![RUTA RENACEMENTO](https://www.concellomalpica.com/wp-content/uploads/2017/09/RUTA-RENACEMENTO-724x1024.png)
Esta fin de semana en Malpica vai de rutas. Coincidindo coa segunda edición da ruta de tapas Malpica sabe a mar, na que finalmente serán nove os establecementos participantes, a Concellería de Educación, Cultura e Turismo organiza unha ruta guiada en autobús por distintos recursos de interese histórico e patrimonial do concello que nos remontan á época do Renacemento, entre eles as Torres de Mens, que abriran as súas portas para acoller a un máximo de 25 persoas.
A Ruta do Renacemento, que será de balde, está programada para o sábado pola mañá. Os participantes sairán ás 09.40 horas da Oficina de Turismo, situada na praza de Anselmo Villar Amigo, e visitarán a igrexa de Santiago de Mens e as Torres de Mens, nas que poderán facer un percorrido guiado polo interior. Ás 11.30 partirán cara Buño co obxectivo de coñecer o Ecomuseo Forno do Forte, e estarán de regreso ás 13 horas en Malpica para poder sumarse á ruta de tapas.
As persoas interesadas en participar poden reservar praza a través do correo electrónico maritaibo@hotmail.com ou enviando unha mensaxe de Whatsapp ao 686 060 434. As prazas adxudicaranse por orde de solicitude e terán preferencia as persoas empadroadas en Malpica. No caso de que exista unha demanda moi superior ás 25 prazas crearase unha lista de agarda para outra posible ruta.
![cartel malpica sabe a mar](https://www.concellomalpica.com/wp-content/uploads/2017/09/cartel-malpica-sabe-a-mar-676x1024.jpg)
Con esta iniciativa, o Concello de Malpica segue apostando pola dinamización turística e económica do noso municipio. O venres ás 20 horas arrancará a segunda edición da ruta de tapas Malpica sabe a mar, organizada pola Concellería de Promoción Económica, na que participarán os establecementos Taberna do Lesto, Restaurante O Burato, Café bar Humboldt, Café Bar Ibarra, Café bar JB, Restaurante San Francisco, Larada Bar, O Pescador e Café bar Santiago Apóstol. Nove locais de hostalaría que durante toda a fin de semana servirán tapas elaboradas con produtos do mar a un prezo de 1,5 euros. As tapas serviranse nesa primeira xornada de 20.00 a 23.00 horas; o sábado, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 23.00, e o domingo, de 12.00 a 14.00 horas Con cada unha entregarase un boleto que ofrece a posibilidade de conseguir premios directos: bolsas de tela, camisetas, mandís, botellas, etc.
As tapas serviranse en pratos elaborados de Olería de Buño, elaborados para a ocasión no Ecomuseo Forno do Forte, xa que un dos obxectivos da iniciativa é enlazar tres sectores fundamentais da economía local: a pesca, a hostalería e a olería.
Pola súa banda, os hostaleiros malpicáns tamén poñen o seu gran de area para dinamizar a vila durante o mes de setembro. Despois da actuación do Trío Platino a fin de semana pasada, este sábado os gaiteiros de Malante farán un percorrido polos locais a partir das 20 horas, e o día 30 actuará na praza o Dúo Café.