Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Cultura

Cultura

19Xul 2019

“A vila do mañá”, un proxecto que involucrará este verán a nenos e adolescentes na transformación do espazo urbano

19072019 a_vila_do_manha (4)

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a creadora e directora do proxecto “A vila do mañá”, a arquitecta Sandra González, presentaron hoxe os obradoiros infantís que se van desenvolver dende o luns 29 de xullo ata o venres 2 de agosto co obxectivo de implicar a nenos e adolescentes na transformación do espazo urbano de cara á consecución dun pobo cada vez máis habitable.

No acto estiveron acompañados por un dos membros do equipo de Sandra González que tamén participará nos obradoiros e polo técnico de Educación e Cultura do Concello de Malpica, Antón Noceda, que explicou como se materializou o proxecto. “Dende o aspecto técnico pareceunos das propostas máis interesantes que se nos presentaron nos últimos anos, no senso de que moi poucas veces vemos iniciativas para traballar conceptos como o urbanismo ou a transformación dos espazos públicos en rapaces tan pequenos, sendo un dos aspectos que despois vai condicionar a nosa vida como adultos”, manifestou.

Na mesma liña se expresou o alcalde, que destacou o carácter novidoso da experiencia. “Estou seguro de que os nenos van desfrutar moito, porque realmente transformar o espazo público pode ser, á parte de didáctico, moi lúdico para eles”.

19072019 a_vila_do_manha (6)

Sandra González, pola súa banda, explicou que “A vila do mañá” é un proxecto que leva percorrendo toda Galicia e parte do estranxeiro dende o ano 2016, e recoñeceu que está especialmente ilusionada coa posibilidade de desenvolvelo na nosa vila. “Malpica _dixo_ era unha espiniña que tiña pendente”. A arquitecta explicou que un dos obxectivos do seu traballo é, indirectamente, fixar poboación. “Se ti coñeces o lugar que habitas, se o vives, o día de mañá tes unha identidade formada con ese lugar e vai ser moito máis difícil que queiras marchar”, apuntou.

Os obradoiros van dirixidos a nenos e nenas de 3 a 15 anos de idade. A actividade desenvolverase do 29 de xullo ao 2 de agosto en dúas quendas:
• De 10.30 a 13.30 horas, para nenos e nenas de 3 a 12 anos (30 prazas)
• De 16.00 a 20.00 horas, para nenos e nenas de 8 a 15 anos (45 prazas)

“Malpica ten unha identidade moi potente e iso é o que temos que fomentar”, afirmou Sandra González. “O primeiro día é cando os nenos nos contan como ven eles a súa vila, e despois, dependendo da visión que eles teñan, cando empezamos a traballar, e son eles os que propoñen que espazos invadimos, como os invadimos… Vimos moi ilusionados”.

Inscricións: Ata o 26 de xullo no Departamento de Educación e Cultura, sito no Centro Cívico do Concello de Malpica. Avda. Ventorrillo s/n T. 981 707 104. En horario de 9.30 h. a 13.30 h.

16Xul 2019

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro infantil e xuvenil “A vila do mañá”

A infancia malpicá ten moito que dicir sobre o espazo no que vive. Por iso, este verán convidamos aos nenos e nenas a participar no proxecto “A vila do mañá”, unha iniciativa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e Post Arquitectos para estimular unha actitude crítica entre as xeracións máis novas con respecto ao lugar que habitan.

O obxectivo do obradoiro, que vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 15 anos de idade, é incluír á infancia nos procesos de construción do espazo común, partindo da cidade coma unha ferramenta educadora sobre a cal a cidadanía ten dereito ao seu desfrute e á súa transformación.

Para acadar esa participación activa, nunha iniciativa da Concellería de Educación e Cultura para a que contamos coa colaboración da Deputación da Coruña, transformaremos temporalmente o espazo público traballando desde o punto de vista da arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe. A grandes trazos, nos talleres traballarase a percepción de Malpica e a valoración que fan os nenos e nenas do lugar no que viven, e traballarase partindo de distintos conceptos arquitectónicos (plano horizontal, o ceo, os elementos bidimensionais e tridimensionais, a proporción…) para que presenten a súa propia proposta de cidade. E todo iso a través de obradoiros infantís e xuvenís para repensar o modelo de vila a través do xogo e mediante intervencións lúdicas de transformación de diferentes espazos da vila.

A actividade desenvolverase do 29 de xullo ao 2 de agosto en dúas quendas:
• De 10.30 a 13.30 horas, para nenos e nenas de 3 a 12 anos (30 prazas)
• De 16.00 a 20.00 horas, para nenos e nenas de 8 a 15 anos (45 prazas)

Inscricións: Ata o 26 de xullo no Departamento de Educación e Cultura, no Centro Cívico do Concello de Malpica. Avda. Ventorrillo s/n T. 981 707 104. En horario de 9.30 h. a 13.30 h.

Carteis A Vila do mañá xullo 19

 

13Xul 2019

Volven as “Noites na vila” para que este verán goces da música e das artes escénicas a carón do mar de Malpica

paporrubio

As Noites na Vila encherán de animación o Paseo da Praia e a Praza Anselmo Villar Amigo (en caso de choiva as actuacións trasladaranse ao auditorio do Centro Cívico) durante as fines de semana de xullo e agosto.

A programación do Concello de Malpica, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, comeza forte, cunha nova edición do Retablo de Fantoches Rafael Dieste, en lembranza da estrea de “La doncella guerrera” na nosa vila no ano 1933, no marco das Misións Pedagóxicas que levaron a cultura a todos os recunchos do Estado. Este ano, o Retablo traeranos as seguintes propostas:

• Sábado 20 de xullo, ás 20:30 h. no Paseo da Praia “A Tropa do Doutor Milagre” de Iventi Teatro. Urdime S.C.G. Público Preferente: Todos os públicos. Duración: 45 minutos.
• Sábado 3 de agosto ás 20.30 h no Paseo marítimo “Os romeiros do caracol” de Fantoches Baj. Urdime S.C.G. Público Preferente: Infantil, a partir de 5 anos, e Familiar,. Duración: 50 minutos.
• Sábado 31 de agosto ás 20:30 h. no Paseo marítimo “Tolitates” de Teatro de Marionetas Trécola. Público Preferente: Todos os públicos. Duración: 50 minutos.

traskiband boa

Ademais das artes escénicas, as Noites na Vila tamén nos traen música. Malpica volverá a acoller o ciclo de concertos Vai no mar, que se está a converter nun escaparate para os grupos da contorna. Este ano contaremos cos seguintes.

• Venres 9 de agosto, ás 22:30 h. na Praza Anselmo Villar Amigo, actuación musical da “Traskiband”. Duración: 60 minutos.
• Venres 30 de agosto, ás 22:30 h. no Paseo marítimo actuación musical do grupo “Versión Imposible”. Duración: 120 minutos.

Este verán agardámoste en Malpica!

28Xuñ 2019

O Ecomuseo Forno do Forte ofrecerá obradoiros de barro para nenos e nenas durante todo o verán

hola ceramica 2

Despois da boa acollida das actividades incluídas na campaña ¡Hola cerámica!, o Ecomuseo Forno do Forte pon en marcha unha nova iniciativa para seguir achegando a olería a un público cada vez máis amplo. Nesta ocasión os destinatarios serán os nenos e as nenas, que durante todo o verán poderán participar en obradoiros de barro gratuítos.

Os talleres celebraranse dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto, de martes a sábado, e en horario de 16.15 a 18.45. A actividade será grupal, cun máximo de 20 participantes por quenda, polo que as prazas asignaranse por orde de chegada.

Os obradoiros de barro, organizados polo Concello de Malpica coa colaboración da Deputación da Coruña, teñen como finalidade poñer en valor a nosa olería entre os máis pequenos e fomentar a súa creatividade.

21Xuñ 2019

O Ecomuseo Forno do Forte, incluído na nova exposición itinerante da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos

WhatsApp Image 2019-06-20 at 12.51.50 (1)

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, asistiu esta semana en Muros á inauguración da exposición itinerante “O océano que nos une”, que forma parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) e que está impulsada polos 8 Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia (GALP). O alcalde estivo acompañado polo director do Ecomuseo Forno do Forte, Paco Doval, xa que é un dos espazos museísticos incluídos na exposición.

A través de dez paneis informativos, “O océano que nos une” amosa os elementos máis significativos dos museos que a acollerán, e que teñen en común a súa conexión co mar a través de temáticas tan diferentes coma a pesca, a historia, o medio ambiente ou, coma no caso do Forno do Forte, a etnografía. Por falta de espazo, a exposición non se instalará no ecomuseo, senón no Centro Cívico de Malpica, que será a última parada da ruta do 24 de outubro ao 3 de novembro.

9Xuñ 2019

A muller protagoniza este ano a campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián como Festa de Interese Turístico

07062019 santo_hadrian (4)

Este ano a Romaría de Santo Hadrián vai ser especial por varios motivos. A data é un deles, porque o día grande coincidirá o propio 16 de xuño, e outro é o novo aspecto exterior que loce a capela, que vén de ser completamente reformada. Pero, sobre todo, vai ser especial porque a gran protagonista da campaña anual de promoción como Festa de Interese Turístico será a muller.

Este ano, os panos de romeiro/a, que tan boa aceptación e tanta demanda teñen, son de cor rosa, que simboliza a loita contra o cancro de mama, e a estampación é de cor morada, emblema da loita contra a violencia de xénero. As persoas que queiran manifestar a súa solidariedade levándoos anudados ao pescozo no día grande da nosa romaría poden acudir a recollelos a partir do martes 11 ás oficinas municipais do Centro Cívico, de balde e ata fin de existencias.

Ademais, dende o Concello de Malpica sumámonos á campaña autonómica AgresiónOff, orientada a sensibilizar á poboación contra a violencia sexual. Deste xeito, durante a festa instalaremos un posto informativo no que se ofrecerá material impreso con información útil, ademais de chapas e outro material promocional co obxectivo de dar visibilidade a este importante problema social.

Catro anos de promoción

CARTEL SANTO HADRIAN 19

A campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián, na que colaboran a Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e Abanca, tamén inclúe cartelería, promoción e animación musical durante a sardiñada. O alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, realizaron a presentación do material, que tamén se está a distribuír no stand do Concello de Malpica en Festur.

Nos últimos catro anos estamos a realizar diferentes accións de promoción da nosa romaría, entre elas un vídeo, un díptico con información sobre a romaría, actuacións, campañas publicitarias en prensa, radio, internet e televisión, e a distribución dos panos de romeiro/a, que cada ano son dunha cor diferente, que gozan de moitísima aceptación e que enchen de cor a procesión dende a igrexa de San Xulián ata a ermida de Santo Hadrián e os oficios relixiosos.

Programa de festas

57595659_482139825656877_6125092855561060352_n

O Concello de Malpica colabora ademais coa comisión de festas, que ten preparada unha fin de semana chea de actividades. Comezarán o 14 coa animación nas rúas da Mekánica Rolling Band ao longo da tarde, e ás 23.00 horas arrincará a verbena con Coldday, Salva & José Brea e Festicultores. O sábado 15 estará o Dúo Calú na sesión vermú, volverá a haber animación nas rúas pola tarde coa charanga Kilomberos de Monte Alto e na verbena tocarán os grupos Tekila e Bomba. O día grande, domingo 16, a verbena adiántase ás 21.00 horas e contará coa actuación de Os Piñeiros.

6Xuñ 2019

A Olería de Buño e a Romaría de Santo Hadrián volven a estar presentes este ano en Festur

IMG-20180608-WA0121

A promoción da olería é un obxectivo permanente do Concello de Malpica. Nesa liña, a partir do xoves 6 participaremos, un ano máis, en Festur, a feira das festas de interese turístico de Galicia, que se celebra en Silleda. No stand de Malpica promocionaremos as dúas festas de interese que temos no noso concello: a Mostra da Olería de Buño, na que estamos a traballar de cara á vindeira edición, e a Romaría de Santo Hadrián, que este ano coincide no seu propio día, polo que se agarda unha participación aínda maior á das últimas edicións.

O público que se achegue ata o stand do Concello de Malpica atopará, ademais de información sobre as festas, un torno para realizar demostracións en vivo os catro días da feira, tanto pola mañá coma pola tarde. Marilá estará o xoves e o venres e José Antonio Corral, a fin de semana.

6Xuñ 2019

Case 200 persoas participaron no Ecomuseo do Forno do Forte nas actividades da campaña “Hola cerámica”

hola ceramica 2

Un total de 194 persoas participaron a fin de semana pasada nas actividades incluídas na campaña ¡Hola cerámica!, unha iniciativa que se desenvolveu nos concellos adheridos á Asociación Española de Cidades da Cerámica (AECC) coa finalidade achegar a cerámica a un público cada vez máis amplo.

Visitas guiadas, demostracións do oleiro no torno e obradoiros infantís centraron a atención do público que se achegou ata o Ecomuseo do Forno do Forte, e que realizou unha valoración moi positiva da experiencia.

31Mai 2019

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas cumpre 14 anos como único do seu xénero en España

IMG_0044

Eduardo Parga e Paco de Tano presentaron o certame

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é único e quere seguir séndoo. “Hai moitos concellos e entidades que convocan certames de poesía, pero o noso é único en España”, apuntou o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Francisco Quiroga “Paco de Tano”, na presentación da 14ª edición. No acto estivo acompañado polo alcalde, Eduardo Parga, ao que agradeceu o apoio do Concello de Malpica ano tras ano e a implicación persoal do alcalde.

Caldeirón volve a contar unha vez máis coa colaboración do Concello de Malpica na organización do certame, que nas últimas edicións xa se move arredor das 20 obras a concurso. O prazo para participar nesta edición xa está aberto. Os/as autores/as interesados/as poden enviar os seus orixinais ata o 30 de setembro, este ano coa novidade de que deberán facelo en formato pdf e vía correo electrónico, ao enderezo premio@caldeiron.org.

O Concello de Malpica financia a edición da obra gañadora e o premio, dotado con 1.000 euros.

Relación de gañadores das edicións anteriores:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo
  13. “Marco Livornio”, Mario Regueira

Descarga as bases aquí bases premio illas sisargas 2019 (2 pax)

29Mai 2019

O Ecomuseo Forno do Forte participa esta fin de semana nunha campaña de promoción da olería de ámbito internacional

hola ceramica

O Ecomuseo Forno do Forte participa na campaña ¡Hola cerámica!, unha iniciativa que se desenvolve nos concellos adheridos á Asociación Española de Cidades da Cerámica (AECC) e que ten como finalidade achegar a cerámica a un público cada vez máis amplo. A iniciativa, de ámbito internacional, naceu en Italia no ano 2015, e dende entón vai a máis en cada edición.

Rutas, xornadas de portas abertas, talleres, demostracións no torno, exposicións, xogos tradicionais, charlas, masterclasses e visitas guiadas son algunhas das actividades que se desenvolverán os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño nas dez localidades de toda España, na súa maior parte de Cataluña e a zona de Levante, que participan na experiencia. Buño será a única representante galega.

A proposta do Ecomuseo Forno do Forte inclúe tres actividades:

  • Vive a olería. Visitas guiadas ao Ecomuseo Forno do Forte, onde o público pode ver a tecnoloxía e o modo de vida tradicional dos oleiros. O conxunto etnográfico está formado polas antigas casas-talleres, forno, cabanote e cabazo, e ademais amosa unha ampla colección de pezas históricas e tradicionais, xunto co traballo dun oleiro en vivo.
  • Olería en vivo. Demostracións do oleiro no torno.
  • Elabora a túa cunca. Os visitantes maiores de 12 anos poderán sentar ao torno e aprender a elaborar unha peza sinxela coa axuda do oleiro do ecomuseo.

As tres actividades son gratuítas e desenvolveranse o venres e o sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, e o domingo, de 10.00 a 14.00 horas.

Página 5 de 14« Primera...34567...10...Última »