Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

10Mai 2017

Estudantes da Coruña e de Venecia que participan nun intercambio visitaron o noso concello

INTERCAMBIO (6) O IES Agra do Orzán (A Coruña) e Instituto Superior Benedetti-Tommaseo de Venecia (Italia) participan nun intercambio que xa case forma parte da tradición en ámbolos dous centros, pero este ano por primeira vez incluíron entre as súas actividades unha visita ao municipio de Malpica. As mozas e os mozos tiveron a ocasión de coñecer Punta Nariga e tamén o Forno do Forte. No ecomuseo foron recibidos polo tenente de alcalde, Miguel Fernández, que quixo que levasen un recordo aínda mellor da visita facendo entrega dunha xerra ao profesorado do Agra do Orzán e dun pucheiro de encote ao do instituto italiano.

INTERCAMBIO (5)

Os intercambios entre ámbolos centros, que se remontan anos atrás, teñen compoñentes culturais e sociais. Un grupo de alumnos e alumnas do IES coruñés, entre eles un malpicán, estiveron en febreiro en Venecia, convivindo coas familias dos estudantes que agora visitan A Coruña. A súa estancia rematará mañá.

4Mai 2017

Xa está en marcha en Malpica o clubEmprego, un espazo de encontro para a inserción laboral da muller promovido por Íntegro

A aula de informática da Casa do Oleiro de Buño convértese na sede do clubEmprego, o novo espazo de encontro para a inserción laboral da muller promovido pola Asociación Íntegro coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais de Malpica. O primeiro grupo empezou a traballar hoxe, e ata alí achegáronse a concelleira Marisol Blanco e o alcalde, Eduardo Parga, que amosou o seu desexo de que todas as iniciativas que está a desenvolver o Concello de Malpica en materia de formación acaden o obxectivo pretendido da inserción laboral.

CURSO PIMD

O clubEMprego é unha nova acción formativa incluída no Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no Ámbito Rural (PIMD Rural), aínda que está aberto a todas as mulleres que queiran realizar unha busca activa de emprego. O proxecto consiste en ofrecerlles asesoramento individual e grupal para dotar de ferramentas útiles e necesarias a un dos colectivos en maior situación de vulnerabilidade social.

Con esa intención, en cada sesión haberá grupos reducidos de traballo aos que se lles facilitará apoio formativo individualizado relacionado con Tic´s, trámites administrativos ou empoderamento, así como accións grupais dirixidas á realización de procuras dixitais, entrega de currículos, rastrexos a pé de rúa, creación de bolsas de emprego ou intermediación laboral con empresas, entre outras. Ademais, faranse prospeccións de mercado periódicas para coñecer, a curto e medio prazo, as necesidades de mercado da zona e adecuar a formación das alumnas ás mesmas.

1Mai 2017

Malpica entra “Nos Tempos das Letras” con exposicións, contacontos, teatro, música e actividades literarias

Malpica entra “Nos Tempos das Letras” cun programa que inclúe propostas para todos os públicos e que abrangue diferentes manifestacións culturais. Durante cinco semanas, todos os venres ás 18 horas os máis pequenos da casa están chamados a participar nos “Venres na biblioteca”, que comezarán o 5 de maio co espectáculo de Gloria Mosquera “As aventuras de Mamá Cabra”, para nenos/as de 2 a 10 anos. O día 12 escoitarán os “Contos nacidos do mar” de Raquel Queizás, e o 19 chegará “A nosa música con Jorge e María”, ámbolos dous recomendados a partir de 3 anos. Para rapaces e rapazas de 5 a 12 anos, Ghazafelhos traerá o espectáculo “Camiñando entre estrelas” o día 26 de maio, e para rematar, para o 2 de xuño reservamos as historias de “Carmiña Miudiña, a pinga que quería ser científica”, con BocAberta.

Do 8 ao 31 de maio estará aberta, tamén na biblioteca, unha exposición sobre Carlos Casares, protagonista do cartel anunciador do programa. A literatura estará moi presente “Nos Tempos das Letras” grazas á colaboración da Asociación Cultural Caldeirón, que o luns 22 de maio presentará o XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas (Centro Cívico, 12 horas), e o 3 de xuño convídanos á presentación da publicación “A relixión do mar”, de Xosé Iglesias (Casa do Pescador, 20 horas).

O 3 de xuño tamén será o día do teatro, co maratón de fin de curso a cargo do Obradoiro de Animación Teatral do Concello de Malpica. A partir das 18 horas, no auditorio do Centro Cívico, representará “O punto e final”, “Unha de bruxas”, “Margarida, a filla de Don Importante” e “Acampada no cemiterio”.

No programa “Nos Tempos das Letras”, organizado pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo, tamén colaboran a Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

CARTEL NOS TEMPOS DAS LETRAS 17

 

28Abr 2017

Dúas xogadoras de Malpica na Selección da Costa de fútbol feminino, que debuta o 1 de maio en Buño

Eva Luz e Iria Gundín son as dúas xogadoras de Malpica convocadas para a Selección da Costa de fútbol feminino, que debutará o vindeiro luns 1 de maio no campo de Xaviña, en Buño, contra a Selección Coruñesa Sub-15. A creación da Selección da Costa e unha aposta máis da Asociación Deportiva Vidú polo deporte, neste caso co apoio da Federación Galega de Fútbol. “A Costa da Morte é unha zona cunha gran tradición futbolística e na cal, actualmente o fútbol feminino está en pleno auxe”, manifestan dende a entidade.

Por todo isto e coa intención de darlle un impulso e visibilidade ao fútbol feminino na zona, a entidade cormelá decidiu dar o paso de crear este combinado que debutará o vindeiro luns 1 de maio. Ese día, a Selección da Costa enfrontarase no Campo de Xaviña (Buño) á Selección Coruñesa Sub-15 que dirixe o carballés Gueli Cotelo.
No que respecta ao combinado costeiro, a Selección da Costa estará dirixida por David Castro, un bo coñecedor da modalidade na zona e que estará moi ben arroupado, xa que contará coa axuda da gran María Varela Bardanca, quen está considerada como a mellor futbolista da zona e ademais conta cunha traxectoria impecable e inmaculada no mundo do fútbol.

Cartel Seleccions 1 de Maio

O seleccionador da Costa da Morte convocou un total de 20 xogadoras de sete clubs diferentes para este primeiro encontro e elas son as seguintes: Angy Esmorís, Lucía Couñago, Andrea Domínguez, Laura Seoane, Ana Fontes, Zeltia Belo e Paula Gómez do Bergantiños CF; Raquel Domínguez, Cintia Arijón, Carla Varela e Leticia Santos do SD Tordoia; Sarai Muiños, Iria Gundín e Tatiana Barcia do Vitoria CF; Verónica Mallo e María Lorenzo do SCD Pastoriza; Eva Luz e Karina Tajes do RC Deportivo; Andrea Rodríguez do Ural CF e Ana Bugallo do EF Luís Calvo Sanz.

Por parte da Selección Coruñesa Sub-15, o seleccionador Gueli Cotelo solicitou a presenza de dezaoito xogadoras de catro clubs e son as seguintes: Ana Carreiras, Ana Bermúdez, Carlota Sánchez, Inés González, Laura Rivas, Lucía Lorenzo e Uxía Franqueira do Deportivo Orzán; Aroa Guerra, Andrea Díaz e Carlota Barreiro do Imperátor OAR; Nuria Campo, Clara Taboada, Alba Villar, Laura Cetina, Inés García, Zaida Táboas e Ania Montero do Vitoria CF e Giselle Englem do Orzán SD.

Tanto a Federación como a Asociación Deportiva Vidú esperan que este partido sexa unha gran festa do fútbol feminino e que sirva de trampolín para que esas mozas e nenas que están en dúbidas de dar o paso para xogar ao fútbol se animen a facelo.

27Abr 2017

O Día do Ritmo inclúe este ano unha masterclass de zumba para todas as idades

dia do ritmo

Malpica acollerá este sábado 29 o Día do Ritmo, unha proposta deportiva e lúdica que acada a súa 13ª edición, e que cada ano medra en participación e espectáculo. Nos últimos anos estase a facer un importante esforzo dende a Concellería de Deportes, que dirixe Iago Espasandín, para fomentar deportes como o aerobic, o baile moderno, a ximnasia rítmica e a zumba, que están a contribuír dun xeito decisivo a incrementar a práctica deportiva entre as mulleres de todas as idades.

O obxectivo do Día do Ritmo é difundir estes deportes e ao mesmo tempo seguir involucrando á poboación na súa práctica, ademais de ofrecer ás persoas participantes un espazo específico que lles permita demostrar o aprendido durante o curso.

O Día do Ritmo arrancará ás 11.30 horas cunha exhibición de ximnasia rítmica a cargo das escolas municipais de Cabana e Malpica. A continuación sairán a escena os alumnos e alumnas da escola municipal de aerobic e baile moderno do Concello de Malpica e para rematar gozaremos dunha masterclass de zumba para tódalas idades e para todo o público. Entre as persoas que se animen a participar realizaremos un sorteo de agasallos.

24Abr 2017

A conselleira Ethel Vázquez asistiu ao comezo das obras da senda peonil entre Xornes e Buño

Ponteceso. A Coruña A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada dos alcalde de Ponteceso e Malpica de Bergantiños, Xosé Lois García e Eduardo Parga, respectivamente, supervisará o inicio das obras do itinerario peonil e ciclista na AC-421/AC-422. Treito Xornes–Buño–Canta La Rana. 24/04/2017 Foto: Moncho Fuentes / AGN A CoruñaOs veciños e veciñas verán mellorada a súa mobilidade no último trimestre deste ano cando estea rematada a senda peonil e ciclista entre Xornes, Buño e Canta la Rana, na que a Xunta investirá máis de 645.000 euros. Así o trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, quen supervisou o inicio das obras desta infraestrutura, que terá unha lonxitude de 2 quilómetros e un ancho de dous metros, separados da calzada por unha franxa axardinada, discorrendo ao carón das estradas que unen Buño con Agualada e con Canta La Rana (AC-421 e AC-422). A obra será executada pola empresa carballesa Construcciones Ramón Vázquez y Reino.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, que estivo acompañada dos alcaldes de Ponteceso e Malpica de Bergantiños, Xosé Lois García e Eduardo Parga, respectivamente, salientou que esta senda permitirá realizar os percorridos habituais entre os núcleos de poboación e as zonas de equipamento, como o colexio, o campo de fútbol ou o cemiterio, “a pé ou en bici, dun xeito cómodo e seguro”.

p_017Na visita a estas obras, Ethel Vázquez avanzou que esta mesma semana tamén darán comezo as obras doutra senda na comarca de Bergantiños, no concello de Carballo, que conectará esta vila co polígono empresarial de Bértoa. Este novo itinerario peonil e ciclista de preto dun quilómetro de lonxitude será posible mediante un investimento autonómico de case 800.000 euros

Ethel Vázquez destacou que grazas a estas actuacións, “en poucos días veremos dous exemplos de cómo o Goberno galego cumpre as súas promesas e transforma os compromisos en feitos que melloran a calidade de vida dos cidadáns”.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda remarcou o traballo do Executivo autonómico a prol da calidade de vida dos veciños desta comarca que nesta comarca se traduce no inicio das obras destes dous itinerarios, incluídos no Plan de Sendas de Galicia que, para a comarca de Bergantiños, prevé a construción de 7 novas sendas, máis de 10 km de actuacións e un investimento de máis de 4 M €.

19Abr 2017

Publicadas as bases para a contratación de 6 socorristas durante a temporada de verán

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica as bases para a contratación de 6 socorristas para traballar durante a temporada de verán na praia de Area Maior.

Os/as candidatos/as deben ter cumpridos os 18 anos, reunir todos os requisitos legais para desempeñar un posto público e estar inscritos/as no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia (sección espazos acuáticos naturais).

As bases completas poden consultarse aquí.

18Abr 2017

Chega a Malpica o Programa de educación familiar e socialización para a diversidade da asociación Aloumiños

O Concello de Malpica, a través da Concellería de Servizos Sociais, súmase ao Programa de educación familiar e socialización para a diversidade que organiza por terceiro ano a asociación Aloumiños. Este venres 21, ás 19 horas, estará no Centro Cívico a directora do centro Aspaber de Carballo, Dolores Fernández, que falará sobre “Unha viaxe inesperada e un mundo a descubrir cheo de capacidades” nun acto aberto a todos os veciños e veciñas.

Malpica ébase_2016(1) a última estación do programa que vén desenvolvendo a asociación Aloumiños dende o mes de novembro do ano pasado en diferentes municipios da Costa da Morte, e que será clausurado o vindeiro 12 de maio en Carballo. “Desde Aloumiños cremos que a información e o coñecemento é fundamental para que as familias poidan acometer as diferentes afectacións do xeito máis adecuado posible, se ademais a todo isto lle sumamos profesionais dun altísimo nivel e recoñecemento, fan deste programa un reto para todos os membros da nosa entidade”, explica a asociación.

 

11Abr 2017

Artesanía, música e relixiosidade na Semana Santa de Malpica

Na Semana Santa de Malpica non falta de nada. Mesmo o bo tempo semella estar garantido, segundo as previsións de Meteogalicia, o que axudará ao bo desenvolvemento das actividades organizadas directamente polo Concello ou por diversas entidades coa colaboración municipal.

Ruta guiada Olería de Buño

A artesanía ten un peso específico no programa, comezando pola ampliación do horario de apertura do Ecomuseo do Forno do Forte de, que poderá visitarse ata o sábado de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e o domingo de 10 a 14 horas. En colaboración coa Asociación Oleira de Buño terán lugar o venres e o sábado as Rutas guiadas pola Olería de Buño, que inclúen un percorrido explicativo polos fornos visitables, guiado por Antonio Pereira “O Rulo”, e outro paralelo de fotografía. Tanto o día 14 como o 15 haberá unha ruta de 11.30 a 13.30 horas e outra de 17 a 19 horas.

Pola súa banda, a asociación de redeiras O Fieital ofrece visitas guiadas individuais e para grupos, previa reserva no teléfono 617 695 230. E para quen queira saber máis sobre a vila de Malpica recomendamos as rutas temáticas urbanas Tras os pasos de Lugrís (saída da praza Villar Amigo), Balcón das Sisargas (paseo do Caldeirón) e Balcón do porto (Casa do Pescador), con audioguías.

FESTA XUVEN

A música tamén estará moi presente na Semana Santa de Malpica, comezando o xoves 13 coa 5ª edición da Festa da Xuventude, que reunirá ás orquestras New York e Bomba e a discoteca móbil CDC nunha velada que se prevé multitudinaria. O venres teremos tamén sesión vermú no centro da vila con MCarballo Banda, o grupo do ourensán Manuel Carballo, guitarrista e compositor con máis de 30 anos de experiencia, que colaborou con grupos e músicos galegos como Miguel Costas, Cristina Pato ou Magín Blanco, e que presenta agora novo traballo discográfico cun estilo moi persoal. A súa estancia en Malpica prolongarase ata o sábado, cunha nova actuación pola tarde, tamén ao aire libre.

E polo que se refire á celebración relixiosa, o acto central será a procesión do Venres Santo, que sairá ás 20 horas dende a igrexa de San Xulián acompañada pola Banda de Gaitas Malante.

11Abr 2017

32 equipos participan esta Semana Santa no III Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica

O III Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica reunirá esta Semana Santa a 32 equipos das categorías prebenxamín, benxamin, alevín e infantil de toda a provincia. A competición promovida dende o departamento que dirixe Iago Espasandín disputarase os días 13 e 14. O primeiro partido de cada xornada comezará ás 10 horas e o último, ás 16.30.

TORNEO FUTBOL BASE CARTEL

O III Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica terá como escenario o campo de Xaviña (Buño). O día 13 xogarán os prebenxamíns (As Baleas FS, Escolas Deportivas Municipais de Malpica, SD Sofán, Imperátor OAR, UD Paiosaco, EDM Ponteceso, Laracha CF e Xallas FC) e os benxamíns (UD Cerqueda, SD Sofán, As Baleas FS, Corme CF, EDM Ponteceso, Cabana SD, Xallas FC e Laracha CF), e o día 14 será a quenda dos alevíns (EF Luis Calvo Sanz, Laracha CF, Cabana SD, Xallas FC, Buño, SCD, As Baleas FS, Corme CF e SD Sofán) e dos infantís (SD Coristanco, Imperátor OAR, Cabana SD, Corme CF, Victoria CF Feminino, SCD Malpica, Xallas FC e As Baleas FS).

Consultade nos documentos adxuntos os calendarios correspondentes ao xoves e o venres.

TORNEO FUTBOL BASE CALENDARIO XOVES

TORNEO FUTBOL BASE CALENDARIO

Página 83 de 153« Primera...102030...8182838485...90100110...Última »