Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

18Mai 2016

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica conta cun traxe específico para a loita contra a vespa velutina

 

IMG-20160518-WA0006

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica de Bergantiños recibiu hoxe pola mañá un traxe específico para a loita contra a vespa velutina, nun acto ao que asistiron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández, e o coordinador de Protección Civil, Iván Muiño. A entrega coincidiu cunha xornada formativa organizada pola Academia Galega de Seguridade Pública da Consellería de Presidencia, a través da cal téntase conseguir que as persoas que traballan na xestión das emerxencias conten cos mellores medios e traballen en condicións óptimas.

IMG-20160518-WA0005O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, que fixo entrega dos traxes aos representantes de 31 concellos da provincia, incidiu na importancia da formación e de contar con equipamentos axeitados, dous dos piares para que os grupos de emerxencias poidan ofrecer un servizo óptimo á cidadanía.  Grazas aos traxes hoxe pódese levar a cabo con seguridade a destrución e retirada de niños por parte das asociacións de voluntarios de Protección Civil dos concellos onde esta especie estea actuando ou se prevea un posible avance.

Dende a administración autonómica insístese na importancia da coordinación entre as diferentes administracións na loita contra a vespa velutina e o esforzo que está a realizar a Xunta para facer fronte a este problema. Neste sentido, Diego Calvo lembrou que a Consellería de Medio Rural retirou ou inactivou o pasado ano máis de 5.600 niños desta especie en 170 concellos de toda Galicia. Na provincia da Coruña retiráronse 1.979 niños.

Cando un cidadán localiza un destes niños ten que chamar ao 012 para alertar da súa presenza, dando a localización máis exacta do mesmo e a súa descrición de cara a que os servizos de emerxencia poidan confirmar se se trata ou non dun niño de esta especie, que son grandes e redondos, están colgados en zonas altas e son de cor amarela.

15Mai 2016

O Concello de Malpica estrea o Fondo Lugrís cunha exposición conxunta de Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro

“odesexo” enche de contido a sala circular do Centro Cívico

IMG_1856

O Centro Cívico suma un novo espazo expositivo. A sala circular da segunda planta convértese no Fondo Lugrís coa intención de albergar unha mostra permanente das obras de arte adquiridas polo Concello de Malpica de Bergantiños ao longo dos últimos anos e das que poidan incorporarse no futuro. Dende hoxe pola mañá, o Fondo Lugrís acolle unha mostra conxunta de tres homes imprescindibles da pintura galega actual. “odesexo” é un proxecto plástico e literario asinado por Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro, pero tamén por Ramón Neto, Verónica Martínez, Lino Braxe, Emma Pedreira, Eli Ríos, Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, Alberte Momán, Antonio G. Teijeiro, Miguel Mato, Paco de Tano, Xosé Iglesias e Paco Souto, é dicir, 13 dos 15 poetas que gañaron o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas ao longo dos seus dez anos de vida. E igual que o premio literario, a exposición “odesexo” é froito da colaboración entre a Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica.

Dadas as limitacións do espazo, na exposición inagurada este domingo non figuran as máis de corenta obras creadas por Maside, Riveiro e Pardiñas para “odesexo”, pero si todas as incluídas no catálogo editado, no que cada obra pictórica vai acompañada dun poema. Algúns dos autores deses versos ofreceron un pequeno recital no acto de inauguración, ao que tamén asistiron os pintores Riveiro e Pardiñas. O Concello de Malpica estivo representado pola concelleira Marisol Blanco Gorín, e a Asociación Cultural Caldeirón, por Paco Souto.

A exposición estará aberta ata o 15 de xuño.

 

12Mai 2016

300 nenos e nenas da provincia participarán en Malpica na 2ª Fase de Niveis da Federación Galega de Patinaxe

Carteis patín maio 16Malpica dará a benvida esta fin de semana ás promesas do patinaxe de toda a provincia da Coruña. Un total de 300 nenas e nenos de 19 clubs participarán na 2ª Fase de Niveis organizada pola Federación Galega de Patinaxe e o Club Patín Velúa de Malpica coa colaboración do Concello de Malpica, Malpica Deporte e a Deputación da Coruña. O sábado acudirán os clubs Fervello, Buxaina, Alquimia, Liceo, Maxia, Oleiros e Compañía de María; mentres que o domingo será a quenda de Aura, As Pontes, Conxuro, Radeansa, Raiola, Dominicos, Axel, Anca, Coristanco e Cristo Rey, ademais do anfitrión.

Nenas e nenos de Arteixo, A Laracha, Oleiros, Ferrol, Carral, A Coruña, Culleredo, As Pontes, Coristanco e outros concellos da provincia daranse cita no pavillón municipal para realizar as probas de nivel. A competición desenvolverase de 10.00 a 19.30 horas, tanto o sábado como o domingo. O concelleiro de Deportes de Malpica, Iago Espasandín, destacou a elección de Malpica como sede da 2ª Fase de Niveis, tanto dende o punto de vista deportivo como do turístico, xa que a vila converterase durante a fin de semana no destino de centos de nenas e nenos coas súas familias. Nese sentido agradeceu o traballo desenvolvido polo Club Patín Velúa, que ten a súa sede en Malpica, e da propia Federación Galega de Patinaxe.

11Mai 2016

O Concello complementa o equipamento da nova embarcación “Malpica 2” para seguir mellorando o servizo de salvamento

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Co inicio da temporada de praias á volta da esquina, o Concello de Malpica vén de realizar un importante esforzo para mellorar os servizos de salvamento completando o equipamento da nova embarcación “Malpica 2”, entregada o pasado mes de febreiro pola Xunta de Galicia dentro do plan de mellora dos medios materiais dos que dispoñen os servizos de Protección Civil de Galicia. A embarcación pneumática de salvamento e rescate, de cinco metros de eslora, dispón agora do mellor equipamento, como puideron comprobar o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández, e o coordinador de Protección Civil, Ivan Muíño.

O Concello de Malpica instalou na nova embarcación un equipo de GPS sonda ploter 92sv, sistema VHF con megáfono, altofalantes e antena; focos led e luz xiratoria de emerxencia co correspondente panel de control.  A lancha está rexistrada na 8º lista coa matrícula CO-2-1-16.

Con este investimento, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, unha das poucas que funciona exclusivamente con persoal voluntario, é unha das mellor equipadas da zona. Deste xeito, como xa o está a facer, pode colaborar de forma permanente con Salvamento Marítimo, ademais de estar ao servizo da seguridade en todo tipo de probas deportivas náuticas que se disputan en augas malpicás ou en calquera outro punto da costa no que sexa requirido o seu apoio.

En canto a medios destinados ao salvamento no mar, o servizo conta agora con dúas embarcacións, tubos de rescate, boias torpedo, un taboleiro espiñal para a inmobilización de posibles lesións medulares, un desfibrilador e un taboleiro de rescate innovador, xa que ao ser inchable é máis lixeiro e polas súas dimensións permite realizar vixilancias dinámicas pola praia durante a época estival. Precisamente nos vindeiros días terán lugar as probas de selección dos seis socorristas que desenvolverán o seu labor na praia de Area Maior a partir do 18 de xuño.

10Mai 2016

O Concello de Malpica doa 32 pezas de Olería de Buño á Fundación Eduardo Pondal para as Festiletras

IMG_1655

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco, fixeron entrega hoxe ao alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, de 32 pezas de Olería de Buño que se utilizarán como agasallos institucionais durante a celebración das Festiletras. No acto, que tivo lugar no Forno do Forte, participaron tamén Paco Doval, xerente do Ecomuseo, onde foron elaboradas as pezas, e José María Varela, xerente do Padroado da Fundación Eduardo Pondal, organizadora dos actos conmemorativos do 17 de maio.

José María Varela agradeceu “moitísimo” a colaboración do Concello de Malpica, que se vén repetindo dende hai cinco anos, porque “a Olería de Buño é un agasallo que a xente valora moito”. Fontes, tarteiras, chocolateiras… Todas as pezas doadas son tradicionais e “únicas, porque non hai dúas iguais”, destacou Eduardo Parga.

Lois García Carballido agradeceu tamén a colaboración do Concello de Malpica e avogou non só por mantela, senón por ampliala a outro tipo de iniciativas que contribúan a reforzar a comarca de Bergantiños como destino turístico.

IMG_1667

10Mai 2016

Multitudinario acto de entrega dos títulos da parcelaria de Cerqueda coa presenza da conselleira de Medio Rural  

IMG_1605-web

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, entregou hoxe os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Cerqueda, poñendo fin deste xeito a un proceso que durou 24 anos. “Foi moito tempo”, recoñeceu a conselleira, quen animou aos veciños e veciñas a aproveitar as vantaxes que supón esta redistribución do terreo, que suma unha superficie de 793 hectáreas e beneficia a preto dun millar de veciños.

A conselleira, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, destacou a importancia destes procesos reorganizativos do territorio posto que redunda nunha mellora da calidade de vida dos veciños. Neste senso, destacou que das 4.585 parcelas iniciais se pasou a ter 1.849 novas fincas, aumentando a superficie media de cada parcela en preto do dobre.

Este incremento territorial beneficia directamente ás explotacións agrogandeiras, salientou Ángeles Vázquez, xa que permite ampliar a base territorial das mesmas e reducir así custos. Por iso, a reestruturación parcelaria é fundamental para que o agro galego siga estando vivo e sexa unha opción de futuro.

IMG_1607-webO alcalde de Malpica, que cualificou a xornada como histórica, destacou a iniciativa dos veciños e veciñas de Cerqueda ao impulsar unha concentración parcelaria “que marca un antes e un despois na distribución das terras e nas súas posibilidades de aproveitamento agrogandeiro”. Eduardo Parga agradeceu á conselleira de Medio Rural o impulso que se lle dou nos últimos anos á concentración parcelaria “a pesar da situación de crise” e expresou a súa esperanza de que o proceso culminado hoxe “axude a revitalizar o sector agrogandeiro na parroquia de Cerqueda e anime a outros veciños doutras parroquias a seguir o voso exemplo”.

Hoxe no Centro Cívico de Malpica estaban convocadas as máis de 400 persoas que acudiron semanas atrás a entregar os seus datos. Para as que non puideron asistir, a partir de mañá os títulos de propiedade estarán dispoñibles, de forma indefinida, na Xefatura do Servizo de Infraestruturas Agrarias (edificio administrativo de Monelos, 6º andar, na rúa Vicente Ferrer, núm. 2 – A Coruña).

9Mai 2016

A conselleira de Medio Rural desprazarase mañá a Malpica para entregar os títulos da concentración parcelaria de Cerqueda

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, desprazarase mañá a Malpica para asistir ao acto de entrega dos títulos da concentración parcelaria de Cerqueda, que terá lugar no Centro Cívico a partir das 11.00 horas. Xunto á conselleira estarán o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez; o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga.

O acto de mañá porá fin a un proceso iniciado hai 24 anos. A Consellería de Medio Rural investiu preto de 1,8 millóns de euros para a asistencia técnica e as obras nunha superficie a concentrar de 793 hectáreas. O proxecto permitiu aos 969 propietarios reducir o número de parcelas das 4.585 iniciais ás 1.849 resultantes, acadando deste xeito unha superficie media de 3.700 metros cadrados.

Todos eses propietarios poderán recoller mañá os seus títulos, ben en persoa ou ben a través dun terceiro, pero sempre presentando o recibo que lles entregaron as técnicas da Consellería de Medio Rural hai unhas semanas. No caso de non dispoñer do recibo tamén se poderá retirar o título presentando o DNI e, no caso de tratarse dun terceiro, a autorización do titular da parcela. A partir de mañá, e para as persoas que non poidan acudir, os títulos de propiedade estarán dispoñibles na Xefatura do Servizo de Infraestruturas Agrarias (edificio administrativo de Monelos, 6º andar, na rúa Vicente Ferrer, núm. 2 – A Coruña).

4Mai 2016

O Concello de Malpica pon a punto os campos de fútbol de Xaviña e A Pedra Queimada

campo malpica 2

Dentro da súa política de mantemento e mellora dos servizos municipais, a Concellería de Deportes de Malpica aproveitou os últimos días de bo tempo para poñer a punto os campos de fútbol de Xaviña (Buño) e A Pedra Queimada (Malpica), dúas instalacións que rexistran un elevado nivel de uso.

En Xaviña remataron onte os traballos de cepillado mecánico, unha operación que permite que o céspede se manteña en posición vertical. No campo da capital municipal, que é unha instalación máis antiga, antes de proceder ao cepillado foron renovadas varias zonas nas que o céspede se atopaba moi deteriorado. O concelleiro de Deporte, Iago Espasandín, e o alcalde en funcións, Miguel Fernández, supervisaron os traballos.

2Mai 2016

O Día do Ritmo reunirá mañá en Malpica a 120 nenos e nenas de varios concellos

As Escolas Deportivas Municipais contarán con 40 representantes nas modalidades de ximnasia rítmica, aeróbic e psicomotricidade

cartel día do ritmo 2016

Malpica acollerá mañá unha nova edición do Día do Ritmo. A partir das 11.30 horas, o público que queira achegarse ata o pavillón municipal poderá gozar cunha exhibición artística que cumpre xa 13 anos e que vén avalada polo éxito das edicións anteriores.

Nos últimos anos, dende a Concellería de Deportes de Malpica estase a facer un gran esforzo na promoción das modalidades de aeróbic infantil e ximnasia rítmica, así como da psicomotricidade e o ritmo, e nesa liña, á marxe de difundir a práctica involucrando a diferentes entidades incluso de fóra do Concello, estableceuse a organización dun evento co  obxecto de dar unha maior difusión a ditas actividades e poder ofrecer tamén un espazo específico para realizar demostracións do aprendido durante o curso.

Para esta edición está prevista a participación de 120 nenos e nenas, corenta deles alumnos das Escolas Deportivas Municipais de Malpica, e o resto, convidados doutros concellos. Na modalidade de ximnasia rítmica intervirán as escolas de Malpica e Cabana, e nas de aeróbic e psicomotricidade participarán os grupos EDM Malpica, Malpica Psico, Tarrío e Blanco Amor.

O Concello de Malpica conta co apoio do Club Deportivo Costa Bergantiñá nas tarefas de organización do Día do Ritmo, no que tamén colaboran Gadis Hiper Carballo,  Deporte en Idade Escolar da Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña.

29Abr 2016

Período medio de pago do primeiro trimestre do ano 2016

En cumprimento do establecido na Disposición adicional primeira da Lei Orgánica 9/2013 de Control da Débeda Comercial, procédese a dar publicidade á información relativa ao periodo medio de pagamento desta entidade correspondente ao  1º trimestre do exercicio 2016, calculado consonte ao establecido no RD 635/2014,de 25 de xullo, polo que se desenvolve a metodoloxía do cálculo do periodo medio de pagamento a provedores.

 

DATOS IDENTIFICATIVOS DO INFORME PERIODO MEDIO DE PAGAMENTO:

 

Código Corporación Local: 11-15-043-AA-000

Nome corporación local: Malpica de Bergantiños

Exercicio: 2016

Periodo: primeiro trimestre

 

RATIO DE OPERACIÓNS PAGADAS

11,76 días

IMPORTE DAS  OPERACIÓNS PAGADAS

       546.568,60 €

RATIO DE OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGAMENTO

3,14 días

IMPORTE DAS  OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGAMENTO

359.052,17 €

PERIODO MEDIO DE PAGAMENTO DA ENTIDADE

8,34 días

 

Malpica de Bergantiños, 22 de abril de 2016

O ALCALDE

Eduardo José Parga Veiga

Página 94 de 152« Primera...102030...9293949596...100110120...Última »