Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
16°
Mércores 20°
14°
Xoves 20°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Cultura

Cultura

27Abr 2019

Leilía, De Vacas, Xosé Lois Romero & Aliboria e Os do fondo da barra serán os pratos fortes da XII Festa Galega de Malpica

Este verán a música galega volverá a inundar as rúas de Malpica con motivo da celebración da XII Festa Galega, que terá lugar os días 16 e 17 de agosto. E este ano volveremos a ter cartel de luxo, xa que nos acompañarán Leilía, De Vacas, Xosé Lois Romero & Aliboria ou Os do fondo da barra. Pero, a maiores destas primeiras confirmacións, a Concellería de Cultura, que dirixe Noelia Freijeiro, segue a traballar para converter a Malpica no epicentro da música folk durante toda unha fin de semana.

leilia

Leilía

Leilía nace no ano 1989 cando seis mulleres se xuntan para recuperaren do esquecemento a tradición oral galega. Ao son de pandeiretas e voces, pronto van agromando os froitos. A mediados dos 90 chega o louvado Leilía, composto exclusivamente por pezas tradicionais. O seguinte reto foi achegar a música do pasado ao presente, por medio da incorporación de instrumentos e polifonías non tradicionais, e así o fixeron nos seus seguintes traballos, dos que nos ofrecerán unha escolma o venres 16 de agosto.
O sábado 17 celebraranse os outros tres concertos, nos que reuniremos estilos moi diferentes da música galega de hoxe e de sempre. Dende Os do fondo da barra, o grupo de pandereteiros de Xacarandaina, ata Xosé Lois Romero & Aliboria ou De Vacas.

Premios La Opinion

Aliboria

Aliboria é un colectivo de novos músicos galegos, dirixidos por Xosé Lois Romero, que reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia conxuntando as potentes voces das súas cantantes cuns novos arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra. Bombos, pandeiros, pandeiras, tixolas, tarrañolas, cunchas, pandeiretas, latas, tambores, sachos, perfectamente conxunguidos cos cantos, os aturuxos, os bailes e a diversión.

DE VACAS

De Vacas

De Vacas é un cuarteto composto por tres voces, as de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero, sempre acompañadas pola guitarra de Guillerme Fernández, que fai versións de temas de masas de todas as épocas, dende as Spice Girls ata o Gagnam Style. Algunhas, coma “Amodiño” ou o recentísimo “El anillo pa cuando”, arrasan.

24Abr 2019

Hostalaría local e Concello impulsan a Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar con dúas edicións en maio e setembro

A Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar cumpre catro anos e, por iniciativa do sector hostaleiro, neste 2019 vanse celebrar dúas edicións nos meses de maio e setembro. Unha vez máis, a Concellería de Promoción Económica e a hostalaría malpicá unen esforzos para desenvolver unha iniciativa conxunta que enlaza tres sectores fundamentais da economía local: o turismo, a pesca e a olería.

Malpica Sabe a Mar pretende diferenciarse doutras iniciativas semellantes incluíndo os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permite, por unha banda, poñer en valor o produto local e o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que incluiría a ruta sería a olería, xa que para a ocasión elaboraranse no Ecomuseo do Forno do Forte pratos artesanais que se repartirán entre os oito establecementos participantes: Taberna do Lesto, Restaurante O Burato, Café Bar Ybarra, Café Bar JB, Restaurante San Francisco, Larada Bar, Bar O Pescador e Bar Santiago Apóstol.

A primeira Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar deste ano arrincará o venres 3 de maio coa animación musical do grupo local Os Arjalleiros, que percorrerán os oito locais. As tapas serviranse nesa primeira xornada de 20.00 a 23.00 horas; o sábado, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 23.00, e o domingo, de 12.00 a 14.00 horas. O prezo non varía con respecto ao ano pasado, de xeito de cada tapa custará 1,5 euros, e con cada unha entregaráselle ao cliente un boleto que lle permitirá obter premios directos. Nesta ocasión teremos mochilas isotérmicas, gorras e moitas sorpresas!

CARTEL

13Abr 2019

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura e a súa oferta de actividades durante a Semana Santa

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura durante a Semana Santa coa finalidade de converterse nun recurso de referencia para as persoas que visiten a nosa comarca durante eses días. Deste xeito, dende o luns 15 ata o sábado 20 o ecomuseo estará aberto de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e o domingo 21 poderá visitarse de 10 a 14 horas.

forno_do_forte

Paralelamente, ao longo da semana levaranse a cabo varias actividades. De martes a venres, de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 18.30, haberá obradoiros de barro para nenos e nenas, cun máximo de 25 participantes por quenda. Pero á parte de que os pequenos teñan o seu primeiro contacto co barro no cabanote do Forno do Forte, os maiores poderán probar a sentarse no torno.

Así mesmo, o venres e o sábado realizaranse rutas guiadas polo Buño oleiro. O ecomuseo será o punto de partida ás 12.00 horas e tamén o de chegada ás 14.00 horas. Ao longo da Ruta Oleira visitaranse os fornos da Costa e Os Mouróns, así coma o centro da vila, onde os visitantes non só terán a oportunidade de ver e saber máis sobre as tendas, os alfares ou a tradición oleira, senón tamén sobre a igrexa, o cruceiro e outros elementos patrimoniais de relevancia. Nos fornos restaurados faranse paradas específicas para explicar as súas características e o proceso de cocción.

9Abr 2019

O Ecomuseo Forno do Forte achega 14 pezas de olería á exposición “Pensar coas mans”, que será inaugurada o venres no Museo Centro Gaiás

Unha cazola, un xerro, un pucheiro, un barreño, unha tarteira, unha chocolateira, unha escudela, unha cunca, un cunquelo, unha cacheleira, unha fonte, un falsete, un botixo de rosca e unha buxina son as 14 pezas da segunda metade do século XIX e do século XX que representarán á Olería de Buño na exposición “Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia”, que será inaugurada este venres 12, ás 12.00 horas, no Museo Centro Gaiás.

CARTEL

Ata Santiago de Compostela desprazarase o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que participará no acto de apertura da exposición xunto aos conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entre outras autoridades.

A exposición, organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia e a Secretaría Xeral de Igualdade, propón unha viaxe no tempo a través de 250 pezas da artesanía galega. Entre elas estarán as 14 cedidas polo Ecomuseo Forno do Forte da súa colección de olería tradicional. A mostra poderá visitarse ata o 8 de setembro de 10.00 a 20.00 horas.

A tradición oleira de Buño remóntase á etapa prehistórica coa creación dos primeiros cacharros feitos a man. Pero foi nos séculos XVIII e XIX cando acadou a súa idade de ouro. Grazas a un arduo traballo de recuperación e á inestimable colaboración dos artesáns e veciños/as da localidade, na actualidade podemos desfrutar dunha das coleccións de pezas tradicionais máis antigas e voluminosas da nosa olería, custodiadas no Ecomuseo Forno do Forte e divididas, segundo a clasificación realizada no seu momento por Luciano García Alén, en tres series: ancestral (anteriores ao ano 1700), antiga (do 1700 ao 1900) e moderna (posteriores ao ano 1900).

17Mar 2019

Emilio Rúa e Rosa Cedrón estarán o sábado 23 en Malpica para ofrecer o concerto suspendido no Nadal

Rosa-Cedron-Emilio-Rua-cartel-Malpica

O vindeiro sábado, 23 de marzo, celebrarase en Malpica o concerto de Emilio Rúa e Rosa Cedrón que estaba previsto para o 21 de decembro pasado e que foi suspendido debido aos dous días de loito decretados tras o falecemento de José Angel Sanjurjo no afundimento do pesqueiro “A Silvosa”.

Rosa Cedrón e Emilio Rúa ofrecerannos o espectáculo Diversións, incluído na Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, no que interpretarán pezas compostas por ambos os intérpretes e versións propias de pezas tradicionais.

O concerto comezará ás 20.00 horas no Auditorio do Centro Cívico, e a entrada será libre e de balde.

29Dec 2018

O convenio para o mantemento do Ecomuseo do Forno do Forte increméntase ata 69.200 euros para o ano 2019

28122018 convenio

Valentín González Formoso e Eduardo Parga Veiga

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinaron o convenio para o financiamento das actividades do ecomuseo do Forno do Forte durante o ano 2019.

A institución provincial achegará 69.200 euros, o que supón un incremento de 9.200 euros con respecto a este ano, para cubrir o 100% dos gastos de mantemento, xestión e promoción do ecomuseo do Forno do Forte de Buño, co obxecto de garantir a valorización e mantemento do conxunto etográfico.

González Formoso subliñou que, dende hai máis dunha década, a Deputación da Coruña colabora co Concello de Malpica de Bergantiños na posta en valor e difusión da olería tradicional de Buño, mostrando desde a vida cotiá dos artesáns ata todo o proceso de elaboración das pezas, nunhas instalacións que recuperan e conservan os elementos arquitectónicos propios dunha casa dedicada á olería.

O presidente provincial destacou que, ademais de financiar estas actividades, a Deputación da Coruña apoia tamén cada ano a celebración da Mostra de Olería de Buño, á que se destinaron 80.000 euros nos últimos anos.

Un importante recurso turístico e etnográfico

Os visitantes do Forno do Forte teñen a oportunidade de coñecer en profundidade todo o proceso de produción de pezas, desde o torneado ao cocido ou o secado nun centro que contribúe a conservar e poñer en valor a cultura popular e é tamén un importante recurso turístico e etnográfico da comarca.

O acordo asinado entre González Formoso e Parga Veiga renova o compromiso da Deputación co Forno do Forte. Entre as obrigas do Concello, atópase ofrecer un horario mínimo de atención ao público de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 horas a 19.00 horas, todos os días da semana agás o luns. Así mesmo, fomentarase o estudo e investigación en asociación con entidades oleiras e culturais da zona e facilitarase información turística e cultural sobre a Costa da Morte aos visitantes.

20Dec 2018

O Concello de Malpica únese ao Proxecto de Accesibilidade Cognitiva de Autismo Galicia coa colocación de pictogramas en espazos municipais

19122018 pictogramas (4)

Algúns dos edificios públicos do Concello de Malpica son, dende esta semana, máis comprensibles para as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) grazas ao Programa de Accesibilidade Cognitiva promovido pola Federación Autismo Galicia.

En colaboración coa Concellería de Educación e Cultura vimos de implantar 129 pictogramas nos seguintes espazos: Centro Cívico de Malpica, Casa de Cultura de Seaia, Centro sociocultural das Pozacas e pavillón polideportivo municipal.

O proxecto realizado no Concello de Malpica supón un esforzo pola sensibilización e concienciación sobre as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e as súas dificultades cognitivas e de comunicación.

As persoas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) son pensadoras visuais, polo que comprenden mellor a información que se presenta de forma visual. Por iso, para facer a súa contorna máis accesible nos axudamos de apoios visuais, pictogramas, que son debuxos sinxelos que representan espazos e accións de maneira simplificada.

Os pictogramas supoñen para as persoas con autismo, persoas maiores ou mesmo estranxeiros, claves visuais claras e seguras que lles sitúan no espazo e no tempo e anticípanlles os feitos que van ocorrer, o que lles conduce cara a un estado de benestar e seguridade.

15Dec 2018

21 entidades e centros educativos colaboran coa Concellería de Cultura para ofrecerche o mellor “Malpica Nadal”

Asociación Cultural Malante, Asociación Cultural Raigañas, Asociación Cultural Carcaxía, Asociación Cultural e Deportiva San Xulián, ANPA Ventorrillo, ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, ANPA Orxeira, Asociación Veciñal e Cultural Viradeira de Buño, A. C. A Feira, A. V. C. S. O Brizo, Asociación Veciñal Río de San Antonio, A. VV. de Leiloio, A.C.D. Estádiga, Asociación de Amigos da Mikaela, Senda Nova, CEIP Milladoiro,  CEIP JRO, CRA Nosa Señora  do Faro, A Galiña Azul de Aldeola e IES Urbano Lugrís son as 21 entidades e centros educativos que colaboran coa Concellería de Educación e Cultura na programación de Malpica Nadal, que comezou co Concurso Escolar de Debuxo e Pintura. Aquí tedes ás gañadoras e o gañador.

Aroa Veiga Cerdeira - CRA A Nosa Señora do Faro - Mens - Premio Cartel (7) Carla Varela 4 ESO do IES Urbano Lugris - Premio Sauda Redes Sociais (5) IMG_9280 Pablo Varela Añon - 3 de primaria do Milladoiro - Saúda de Nadal (6)

  • Aroa Veiga Cerdeira – CRA A Nosa Señora do Faro – Mens – Premio Cartel
  • Carla Varela 4 ESO do IES Urbano Lugris – Premio Sauda Redes Sociais
  • Nagore Rodríguez Blanco, alumna de Infantil do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, gañadora do premio Pantalla
  • Pablo Varela Añon – 3 de primaria do Milladoiro – Saúda de Nadal Dixital

Unha chea de propostas coma obradoiros, visitas de Papá Noel, O Apalpador, o Carteiro Real e os Reis Magos, campamentos, excursións, festas infantís e para maiores, conferencia, proxeccións audiovisuais… Ata o 6 de xaneiro non vai haber tempo para o aburrimento co intenso programa que debullamos a continuación:

Día 16 de Nadal  (domingo)

  • Nadal Xogo: Festa Infantil, visita de Papá Noel e Chocolatada a partir das 16.00 h. ata ás 20.00 h. na Casa dos Veciños de Leiloio (A Raxeira). Colabora: A. VV. de Leiloio.

Día 18 de Nadal (martes)

  • Obradoiro de adornos de Nadal en Malpica, na Aula de Manualidades do Centro Cívico, Abriranse 15 prazas para nenos/as de 3 a 11 anos. Organiza: ANPA Milladoiro.

Horarios: de 16.00 h. a 18.00 h.

Inscricións: os días 14 e 17 de decembro, de 9.00 h. a 10.00 h. no local da ANPA no CEIP Milladoiro.

Día 19 de Nadal (mércores)

  • O Carteiro Real visitará o CEIP Joaquín Rodríguez Otero ás 10.00 h.
  • Os Reis Magos visitarán o CEIP Milladoiro de Malpica ás 10.30 h. Colabora: CEIP Milladoiro.
  • O Carteiro Real visitará a Galiña Azul ás 11.15 h.
  • O Carteiro Real visitará a Escola de Mens ás 12.00 h.
  • O Carteiro Real visitará a Escola de Barizo ás 12.30 h.
  • Obradoiro de adornos de Nadal, en Malpica na Aula de Manualidades do Centro Cívico, Abriranse 15 prazas para nenos/as de 3 a 11 anos. Organiza: ANPA Milladoiro.

Horarios: de 16.00 h. a 18.00 h.

Inscricións: os días 14 e 17 de decembro, de 9.00 h. a 10.00 h. no local da ANPA no CEIP Milladoiro.

Día 21 de Nadal (venres)

  • Papá Noel visitará o CEIP Joaquín Rodríguez Otero de 13.00 h. a 14.00 h. Organiza: ANPA Xaviña do CEIP J.R.O.
  • Cantos no Nadal con Emilio Rúa e Rosa Cedrón, no Auditorio do Centro Cívico ás 20.30h. Rede Dinamización Lingüística.

Día 22 de Nadal (sábado)

  • Colocación familiar dos adornos na árbore de Nadal, na Praza Anselmo Villar Amigo das 11.00 ás 12:00 horas. A cargo dos participantes nos obradoiro de Adornos de Nadal das ANPAS e o Obradoiro de Manualidades do Concello de Malpica. Organizan: ANPA Ventorrillo do CEIP Milladoiro, ANPA Xaviña do CEIP J.R.O. e Concello de Malpica de Bergantiños.

 Os menores deberán estar acompañados dun adulto.

  • Nadal Xogo: Chocolatada e Festa infantil, das 16.00 h. ás 18.00 h. no Centro Sociocultural das Pozacas. Colabora: A.C. Raigañas.
  • Taller de centros de mesa navideños, de 16.30 h. a 18.30 h., na Casa da Cultura de Seaia, para xoves e adultos a partir de 12 anos. 10 prazas. Prezo: Socios: 12,00 € / Non socios: 15,00 €. Inscricións ate o 20 de decembro, os venres á tarde na Casa da Cultura de Seaia ou no 657 919 272. Organiza: A. C. Carcaxía.
  • Proxección de Sicixia, ás 20.30 h., no Auditorio do Centro Cívico de Malpica.

Día 23 de Nadal (domingo)

  • Actuación do Mago Charlangas de 16.30 h. a 17.30 h. na Casa da Cultura de Seaia. Organiza: A. C. Carcaxía.
  • O Apalpador visitará os nenos as 17.30 h. na Casa da Cultura de Seaia. Organiza: A. C. Carcaxía.
  • Nadal Xogo: Festa Infantil con inchables e merenda saudable, das 17.30 h. ás 20.30 h. na Casa da Cultura de Seaia. Colabora: A. C. Carcaxía.

Día 24 de Nadal (luns)

  • Pasarrúas de Panxoliñas das cantareiras da C. Malante a partir das 18.00 h. pola vila de Malpica.
  • Papá Noel entregará os regalos ós rapaces ás 18.30 h. na Fonte da Praza Anselmo Villar Amigo. Organiza: A. C. Malante.

En caso de choiva realizarase no Mercado Municipal.

Día 26 de Nadal  (mércores)

  • Campamento Urbano de Nadal, para rapaces/zas de 3  a 12 anos, de 10.30 h. a 13.30 h., na Casa da Cultura de Seaia. Prazas: 30. Prezo: socios 20,00 € / Non socios: 25,00 € /Día solto 10,00 €. Inscrición ata o día 24 de decembro, os venres na Casa da Cultura de Seaia ou no 657 919 272. Organiza: A.C. Carcaxía.
  • Nadal Xogo: Festa Infantil con inchables e chocolatada das 16.30 h. ás 19.30 h. no Pavillón Polideportivo do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño. Colabora: ANPA do CEIP J.R.O.

Día 27 de Nadal  (xoves)

  • Campamento Urbano de Nadal, para rapaces/zas de 3  a 12 anos, de 10.30 h. a 13.30 h., na Casa da Cultura de Seaia. Prazas: 30. Prezo: socios 20,00 € / Non socios: 25,00 € /día solto 10,00 €. Inscrición ata o día 24 de decembro, os venres na Casa da Cultura de Seaia ou no 657 919 272. Organiza: A.C. Carcaxía.

Día 28 de Nadal  (venres)

  • Campamento Urbano de Nadal, para rapaces/zas de 3  a 12 anos, de 10.30 h. a 13.30 h., na Casa da Cultura de Seaia. Prazas: 30. Prezo: socios 20,00 € / Non socios: 25,00 € /Día solto 10,00 €. Inscrición ata o día 24 de decembro, os venres na Casa da Cultura de Seaia ou no 657 919 272. Organiza: A.C. Carcaxía.
  • Visita ó Silleda Park. Saída de Buño (Diante do Restaurante A Cunca), ás 15.00 h., regreso previsto a partir das 22.00 h. Para rapaces/as de 0 a 99 anos. Prezo: 10,00 € socios e 12,00 € non socios. Inscricións ate o 26 de decembro no 667 458 481. Organiza: ANPA JRO. Colabora: Autocares Pedro Pombo.

Día 29 de Nadal  (sábado)

  • Nadal Xogo: Tómbola de Nadal, no Pavillón Polideportivo de Malpica, de 17.00 h. a 19.00 h. Organizan: A. C. Malante e ANPA Orxeira.
  • Centenario do filántropo Anselmo Villar Amigo. Conferencia, a cargo de: Xosé María Rey Lema e Xosé Manuel Varela Varela, no Salón de Actos da Casa do Pescador, ás 19.00h.

Día 30 de Nadal  (domingo)

  • Nadal Xogo: Festa infantil con inchables das 16.30 h. ás 19.30 h. na Escolas de Pontella. Colabora: AVCS O Brizo de Vilanova.

Día 31 de Nadal  (Luns)

  • 3ª San Silvestre Malpicana, Saída ás 12.00 h. da Fonte da Praza Anselmo Villar Amigo. Percorrido: Fonte de Anselmo Villar – Mirador de Santo Hadrián- Fonte Anselmo Villar Amigo (incluirá brindis cun viño galego e txacolí na Praza Anselmo Villar Amigo). Inscricións de balde en Wata Boutique e nos teléfonos 620 927 729 (Walter) e 620 661 699 (Martu) preferiblemente a través do wasap). Organizan: A. C. Malante e A.C.D. Estádiga.
  • Festa de Fin de Ano, a partir das 23.45 h., no Auditorio do Centro Cívico de Malpica amenizada polo Dúo D´Café, uvas, cava e cotillón.

Día 2 de xaneiro  (mércores)

  • Obradoiro de construción de instrumentos musicais, 25 prazas, para rapaces/zas de 7 a 13 anos, no Centro Cívico de 10.30 h. a 13.00 h. Inscrición no Departamento de Educación e Cultura, a partir do 19 de decembro en horario de 10.00 horas a 14.00 horas. Prezo: 16,75 €.
  • Nadal Xogo: Festa infantil con inchables das 16.30 h. ás 19.30 h. no Pavillón Polideportivo de Malpica. É imprescindible levar calzado axeitado para estas instalacións. Colabora: ANPA Ventorrillo.
  • Proxección do documental “Hoxe quen baila?” do proxecto Inverno Ancestral, na Casa do Oleiro de Buño, ás 20.00 h. Organiza: Senda Nova.

Día 3 de xaneiro  (xoves)

  • Obradoiro de construción de instrumentos musicais, 25 prazas, para rapaces/zas de 7 a 13 anos, no Centro Cívico de 10.30 h. a 13.00 h. Inscrición no Departamento de Educación e Cultura, a partir do 19 de decembro en horario de 10.00 horas a 14.00 horas. Prezo: 16,75 €.

Día 4 de xaneiro  (venres)

  • Obradoiro de construción de instrumentos musicais, 25 prazas, para rapaces/zas de 7 a 13 anos, no Centro Cívico de 10.30 h. a 13.00 h. Inscrición no Departamento de Educación e Cultura, a partir do 19 de decembro en horario de 10.00 horas a 14.00 horas. Prezo: 16,75 €.
  • Quedada para rapazada de 11 a 17 anos. Dj, merenda e sorpresas. De 19.00 h. a 22.00 h. na Auditorio do Centro Cívico. Organiza ANPA Orxeira.

Día 5 de xaneiro (sábado)

  • Os Reis Magos de Oriente chegarán a:

 Ruta 1

  • Cambre, ás 17.00 h., saída do Local Sociocultural de Cambre.
  • Buño, ás 17.30 h., parada no Teleclube, con chocolatada.

 Ruta 2

  • Cerqueda, ás 17.30 h., parada no Centro Sociocultural das Pozacas.
  • Vilanova, parada no adro da igrexa, ás 18.30 h.

 Ruta 3

  • Mens, saída do Centro Sociocultural de Mens ás 17.30 h.
  • Barizo, parada no Centro Sociocultural Barizo ás 18.00 h.
  • Seaia, parada na Casa da Cultura, ás 18.30 h.

 A cabalgata unicamente realizará as paradas que se relacionan. A chegada a Malpica está prevista para as 19.00 h.

 Organizan: Concello de Malpica, A. C. Malante,  A. C. Raigañas, A. C. Carcaxía, Asociación Veciñal e Cultural Viradeira de Buño, A. V. C. S. O Brizo, Asoc. Veciñal Río de San Antonio, ANPA Milladoiro, ANPA J.R.O. e Asociación de Amigos da Mikaela.

  • Leiloio, a partir das 18.30 h. Saída da Feira Nova. Organiza: A.C. A Feira.
  • Seaia, ás 22.00 h. Os Reis entregarán os regalos polas casa. Organiza: A. C. D. San Xulián.

Día 6 de xaneiro  (domingo)

  • Os Reis Magos de Oriente chegarán a:

Seaia, ás 10.00 h. saída da Casa da Cultura e a continuación percorrido pola parroquia. Organiza: A. C. D. San Xulián.

A partir das 18.00 h. inchables no campo da festa. Organiza: A. C. D. San Xulián.

TRÍPTICO NADAL dec 18 exterior

TRÍPTICO NADAL dec 18 interior

4Dec 2018

O día 12 presentaranse as curtametraxes “Vento de fóra”, realizada polas alumnas do obradoiro de cinema de Malpica, e “A nena azul”

nena_azul_file_web

O vindeiro día 12 teremos a oportunidade de coñecer o traballo desenvolvido polas mulleres que participaron no obradoiro de cinema celebrado en xuño coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade. Vento de fóra é o título da curtametraxe que presentarán ás 17.00 horas na aula de lecer do Centro Cívico, nun acto aberto a toda a cidadanía. Pero ademais de ver o resultado da interesante experiencia desenvolvida no noso concello, a xornada inclúe tamén a proxección de A nena azul, a película gañadora do Premio Luisa Vilalta de Proxectos Culturais pola Igualdade, convocado pola Deputación da Coruña.

No acto do día 12 participará Sandra Sánchez, directora de A nena azul, que foi tamén unha das integrantes do equipo docente do obradoiro de cinema de Malpica xunto con Ángeles Huerta, guionista e directora, e Lucía C. Pan, directora de fotografía.

O obradoiro A Nena Azul: Mulleres que contan. Narrativas femininas do eu a través da cámara permitiu ás participantes aprender a contar as súas propias historias a través do cinema, utilizando ferramentas tan accesibles coma unha tablet ou un teléfono móbil. En só cinco sesións, as alumnas puideron coñecer os procesos de creación dunha película e trasladar as súas propias ideas a esta peza audiovisual conxunta que nos presentarán o día 12. Non faltedes!

4Nov 2018

O ferrolán Mario Regueira gaña o XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas co poemario “Marco Livornio”

ganhador 2018

O premio do XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas non só enriquece a colección da editorial Caldeirón _única no seu xénero_, senón que o propio xénero gaña un autor. “Creo que sempre houbo algo de contido erótico na miña obra, pero penso que sen este certame nunca chegaría a facer un poemario destas características”, asegurou o gañador, o ferrolán Mario Regueira.

O fallo do xurado, integrado por Paco de Tano, Eduardo Estévez, Elvira Riveiro e Antón Noceda como secretario, fíxose público, como é costume, durante a celebración da Cea das Letras, que cumpre o dobre obxectivo de dar a coñecer ao gañador ou gañadora do ano e de presentar impresa a obra premiada na edición anterior. Neste caso, o libro co que foron agasalladas todas as persoas asistentes foi Diáspora de amor balea, unha obra asinada por Andrea Nunez Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984). O ano pasado só puido acudir María á lectura do fallo, pero esta vez estaban as dúas, e ademais de deleitarnos cunha lectura a dúas voces dalgúns dos seus poemas eróticos, amosáronse moi satisfeitas coa edición da obra.

Paco de Tano, presidente da Asociación Cultural Caldeirón, foi o responsable de desvelar o título da obra gañadora nesta edición, Marco Livornio, que cualificou coma “un sorprendente percorrido por relacións eróticas diversas e plurais, nun ton épico, case elexíaco”. En palabras do propio autor, Marco Livornio é “un libro bastante especial e bastante estraño”, que aborda o erotismo desde unha perspectiva homosexual.

mario_regueira

Mario Regueira

Aínda que teremos que agardar ao vindeiro ano para ver a súa obra impresa, Mario Regueira adiantounos dous poemas. O gañador desta 13ª edición tivo palabras de lembranza para Paco Souto, que foi un dos impulsores do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, e co que lle houbese gustado compartir esta Cea das Letras. “Non cheguei a tempo”, lamentou.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, felicitou tanto ao gañador deste ano coma ás gañadoras do ano pasado e reiterou o compromiso do goberno municipal, e o seu particular, co mantemento e a difusión do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O Concello de Malpica achega os 1.000 euros do premio anual, que inclúe tamén a publicación da obra gañadora.

A Cea das Letras deste ano tivo un terceiro ingrediente literario, xa que tamén participou coma convidado Xabier Xil Xardón, que presentou o seu poemario Detéxtonos (Positivas) acompañado por Leo Arremecághona á guitarra.

Filloas á pedra e Olería de Buño

Mentres todo isto acontecía no escenario, o salón de actos da Casa da Cultura de Seaia, que volveu a abrir as súas portas para a Cea das Letras, recendía a filloas á pedra. Foron as protagonistas gastronómicas da velada grazas á colaboración de Ana Pereiro, máis coñecida coma Ana de Zas, que ten unha man excepcional para preparalas. Tanto de primeiro prato, acompañadas con rinchóns, coma na sobremesa, con doce, estaban exquisitas. E para completar un menú potente, fabada a fartar.

Outra das protagonistas da noite foi a Olería de Buño, coa que, ademais de ser agasallados o premiado e os membros do xurado, serviuse toda a comida e a bebida aos asistentes, entre os cales se atopaba a deputada no Congreso Alexandra Fernández.

13 anos de premios

Co fallo feito público hoxe, a listaxe das obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é a seguinte:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo
  13. “Marco Livornio”, Mario Regueira

O gañador

Mario Regueira (Ferrol, 1979). Comeza a súa carreira literaria como narrador co libro de relatos Rebelión no inverno (2004) ao que seguen as novelas L’affiche rouge (2007) e Outono aquí (2012), esta última premio Lueiro Rey de novela curta e traducida ao castelán como Las hojas muertas (2013). Como poeta ten publicado Tanxerina (2006, premio Xosemaría Pérez Parallé),Blues da Crecente (2009, premio Xohán Carballeira) e O silencio (2012). Tamén é da súa autoría o ensaio Lois Pereiro, unha persecución (2011). Licenciado en Filoloxía Galega e diplomado en Dereito, en 2016 defende a súa tese de doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada sobre a narrativa galega durante a posguerra. Actualmente fai crítica literaria no Sermos Galiza e outros medios e participa do podcast cultural Burán, que se emite en Radio Campus Culturae e Cuac FM.

Página 6 de 14« Primera...45678...Última »