Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 20°
18°
Domingo 21°
17°
Luns 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Uncategorized

Uncategorized

1Mai 2021

O Concello homenaxea a Adrián Verdes, operario de Protección Civil de Malpica durante 25 anos

O Concello de Malpica rendeu homenaxe esta mañá a
Adrián Verdes, operario de Protección Civil de Malpica durante 25 anos. Walter Pardo, alcalde de Malpica, entregoulle unha distinción ao malpicán no Salón de Plenos.

O alcalde, Walter Pardo, entregoulle unha distinción a Adrián Verdes, o homenaxeado | Concello de Malpica


Supón isto, un recoñecemento a toda unha carreira marcada pola solidariedade, a empatía e a prestación dun servizo esencial para a veciñanza. Nas verbas do propio Adrián, di sentirse “moi orgulloso” de pertencer á agrupación de Protección Civil de Malpica, pobo que “levo e levarei sempre no corazón.”

Pola súa banda, o goberno local destacou a “boa vontade” de Verdes á hora de “ser de axuda e prestar apoio a toda a xente que o necesita, dun xeito
completamente altruísta e dedicado cen por cen á causa”, incidiron. “Adrián é un claro exemplo dun cidadán exemplar, que posúe valores que deben servir de exemplo ás novas xeracións.”

6Mar 2021

Malpica inaugura a Rúa dos Contos para galardoar as persoas premiadas no certame de microrrelatos

O Concello de Malpica, a través da concellaría de Cultura, inaugurou hoxe a Rúa dos Contos para galardoar as persoas premiadas no certame de microrrelatos. Hoxe terá lugar tamén, á súa vez, un novo certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’, que este ano cumpre a súa XV edición. A compañía Aldaolado, pola súa banda, marcará o reinicio das representacións culturais no Centro Cívico coa súa obra ‘Epístola ás neofalantes’.

Mañá, 7 de marzo, o pano volverase abrir a partir das 18:00 horas, con Tarabela Creativa escenificando ‘Tabú’, de Carmen Conde, e que servirá para conmemorar o Día Internacional da Muller.

O domingo 14 de marzo, á mesma hora, será a quenda do Teatro da Ramboia con ‘O meu mundo non é deste reino’. A última actuación do mes, programada para o 21 de marzo ás 18:00, estará a cargo de Producións Teatrais Excéntricas, que deleitará ao público con ‘Medida x Medida’.

27Feb 2021

Malpica súmase á iniciativa da compostaxe e facilitará colectores e formación entre a veciñanza

O Concello de Malpica acaba de adherirse ao Programa de Compostaxe Doméstica, de Sogama, mediante o cal facilitará composteiros e formación entre a veciñanza interesada sobre esta forma de reciclaxe natural. 

O obxectivo desta iniciativa é o de promover a autoxestión de refugallos orgánicos, converténdoos en abono co que fertilizar hortas, xardíns e terras de cultivo. Deste xeito, conséguese reducir a cantidade de residuos xerados e o uso de produtos artificiais que contaminen o solo. 

Calquera veciño ou veciña de Malpica que teña interese en sumarse ó programa deberá cubrir o formulario correspondente ao que pode acceder en www.concellomalpica.com e remitilo ás oficinas do Concello mediante o enderezo medioambientemalpica@gmail.com. Tamén se atenden solicitudes no teléfono 981 72 00 01. 

O único requisito é dispoñer dunha vivenda unifamiliar con horta ou xardín. Unha vez aceptada a inscrición, farase entrega dun composteiro e impartirase unha pequena formación sobre o proceso.

A concelleira de Medio Ambiente, María Álvarez, destacou “os grandes beneficios que aporta a compostaxe para o noso medio, que non deixa de ser a recuperación da reciclaxe natural e tradicional para converter os refugallos en fertilizantes”. 

“Coa adhesión do Concello de Malpica ao programa, agardamos que a veciñanza tome parte e se sume á iniciativa”, engadiu a edil, que incidiu nos “grandes beneficios que a compostaxe aporta a medio e longo prazo aos terreos de cultivo ao reducir a carga de produtos fertilizantes químicos”.

23Feb 2021

O Concello de Malpica inicia os traballos de humanización da rúa Igrexa e busca así maximizar o protagonismo do peón

O Concello de Malpica iniciou os traballos de humanización da rúa Igrexa, cos que se lle outorgará o protagonismo ao peón fronte ao tráfico rodado neste espazo que dá acceso á igrexa parroquial de San Xulián. O proxecto conta cun orzamento de 85.459,72 euros.

A intervención inclúe a retirada do mobiliario existente para liberar a zona de actuación; a substitución do pavimento actual por unha calzada de pedra de granito e formigón de cor natural; e a instalación dunha nova rede separativa de saneamento e tamén de abastecemento de auga.

Deste xeito, o Concello de Malpica dálle continuidade ao labor de humanización do centro urbano da vila, dentro dun plan integral que pretende eliminar o exceso de tránsito de vehículos na contorna desta rúa onde agora se intervén, buscando con isto “unha Malpica máis amable co medio ambiente e máis segura”, salientan desde o goberno local.

O grupo de goberno destacou que “os traballos teñen o obxectivo de outorgarlle prioridade ao peón á hora de transitar polo centro da vila”. “Incrementarase a seguridade viaria da veciñanza e tamén se mellorarán as condicións de accesibilidade no municipio”, engadiu.

3Feb 2021

O SERGAS realizará un cribado en Malpica para a poboación de rango de idade de 18 a 60 anos e citará a 2550 persoas

A partir de mañá, xoves 4 de febreiro, e ata o sábado 6 de febreiro, o SERGAS realizará un cribado no Concello de Malpica para a poboación de 18 a 60 anos, citando así a 2500 persoas.

Acudirase coa cita a través de SMS e será no Centro de Saúde da localidade, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Realizaranse test PCR para detectar posibles casos activos da COVID-19.

Desde o Concello de Malpica garántese a total colaboración coas autoridades sanitarias para que a organización destas probas durante as tres xornadas se desenvolvan “coas maiores facilidades” tanto para o persoal sanitario como para a veciñanza que acuda á realización dos test.

8Xan 2021

Floristería Lolita faise co primeiro premio do Concurso de Escaparates Nadal 2020 organizado polo Concello de Malpica

Floristería Lolita fíxose co primeiro premio do Concurso de Escaparates Nadal 2020 organizado polo Concello de Malpica. Desde o xurado, composto polos concelleiros Sergio García e Alfredo Cañizo, ademais de pola técnico de Turismo, destacaron “o alto nivel deste ano, coas conseguintes dificultades á hora de valorar a quen lle ían ser outorgados os galardóns”. Aquí podedes ver a fotografía do escaparate gañador.

Primeiro Premio Floristería Lolita

O segundo premio foi para o salón de peiteado Ana Ures (segunda foto), namentres que o terceiro foi para Calzados LC (última foto). A valoración dos escaparates fíxose sobre unha cualificación total de 50 puntos e tendo en conta os seguintes criterios de avaliación: calidade artística, composición, creatividade, orixinalidade e iluminación e utilización de elementos tradicionais do Nadal.

Segundo Premio salón de peiteado Ana Ures

O primeiro consta de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro, de 100 euros. Participaron, ademais, o salón de peiteado Espellos, Tía Carmen, Cartafol, Floristería Mayca, Adozarte, Xoiaría Pallas e Lolas, a quen desde o Concello lles agradecen “a súa participación neste concurso, por elevar o nivel e por darlle un toque de alegría a uns tempos moi complexos”, inciden.

Terceiro Premio Calzados LC
12Nov 2020

O alcalde concreta co presidente da Deputación a rehabilitación do centro sociocultural de Buño

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, mantivo unha reunión hoxe co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para abordar diferentes asuntos de importancia para a veciñanza malpicá. No encontro, que tivo lugar no palacio provincial da Coruña, o rexedor presentoulle ao presidente o proxecto para a rehabilitación do centro sociocultural de Buño, un dos principais temas tratados.

Pardo e Formoso concretaron a colaboración entre as administracións para emprender a actuación. Basicamente consistirá na reforma integral da dependencia, que xa conta con 50 anos de vida e necesita unha mellora nas súas prestacións.

Reunión entre o alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón, e o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso

A idea é renovar a instalación para ofrecer unha mellor distribución do espazo, novos servizos e maior accesibilidade. Con iso acadarase maior funcionalidade e posibilidades de acoller actividade.

O alcalde destaca que o centro constitúe o principal punto de encontro e de desenvolvemento de actividades para a cidadanía da parroquia. “É o centro de referencia de Buño e por iso queremos impulsar a súa modernización”, apunta Pardo, que agradece a “total disposición” que atopa sempre no presidente da Deputación da Coruña para proxectos de interese xeral en Malpica.

O arranxo do inmoble é esencial para que Buño dispoña dun espazo para unha programación continuada de actos. “Revitalizarase o tecido asociativo da parroquia”, apunta o primeiro edil, que lembra que o edificio foi pasando por diferentes usos na súa historia, como un teleclub, un centro médico, un lugar de actividades deportivas ou de reunión.

10Nov 2020

O Concello de Malpica abre o prazo para solicitar as axudas para microempresas e persoas autónomas afectadas pola COVID19

O Concello de Malpica xa abriu o prazo para solicitar as axudas para microempresas e persoas autónomas cuxa actividade se vise afectada pola COVID19. Estas subvencións, que terán un importe total de 116.383,81 €,  están enmarcadas dentro do Programa PEL Reactiva e cofinanciadas pola Deputación Provincial de Coruña e polo Concello de Malpica.

As axudas a conceder oscilarán entre os 1.500 e os 3000 euros e a solicitude das mesmas terá que facerse a través da sede electrónica do Concello antes das 14.00 horas do día 25 de novembro de 2020. Para realizar este trámite, preme nesta ligazón.

Estas subvencións van dirixidas a persoas traballadoras autónomas con ou sen traballadores/as ao seu cargo e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica,  o obxectivo de financiar os gastos correntes que veñan directamente provocados pola situación sanitaria ocasionada pola COVID19.

15Out 2020

Protocolo COVID do ximnasio municipal

O Concello de Malpica quere recordar o protocolo COVID19 do servizos deportivos municipais.

Ante un incremento de casos no noso municipio, hai que extremar as precaucións e seguir cumprindo as normas hixiénico-sanitarias:

  • Lavar as mans.
  • Usar máscara en todo momento.
  • Desinfectar a maquinaria despois de empregala.

Recorda que podes consultar o protocolo COVID no que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 nos servizos deportivos municipais nesta ligazón.

1Out 2020

O Concello de Malpica decreta dous días de loito oficial

O Concello de Malpica, en acordo con todos os representantes dos grupos políticos que integran a corporación, decidiu esta mañá decretar dous días de loito oficial, desde o venres 2 de outubro ás 00:00 horas ata o sábado, 3 de outubro, ás 23:59 horas, así como que as bandeiras ondeen a media hasta, tras coñecerse a noticia do falecemento de dous veciños da nosa localidade a pasada madrugada. 

Quedan suspendidas as actividades municipais programadas para esta fin de semana. Os centros socioculturais permanecerán pechados.

Desde o Concello, amosamos o noso pesar e a nosa dor polo seu pasamento, e trasladámoslle o pésame aos seus familiares e amigos. 

Descansen en paz.

Página 13 de 16« Primera...1112131415...Última »