.

O presidente provincial destacou que, ademais de financiar estas actividades, a Deputación da Coruña apoia tamén cada ano a celebración da Mostra de Olería de Buño, á que se destinaron 80.000 euros nos últimos anos.

Un importante recurso turístico e etnográfico

Os visitantes do Forno do Forte teñen a oportunidade de coñecer en profundidade todo o proceso de produción de pezas, desde o torneado ao cocido ou o secado nun centro que contribúe a conservar e poñer en valor a cultura popular e é tamén un importante recurso turístico e etnográfico da comarca.

O acordo asinado entre González Formoso e Parga Veiga renova o compromiso da Deputación co Forno do Forte. Entre as obrigas do Concello, atópase ofrecer un horario mínimo de atención ao público de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 horas a 19.00 horas, todos os días da semana agás o luns. Así mesmo, fomentarase o estudo e investigación en asociación con entidades oleiras e culturais da zona e facilitarase información turística e cultural sobre a Costa da Morte aos visitantes.

28Dec 2018

A Xunta investirá máis de 560.000 euros na reforma integral da rúa principal de Malpica, que gañará en accesibilidade e servizos

28122018 rua_principal (2)

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, presentaron hoxe o proxecto de reforma integral da rúa Emilio González López, que saíu hoxe a licitación. A Xunta investirá máis de 560.000 euros nas obras, que está previsto iniciar na primavera e rematar antes de fin de ano.

O período de presentación de ofertas para estas obras, cun prazo de execución de 4 meses, remata o vindeiro 23 de xaneiro.

Vázquez Mourelle explicou que é unha intervención ao longo de 300 metros que suporá unha mellora da accesibilidade porque vai ser plataforma única. Precisa que se acometerán medidas para calmar o tráfico así como para acadar maior seguridade para os peóns.

Concretou que se renovarán as redes de saneamento e pluviais e se optimizará a integración urbana da vía, ao instalárense árbores e mobiliario urbano, o que dará á calzada unha estética máis humanizada.

Todo isto será posible grazas a unha nova calzada, repavimentada con formigón impreso, que se estreitará en medio metro reducindo o espazo destinado aos vehículos para incrementalo no espazo dos peóns.

Ademais, demoleranse e construiranse unhas novas beirarrúas máis anchas que se complementarán con balizas luminosas e con pasos de peóns diferenciados mediante granito.
Ao mesmo tempo, cambiarase o peralte do viario de xeito que as augas de chuvia sexan dirixidas cara os renovados sumidoiros evitando charcos ao longo da rúa.

A titular de Infraestruturas subliñou a aposta da Xunta pola mellora da seguridade viaria de Malpica, que é posible grazas ao entendemento entre o Goberno municipal e a Axencia Galega de Infraestruturas.

O alcalde, pola súa banda, destacou a importancia desta actuación para Malpica, que dende o Concello se complementará cunha intervención de humanización na rúa da Igrexa, incrementando deste xeito a seguridade viaria e a accesibilidade e mellorando os servizos urbanísticos.

Página 61 de 152« Primera...102030...5960616263...708090...Última »