Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

9Mar 2017

O Inega subvenciona a instalación de caldeiras de biomasa para particulares

O INEGA publica as bases reguladores de subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa destinadas a particulares (DOG núm. 43, do 2 de marzo de 2017). O prazao para presentar as solicitudes estará aberto dende o 24 de marzo ata o 23 de abril de 2017. Só se admite a tramitación electrónica. As solicitudes e demais documentación dixitalizada serán presentadas, a través da aplicación, polas entidades colaboradoras adheridas.

Beneficiarios:

  • Persoas físicas de dereito privado, comunidades ou mancomunidades de veciños
  • Propietarios ou titulares dun inmoble do sector residencial sito no ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Agrupacións de persoas físicas ou privadas sen personalidade

A contía máxima da axuda será calculada en función da potencia unitaria instalada e do tipo de instalación, cos seguintes límites adicionais por proxecto, segundo o artigo 4.2 das bases:

  • A intensidade máxima da axuda será do 50% do cálculo do investimento elixible por potencia instalada.
  • A contía máxima da axuda por proxecto será de 50.000 €

O prazo máximo de resolución de concesión será de 4 meses dende o remate do prazo de presentación de solicitudes. A instalación da caldeira e o gasto deben estar xustificados a 30 de setembro deste ano.

Mais información no teléfono 981 541500 (opción 3 da locución telefónica) ou mediante correo electrónico inega.info@xunta.gal. Tamén no DOG número 43 do 2 de marzo e na seguinte ligazón: http://www.inega.gal/subvencions/subvencions/Energiasrenovables/2017/ficha_renovables2017_0001.html?idioma=gl

4Mar 2017

A Concellaría de Servizos Sociais organiza unha viaxe a Cantabria coincidindo co Ano Santo Lebaniego

A Concellaría de Servizos Sociais escolleu Cantabria como destino da súa viaxe anual coincidindo coa celebración do Ano Santo Lebaniego. A excursión celebrarase do 8 ao 12 de maio. Serán, polo tanto, cinco días en réxime de pensión completa e por un prezo de 244 euros.

laredo

Vista de Laredo

A estancia dos malpicáns en Cantabria comezará o día 8 en Laredo. Ao día seguinte desprazaranse ata a veciña provincia de Bizkaia para coñecer a vila de Balmaseda, cun impresionante patrimonio histórico e cultural que coñecerán nunha visita guiada. De regreso ao hotel deteranse en Altamira e completarán a tarde cun paseo por Santillana del Mar.

O mércores 10 estará centrado na celebración do Ano Santo Lebaniego, cun completo percorrido polo val de Liébana, onde degustarán o típico cocido lebaniego. Para completar o coñecemento da gastronomía da zona, o xoves 11 de maio haberá unha visita a unha fábrica de sobaos pasiegos. Os malpicáns tamén visitarán Liérganes e a cova de Pozalagua no val de Karrantza.

castro urdiales

Castro Urdiales

A última parada será o día 12 en Castro Urdiales, antes de emprender a viaxe de regreso. As persoas interesadas en participar poderán informarse e inscribirse no Departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico, teléfono 981 720 280) do 3 ao 12 de abril. Hai 50 prazas dispoñibles e cubriranse por orde de solicitude.

1Mar 2017

Gran competitividade no Concurso de Doces, que encheu de sabores o Martes de Entroido en Malpica

O Concurso de Doces non só é unha cita consolidada dentro da programación do Entroido, senón que cada ano gaña en calidade, variedade, sabores e, en consecuencia, en competitividade. O xurado, integrado por representantes do Concello de Malpica e das entidades colaboradoras, tivo moitos problemas para escoller os premios entre as distintas preparacións presentadas, entre as que este ano destacaron os doces máis típicos da época.

MAGDALENAS DE POMPEYA-1 PREMIO INFANTIL-MAR AMADOBOLAS DO DRAGON ZETA - 2 PREMIO INFANTIL - BRAIS CASAL BIZCOCHO GALACTICO - 3 PREMIO INFANTIL - NOELIA SILVA

Na categoría infantil, para nenos e nenas menores de 14 anos, os tres premios foron, por esta orde, para as “Magdalenas de Pompeya” de Mar Amado Chouciño, as “Bolas do dragón Zeta” de Brais Casal e o “Bizcocho galáctico” de Noelia Silva.

ROCAS DE AMENDOA - 1 AMATEUR - Mª JOSE RECAREY CHOUCIÑONa categoría amateur o doce mellor valorado polo xurado foron as “Rocas de améndoa” de María José Recarey; mentres que o segundo premio foi para o “Flan de coco” de Ana Rama e o terceiro, para a “Tarta de oreo” de Isabel Camiño. En canto á categoría profesional, destinada a establecementos de hostalería, o xurado galardoou en primeiro lugar as “Rosquillas” da Cafetería JB, seguidas da “Tarta de limón” de O Cachón e a “Tarta de queixo e vainilla” de Casa Antonio.

O alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, achegáronse ata o pavillón malpicán para participar na entrega de agasallos, pezas de Olería de Buño e “chuches” para os nenos e as nenas. Co Concello de Malpica colaboraron a Asociación de Redeiras Mar da Illa, a Asociación de Amas de Casa de Malpica e a ANPA Ventorrillo, que paralelamente celebrou a súa tradicional festa infantil con inchables e obradoiros.

 

27Feb 2017

“Malpica nos anos 50”, gañadora do concurso de comparsas

En Malpica queremos ofrecer o Entroido máis doce, e por iso, á parte do tradicional Concurso de Doces que celebramos hoxe, como todos os Martes de Entroido, no concurso de comparsas do domingo houbo “chuches” para todos os nenos e nenas participantes, e “A Vaca”, gañadora do certame na categoría infantil, levou unha cesta ben completiña.

Entroido 2017

Para os maiores, e como tamén é tradición, os galardóns consistiron en cestas cheas de produtos típicos de Entroido, incluídos o lacón e os grelos. O primeiro premio foi para a numerosa “Malpica nos anos 50”; o segundo, para “O lobo e as ovelliñas”; o terceiro, para “Guardia Civil”, e o cuarto, para “Familia Mickey”. O concurso de comparsas encheu de animación e diversión a nosa vila.

24Feb 2017

O Concello de Malpica investirá os fondos do POS+ en melloras viarias en cinco parroquias

As rúas Guardia Pardines, Doutor Fleming e Travesía Emilio González López serán obxecto de reformas integrais

O Concello de Malpica investirá a maior parte dos fondos do novo programa provincial POS+ na mellora das infraestruturas viarias da capital municipal e das parroquias de Mens, Barizo, Buño e Cerqueda.

RUA DOUTOR FLEMING OU GUARDIA PARDINES

Dos 265.556,32 euros correspondentes ao antigo POS, 168.058,34 destinaranse a gasto corrente, permitindo deste xeito liberar fondos municipais para atender distintas necesidades. Os restantes 97.497,98 euros investiranse nun proxecto conxunto de reforma integral das rúas Guardia Pardines e Doutor Fleming, as máis utilizadas para acceder ao paseo marítimo e á praia de Area Maior dende a travesía principal.

Tamén se acometerá unha actuación similar na Travesía Emilio González López, cun orzamento de 30.293,86 euros. Esta cantidade procede doutro dos fondos do POS+, do que ao Concello de Malpica correspóndenlle 163.419,27 euros. O resto, ata completar esa cantidade, investirase na mellora das redes viarias das parroquias de Mens, Barizo, Buño e Cerqueda.

O Concello de Malpica tamén podería investir 175.675,72 euros con cargo ao PAI (Plan de Aforro e Investimento), un plan da Deputación da Coruña que permite aos concellos pedir un préstamo a custe cero. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, explicou que no caso de Malpica non se utilizará esa posibilidade por varios motivos. En primeiro lugar, porque o Concello non ten débedas nin cos bancos nin cos seus provedores, e, en segundo lugar, porque recorrer a esta operación financeira suporía superar a regra e o teito de gasto, o que obrigaría a realizar un plan económico-financeiro que restrinxiría a capacidade de manobra do Concello nos próximos anos.

A proposta do grupo de goberno do PP foi apoiada no pleno polo BNG e o PSOE. AIM abstívose.

23Feb 2017

Asinado o contrato para a execución da segunda fase da marquesiña do Milladoiro

MARQUESINA 2

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinou coa representante da empresa Solconor SL o contrato de subministración, montaxe e instalación de elementos prefabricados para a segunda fase da marquesina do Milladoiro. O Concello de Malpica destina a esta actuación 23.415,92 euros, procedentes do Plan de Aforro e Investimento (PAI 2016). O prazo de execución é de dous meses.

Dentro do PAI 2016 tamén se inclúe o proxecto de mellora da seguridade do alumeado público de Barizo, Mens, Malpica e Vilanova.

23Feb 2017

A Confraría de Pescadores de Malpica organiza varios cursos de formación

A Confraría de Pescadores de Malpica organiza varios cursos de formación nos que conta coa colaboración do Concello. A celebración das accións formativas dependerá do número de persoas interesadas, polo que agora ábrese un prazo de preinscrición, e a matrícula realizarase posteriormente.

A oferta é a seguinte:

  • Curso de patrón local de pesca (25 prazas). Datas e horarios por determinar. É imprescindible ter realizado o curso de mariñeiro-pescador para poder inscribirse.
  • Curso de Sistema Mundial de Socorro e Seguridade Marítimos (GMDSS). Este curso é restrinxido. Hai 12 prazas e celebrarase do 2 ao 12 de maio, de luns a venres.
  • Curso de formación sanitaria específica nivel inicial (16 prazas). Datas e horarios por determinar.
  • Curso de percebeiro (25 prazas). Datas e horarios por determinar.

Agás para o de percebeiro, para participar nestes cursos é preciso estar ou ter estado en activo no Réxime Especial do Mar nalgún momento da vida laboral. Para a solicitude de praza haberá que presentar, ademais, unha fotocopia do DNI. Máis información na Confraría de Pescadores, no teléfono 981720011 ou no correo electrónico cofradia@cofradiamalpica.org.

22Feb 2017

Comezaron as obras de reparación e mantemento do Centro Cívico de Malpica, nas que se investirán 54.414 euros

IMG-20170222-WA0001

Hoxe arrancaron as obras de reparación e mellora do Centro Cívico de Malpica, un proxecto de 54.414 euros financiado con cargo ao Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña, que permitirán eliminar o grave problema de humidades que afecta ao edificio, inaugurado en decembro do ano 2003.

Os traballos foron adxudicados á empresa Construcciones Ogando S.L., que dispón dun prazo de dous meses para levalos a cabo. O proxecto consiste na demolición e substitución das ventás da planta baixa e de parte das do primeiro andar, a construción de aleiros nas cubertas e a instalación dunha fachada ventilada con paneis de aluminio na planta baixa.

19Feb 2017

Malpica celebra o mellor Entroido da volta

CARTEL ENTROIDO  17

Co cocido da Asociación Cultural Raigañas entramos oficialmente no tempo de Entroido en Malpica. Serán dúas semanas repletas de actividades organizadas polo Concello en colaboración cunha ducia de entidades: Asociación Cultural Malante, ANPA Ventorrillo, ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño, Asociación de Redeiras Mar da Illa, Asociación Cultural Carcaxía, A.C.D. San Xulián, A.V. C. S. O Brizo, Asociación Cultural Raigañas, Asociación de Amigos da Mikaela, A. VV. de Leiloio, Asociación de Amas de Casa e pubs de Malpica.

O programa inclúe obradoiros, pasarrúas, concursos de disfraces, festas infantís, animación de rúa, degustacións, bailes e citas tan tradicionais coma o Concurso de Comparsas (domingo 26), Concurso de Doces de Entroido (martes 28), a Mikaela de Buño (sábado 4 de marzo), o percorrido dos Madamitos e Ghuardineros por Cerqueda, e os enterros do Faustino e o Farruco (domingo 5).

Descarga aquí o programa completo: FOLLETO ENTROIDO 2017

15Feb 2017

O alcalde de Malpica tramita na Consellería de Medio Ambiente varios proxectos de saneamento

Reunión BEATRIZ MATO 15 FEBREIRO 2017

Á reunión na consellería asistiron o alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, comprometeuse a estudar a posibilidade de construír unha nova estación depuradora de augas (EDAR) en Beo. Así llo manifestou esta mañá ao alcalde desta localidade, Eduardo Parga, que aproveitou a reunión para presentarlle á conselleira este e outros proxectos para a mellora da rede de saneamento municipal, con especial atención ás zonas rurais do concello.

Nesta liña, o rexedor malpicán, que asistiu acompañado polo concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, tamén solicitou a colaboración da Consellería de Medio Ambiente para acometer a recuperación e mantemento da canalización do río Vigo, cuxa viabilidade valorarán os técnicos de Augas de Galicia.

Pola súa banda, Beatriz Mato lembrou ao alcalde de Malpica que o acceso aos servizos básicos de abastecemento e saneamento no rural é unha das prioridades do seu departamento. Así, reiteroulle o esforzo da Administración autonómica na dotación de infraestruturas hidráulicas que supoñan unha mellora da calidade de vida dos veciños.

Página 85 de 153« Primera...102030...8384858687...90100110...Última »