Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

30Xul 2019

A nova corporación municipal aprobou o sistema de organización do Concello de Malpica para o actual mandato

29072019 pleno (4)

Votación a favor das dedicacións exclusivas

A corporación municipal de Malpica celebrou o luns 29 de xullo o pleno de organización, un trámite imprescindible para establecer o sistema de funcionamento do Concello durante o mandato. Co salón de sesións ateigado de público e moito debate, o goberno presidido polo socialista Walter Pardo Añón sacou adiante as seguintes propostas:

  • Periodicidade das sesións ordinarias de pleno: bimensual. Celebraranse o último xoves de cada mes impar ás 20.00 horas.
  • Réxime de indemnizacións dos membros da corporación: as dietas quedaron fixadas en 90 euros, tanto pola asistencia a plenos coma a xuntas de goberno ou comisións informativas.
  • Cargos da corporación en réxime de dedicación exclusiva e retribucións: terán dedicación exclusiva o alcalde, Walter Pardo; a concelleira do BNG Leticia Naya Varela e o concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo. O rexedor percibirá un salario de 38.000 euros brutos ao ano e os outros dous membros da corporación con dedicación exclusiva, 36.000. Este foi o asunto máis debatido do pleno.
29072019 grupo_pp

Grupo municipal do PP

A secretaria deu conta da constitución dos grupos políticos: PP, 6 concelleiros/as; PSOE, 4 concelleiros/as; BNG, 2 concelleiros/as; Ciudadanos, 1 concelleiro, que pasa a formar o grupo de non adscritos tras deixar de formar parte da formación política pola que concorreu ás eleccións.

Por outra banda, no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do martes 30 de xullo publícase a resolución da Alcaldía relativa ao nomeamento de membros da Xunta de Goberno Local e delegación de atribucións.

A Xunta de Goberno Local estará integrada polo alcalde e os concelleiros e concelleiras María Manuela Álvarez Rey, Tamara Torrado Roel, Daniel García Reigía e Alfredo Cañizo Garrido.

Así mesmo, as delegacións da Alcaldía serán as seguintes:

  • Concellería delegada de Cultura, Olería, Igualdade e Patrimonio: Leticia Naya Varela.
  • Concellería delegada de Deporte, Mocidade e Novas tecnoloxías: Daniel García Reigía.
  • Concellería delegada de Turismo, Seguridade, Tráfico, Servizos e Agro: Alfredo Cañizo Garrido.
  • Concellería de Promoción Económica e Benestar: Tamara Torrado Roel.
  • Concellería de Medio Ambiente e Educación: María Manuela Álvarez Rey.
  • Concellería de Obras e Urbanismo: José Ángel Garrido Suarez.

    29072019 goberno_tripartito (2)

    Membros do grupo de goberno

19Xul 2019

“A vila do mañá”, un proxecto que involucrará este verán a nenos e adolescentes na transformación do espazo urbano

19072019 a_vila_do_manha (4)

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a creadora e directora do proxecto “A vila do mañá”, a arquitecta Sandra González, presentaron hoxe os obradoiros infantís que se van desenvolver dende o luns 29 de xullo ata o venres 2 de agosto co obxectivo de implicar a nenos e adolescentes na transformación do espazo urbano de cara á consecución dun pobo cada vez máis habitable.

No acto estiveron acompañados por un dos membros do equipo de Sandra González que tamén participará nos obradoiros e polo técnico de Educación e Cultura do Concello de Malpica, Antón Noceda, que explicou como se materializou o proxecto. “Dende o aspecto técnico pareceunos das propostas máis interesantes que se nos presentaron nos últimos anos, no senso de que moi poucas veces vemos iniciativas para traballar conceptos como o urbanismo ou a transformación dos espazos públicos en rapaces tan pequenos, sendo un dos aspectos que despois vai condicionar a nosa vida como adultos”, manifestou.

Na mesma liña se expresou o alcalde, que destacou o carácter novidoso da experiencia. “Estou seguro de que os nenos van desfrutar moito, porque realmente transformar o espazo público pode ser, á parte de didáctico, moi lúdico para eles”.

19072019 a_vila_do_manha (6)

Sandra González, pola súa banda, explicou que “A vila do mañá” é un proxecto que leva percorrendo toda Galicia e parte do estranxeiro dende o ano 2016, e recoñeceu que está especialmente ilusionada coa posibilidade de desenvolvelo na nosa vila. “Malpica _dixo_ era unha espiniña que tiña pendente”. A arquitecta explicou que un dos obxectivos do seu traballo é, indirectamente, fixar poboación. “Se ti coñeces o lugar que habitas, se o vives, o día de mañá tes unha identidade formada con ese lugar e vai ser moito máis difícil que queiras marchar”, apuntou.

Os obradoiros van dirixidos a nenos e nenas de 3 a 15 anos de idade. A actividade desenvolverase do 29 de xullo ao 2 de agosto en dúas quendas:
• De 10.30 a 13.30 horas, para nenos e nenas de 3 a 12 anos (30 prazas)
• De 16.00 a 20.00 horas, para nenos e nenas de 8 a 15 anos (45 prazas)

“Malpica ten unha identidade moi potente e iso é o que temos que fomentar”, afirmou Sandra González. “O primeiro día é cando os nenos nos contan como ven eles a súa vila, e despois, dependendo da visión que eles teñan, cando empezamos a traballar, e son eles os que propoñen que espazos invadimos, como os invadimos… Vimos moi ilusionados”.

Inscricións: Ata o 26 de xullo no Departamento de Educación e Cultura, sito no Centro Cívico do Concello de Malpica. Avda. Ventorrillo s/n T. 981 707 104. En horario de 9.30 h. a 13.30 h.

18Xul 2019

Aberto o prazo de inscrición para a IV Carreira Pedestre Concello de Malpica, que se celebrará o 7 de setembro

A área de deportes organiza un ano máis a Carreira Pedestre Concello de Malpica, que se celebrará o 7 de setembro. A inscrición pode realizarse ata o 3 de setembro aquí. A cota é de 4 euros, un dos cales irá destinado á Asociación Española contra o Cancro. Os/as participantes que non teñan chip poderán alugalo por 1 euro. As carreiras infantís son gratuítas.

A carreira absoluta terá un percorrido de 9 quilómetros, con saída dende a Praza de Anselmo Vilar Amigo (fronte ao Concello), Guardia Pardines, Paseo da Praia, Rúa Canido, Cancela de Areas, Seaia, estrada á Praia de Seaia, Instituto Urbano Lugrís, estrada de Santo Hadrian ata a capela, Camiño do Santo, Canido e chegada no Paseo da Praia.
A recollida de dorsais poderá realizarse o mesmo día 7 no pavillón polideportivo en horario de 11.00 a 13.00 e de 15.00 a 17.30. PANFLETO PEDESTRE 19 - 2

16Xul 2019

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro infantil e xuvenil “A vila do mañá”

A infancia malpicá ten moito que dicir sobre o espazo no que vive. Por iso, este verán convidamos aos nenos e nenas a participar no proxecto “A vila do mañá”, unha iniciativa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e Post Arquitectos para estimular unha actitude crítica entre as xeracións máis novas con respecto ao lugar que habitan.

O obxectivo do obradoiro, que vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 15 anos de idade, é incluír á infancia nos procesos de construción do espazo común, partindo da cidade coma unha ferramenta educadora sobre a cal a cidadanía ten dereito ao seu desfrute e á súa transformación.

Para acadar esa participación activa, nunha iniciativa da Concellería de Educación e Cultura para a que contamos coa colaboración da Deputación da Coruña, transformaremos temporalmente o espazo público traballando desde o punto de vista da arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe. A grandes trazos, nos talleres traballarase a percepción de Malpica e a valoración que fan os nenos e nenas do lugar no que viven, e traballarase partindo de distintos conceptos arquitectónicos (plano horizontal, o ceo, os elementos bidimensionais e tridimensionais, a proporción…) para que presenten a súa propia proposta de cidade. E todo iso a través de obradoiros infantís e xuvenís para repensar o modelo de vila a través do xogo e mediante intervencións lúdicas de transformación de diferentes espazos da vila.

A actividade desenvolverase do 29 de xullo ao 2 de agosto en dúas quendas:
• De 10.30 a 13.30 horas, para nenos e nenas de 3 a 12 anos (30 prazas)
• De 16.00 a 20.00 horas, para nenos e nenas de 8 a 15 anos (45 prazas)

Inscricións: Ata o 26 de xullo no Departamento de Educación e Cultura, no Centro Cívico do Concello de Malpica. Avda. Ventorrillo s/n T. 981 707 104. En horario de 9.30 h. a 13.30 h.

Carteis A Vila do mañá xullo 19

 

13Xul 2019

Volven as “Noites na vila” para que este verán goces da música e das artes escénicas a carón do mar de Malpica

paporrubio

As Noites na Vila encherán de animación o Paseo da Praia e a Praza Anselmo Villar Amigo (en caso de choiva as actuacións trasladaranse ao auditorio do Centro Cívico) durante as fines de semana de xullo e agosto.

A programación do Concello de Malpica, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, comeza forte, cunha nova edición do Retablo de Fantoches Rafael Dieste, en lembranza da estrea de “La doncella guerrera” na nosa vila no ano 1933, no marco das Misións Pedagóxicas que levaron a cultura a todos os recunchos do Estado. Este ano, o Retablo traeranos as seguintes propostas:

• Sábado 20 de xullo, ás 20:30 h. no Paseo da Praia “A Tropa do Doutor Milagre” de Iventi Teatro. Urdime S.C.G. Público Preferente: Todos os públicos. Duración: 45 minutos.
• Sábado 3 de agosto ás 20.30 h no Paseo marítimo “Os romeiros do caracol” de Fantoches Baj. Urdime S.C.G. Público Preferente: Infantil, a partir de 5 anos, e Familiar,. Duración: 50 minutos.
• Sábado 31 de agosto ás 20:30 h. no Paseo marítimo “Tolitates” de Teatro de Marionetas Trécola. Público Preferente: Todos os públicos. Duración: 50 minutos.

traskiband boa

Ademais das artes escénicas, as Noites na Vila tamén nos traen música. Malpica volverá a acoller o ciclo de concertos Vai no mar, que se está a converter nun escaparate para os grupos da contorna. Este ano contaremos cos seguintes.

• Venres 9 de agosto, ás 22:30 h. na Praza Anselmo Villar Amigo, actuación musical da “Traskiband”. Duración: 60 minutos.
• Venres 30 de agosto, ás 22:30 h. no Paseo marítimo actuación musical do grupo “Versión Imposible”. Duración: 120 minutos.

Este verán agardámoste en Malpica!

28Xuñ 2019

O Ecomuseo Forno do Forte ofrecerá obradoiros de barro para nenos e nenas durante todo o verán

hola ceramica 2

Despois da boa acollida das actividades incluídas na campaña ¡Hola cerámica!, o Ecomuseo Forno do Forte pon en marcha unha nova iniciativa para seguir achegando a olería a un público cada vez máis amplo. Nesta ocasión os destinatarios serán os nenos e as nenas, que durante todo o verán poderán participar en obradoiros de barro gratuítos.

Os talleres celebraranse dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto, de martes a sábado, e en horario de 16.15 a 18.45. A actividade será grupal, cun máximo de 20 participantes por quenda, polo que as prazas asignaranse por orde de chegada.

Os obradoiros de barro, organizados polo Concello de Malpica coa colaboración da Deputación da Coruña, teñen como finalidade poñer en valor a nosa olería entre os máis pequenos e fomentar a súa creatividade.

22Xuñ 2019

O Concello de Malpica establece un dispositivo especial de seguridade e limpeza con motivo da noite de San Xoán

cachelas

O Concello de Malpica vén de establecer un dispositivo especial de seguridade e limpeza con motivo da noite de San Xoán, xa que cada vez son máis as cachelas que se celebran no noso concello.

Dende a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil pídese á veciñanza que extreme as precaucións para previr riscos. Deste xeito, por exemplo, recoméndase non amorear materiais a máis de 3 metros de altura nin cun perímetro superior a 8 metros, utilizar só materiais sólidos, gardar unha distancia de seguridade mínima de 20 metros con respecto a edificacións, tendidos ou vehículos, adoptar medidas de autoprotección, ter precaución co vento e asegurarse que, unha vez apagado, o lume non se reavivará. Cando participen nenos pídese a supervisión dun adulto e que non se lles permita aos nenos xogar co lume nin utilizar produtos pirotécnicos.

Por outra banda, e en previsión de que a praia de Area Maior sexa un dos escenarios da celebración da noite de San Xoán, dende o Concello de Malpica estableceuse un dispositivo especial de limpeza para que xa dende primeira hora da mañá do luns o areal se atope en condicións óptimas de uso.

21Xuñ 2019

O Ecomuseo Forno do Forte, incluído na nova exposición itinerante da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos

WhatsApp Image 2019-06-20 at 12.51.50 (1)

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, asistiu esta semana en Muros á inauguración da exposición itinerante “O océano que nos une”, que forma parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) e que está impulsada polos 8 Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia (GALP). O alcalde estivo acompañado polo director do Ecomuseo Forno do Forte, Paco Doval, xa que é un dos espazos museísticos incluídos na exposición.

A través de dez paneis informativos, “O océano que nos une” amosa os elementos máis significativos dos museos que a acollerán, e que teñen en común a súa conexión co mar a través de temáticas tan diferentes coma a pesca, a historia, o medio ambiente ou, coma no caso do Forno do Forte, a etnografía. Por falta de espazo, a exposición non se instalará no ecomuseo, senón no Centro Cívico de Malpica, que será a última parada da ruta do 24 de outubro ao 3 de novembro.

11Xuñ 2019

Malpica participará o día 22 na iniciativa de Libera “1m2 pola natureza”, unha gran recollida cidadá contra a “basuraleza”

libera

1m2 pola natureza, a gran recollida cidadá que promove Libera a nivel nacional, volve a Malpica para concienciar á poboación sobre o problema da basuraleza nos espazos naturais do noso país. A terceira edición da iniciativa chegará ao noso concello o sábado 22 de xuño.

A basuraleza converteuse nun grave problema que afecta a toda a sociedade. Frear o seu impacto é o labor que LIBERA, o proxecto de SEO/ BirdLife en alianza con Ecoembes, realiza con ‘1 m2 pola natureza’, a gran cita anual de recollida colaborativa de residuos abandonados na natureza a nivel nacional. E este ano, Galicia súmase á iniciativa para liberar de residuos as súas contornas naturais.

Conscientes deste grave problema, o Concello de Malpica quixo sumar esforzos para acabar coa basuraleza e convidar a toda a cidadanía a sumarse á iniciativa de Buceo Malpica para realizar unha limpeza no porto. A cita, o sábado 22 ás 09.00 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse no teléfono 630677910 ou no e-mail buceomalpica@hotmail.com.

11Xuñ 2019

O Bergantiños foi o gran vencedor da III Malpica Vidú Cup

Bergantiños CF Campeón (Copiar)

Bergantiños, campión

A Malpica Vidú Cup chegaba á súa terceira edición e facíao cun gran cartel de equipos, entre eles os máis importantes do panorama futbolístico galego, un conxunto portugués e dúas seleccións comarcais que foron os protagonistas desta competición, moi igualada de principio a fin.

Na fase de grupos, ningún dos oito equipos foi quen de impoñerse con claridade, xa que os resultados foron todos eles moi axustados e por iso as posicións da clasificación de ambos os grupos non se decidiron ata a última xornada desta fase inicial, na que Bergantiños acabaría como primeiro no grupo A por diante de Compostela, Chaves e Selección Coruñesa, mentres que o Vitoria sería o primeiro clasificado do grupo B por diante de Selección da Costa, Racing de Ferrol e Pontevedra.

Bergan Campeón (Copiar)

O alcalde entregou o trofeo ao capitán do Bergan

Nos cuartos de final, a igualdade seguiría sendo máxima e o Bergantiños lograría o seu pase para as semifinais logo de vencer pola mínima ante o Pontevedra, mentres que a Selección da Costa, o Racing de Ferrol e a Selección Coruñesa metéronse na seguinte fase despois de eliminar a Chaves, Compostela e Vitoria, respectivamente, na quenda de penaltis.

Todos deron o mellor de si durante todo esta III Malpica Vidú Cup e nas semifinais non serían menos, xa que todos querían estar na gran final, pero un Bergantiños que soubo xogar as súas bazas ante a Selección da Costa da Morte para lograr a vitoria por 2-0, mentres que un Racing de Ferrol que, por diversos motivos, presentouse no torneo con tan só 13 xogadores que demostraron ser uns guerreiros, meteuse na finalísima despois de superar nos penaltis a unha Selección Coruñesa que foron de menos a máis durante a competición.

Xa na gran final, o cansazo fíxose notar nun Racing de Ferrol curto de efectivos e o Bergantiños soubo aproveitalo para facerse coa vitoria e proclamarse campión desta III Malpica Vidú Cup.

Trofeos

Ademais de levantar o trofeo de campión, o Bergantiños recibiría o de mellor xogador que caería nas mans do seu xogador Javi Pérez e tamén o de MVP da final, que sería para Roi Canedo. Mentres tanto, o mellor porteiro desta III Malpica Vidú Cup sería para Iván Fraga, porteiro da Selección da Costa da Morte. E o de mellor adestrador sería para Álvaro Rodríguez do Racing de Ferrol, club que levaría o Xogo limpo desta terceira edición do torneo, polos valores que demostraron ter dentro e fóra do terreo de xogo.

Página 58 de 153« Primera...102030...5657585960...708090...Última »